|
Actualidade CIG-Comunicación-
Bombeiros e bombeiras, membros dos servizos de extinción de incendios e de salvamento tomaron as rúas de Compostela para reclamar que a súa actividade siga sendo de carácter público. A marcha, que partiu da Alameda da capital de Galiza, percorreu as rúas da zona nova para rematar no centro da cidade, a Praza de Galiza. Durante varias horas os composteláns foron testemuñas dunha protesta que non pasou desapercibida para ninguén. Ao rechamante dos uniformes sumouse un sonoro coro de petardos, bucinas e asubíos. As bengalas e os botes de fume completaron a inusual imaxe da vila.
Tal e como se recolle no manifesto que distribuíron os/as convocantes, a Constitución consagra o dereito de cidadáns e cidadás a súa seguridade coma un dereito fundamental. A lei 2/1985 de Protección Civil outorga ás Comunidades Autónomas a competencia para asegurar a instalación, organización e mantemento dos servizos de prevención e extinción de incendios. A maior parte das CCAA cumpren con esta obriga, garantindo a seguridade dentro do seu territorio, implantando servizos propios de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento e promovendo leis que regulan ditos servizos e as condicións de emprego dos profesionais que os prestan. Porén, lembran que Galiza carece dun marco de seguridade “axeitado e eficaz, como se ten posto de manifesto recentemente na xestión das situacións de emerxencia vividas como consecuencia do afondamento do Prestige, a vaga de lumes do último verán ou as torrenciais precipitacións sufridas no outono pasado”. Ata hai pouco, só os principais concellos galegos posuían servizos profesionais de prevención e extinción de incendios propios, quedando o resto do territorio cunha atención precaria e recaendo a responsabilidade de atender as emerxencias principalmente nas mans de agrupacións de voluntarios. O anterior goberno da Xunta comezou a experimentar coa creación de parques comarcais consorciados con algunhas deputacións e concellos que, logo de facer un importante desembolso de fondos públicos, se entregaron a empresas privadas para a súa xestión. Cando o goberno do PP presentou o seu Proxecto de Lei de Protección Civil e Xestión de Emerxencias de Galiza (que daba cobertura legal á dita tendencia privatizadora), o BNG e o PSOE (daquela na oposición) presentaron sendas emendas á totalidade que demandaban unha ordenación dos servizos de emerxencia e salvamento de xeito integrado, coordinado e planificado dende a administración autonómica para garantir a prestación do servizo en todo o territorio galego de xeito profesionalizado, apostando decididamente por “...un autentico servizo público de Bombeiros de Galicia”. Os programas electorais cos que se presentaron ás eleccións os partidos que hoxe forman o goberno galego comprometían textualmente o seguinte: “…a creación dun verdadeiro servizo público de Protección Civil…”, “…potenciándose a definición da carreira profesional de bombeiro…”, “…reorganización e redifinición dos parques comarcais e municipais, dos GRUMIR, das brigadas forestais. Impulso das políticas de consolidación e estabilidade de emprego…”, (no programa do PSOE) ou “Reforzar o carácter de servizo público dos distintos servizos dedicados á protección civil e xestión de emerxencias, extinción de incendios e salvamento, revisando a tendencia privatizadora”; “Integrar nun único servizo, baixo a dependencia autonómica e en colaboración coas entidades locais, os distintos corpos de extinción de incendios e salvamento”, “… integración das brigadas dos servizos de defensa contra incendios forestais …”. E para máis abondamento, “…crear o servizo de bombeiros e salvamento da Xunta de Galicia…”, no programa do BNG. As organizacións convocantes, CIG, CCOO e UGT, lembran que “afastándose dos seus propios compromisos electorais, os partidos que agora sustentan o goberno galego veñen de remitir ao Parlamento un Proxecto de Lei de Emerxencias de Galiza que, na mesma liña que o anterior goberno do PP, OPTA POR UN MODELO DE XESTIÓN PRIVADA DAS EMERXENCIAS (modelo sen precedentes no resto de comunidades autónomas) E A DESAPARICIÓN DOS BOMBEIROS PROFESIONAIS (aos que nin menciona en todo o articulado do Proxecto de Lei), que implica a desprofesionalización das emerxencias, deixándoas en mans de entidades con ánimo de lucro e agrupacións de voluntarios/as que, malia a entrega altruísta e esforzo que aportan, non deben ser o basamento principal dos grupos operativos na xestión das emerxencias, prevención, extinción de incendios e salvamento”. O manifesto conclúe que, no mesmo sentido, na Deputación de A Coruña, gobernada agora polo PSOE e o BNG, mantense a mesma política privatizadora dos parques comarcais construídos con diñeiro público, iniciada baixo o mandato do PP; e no que atinxe á atención dos incendios forestais, pasouse de comprometer a “…integración das brigadas dos servizos de defensa contra incendios forestais nun servicio público de prevención, extinción e salvamento…”, a optar pola creación dunha empresa de servizos agrarios, abrindo a porta da participación do capital privado.
Alén diso, denuncian a precariedade laboral á que se está a someter aos traballadores e traballadoras das empresas concesionarias dos servizos de extinción, en detrimento da necesaria seguridade e profesionalidade exixíbel neste tipo de servizos; a improvisación e a falta de organización de servizos repartidos entre empresas nas que prima o beneficio por riba da eficacia, e sometido aos vaivéns do mercado e caprichos empresariais, en prexuízo da necesaria coordinación e eficacia que debe primar como criterio de funcionamento; a entrega de bens e servizos esenciais construídos con diñeiro público a empresas privadas para convertilos nun negocio; e a escasa fiabilidade dun modelo baseado no labor aportado por un voluntariado que, aínda sendo importante, obriga a cambios de persoal constantes, o que repercute na propia seguridade laboral nunha actividade perigosa e impide unha formación e reciclaxe permanentes, en detrimento da cualificación, tecnificación, profesionalidade e, en definitiva, eficacia que debe primar na organización deste tipo de servizos. Os sindicatos CIG, CCOO y UGT, así como a Plataforma de Bombeiros Profesionais de Galicia, manifestan, xa que logo, a súa frontal oposición “a que os servizos de emerxencias, prevención, extinción de incendios e salvamento, que deben ser considerados servizos públicos esenciais, se convirtan nun negocio lucrativo e exiximos da Xunta de Galicia a CREACIÓN DUN SERVIZO PÚBLICO GALEGO DE PREVENCIÓN, EXTINCIÓN DE INCENDIOS E SALVAMENTO, que resposte aos principios de coordinación, integridade territorial e funcional, profesionalización e eficacia. Igualmente demandamos a regulamentación de tódolos aspectos relacionados coa prestación do dito servicio con persoal propio, definindo as formas de acceso, organización, categorías profesionais, funcións e exercicio da autoridade pública, retribucións, carreira profesional, etc…”. |
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2007 |
||||||||||||||||||
|