Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 8 de febreiro de 2007 (Publicado en La Región o 07/02/2007)

Como fai trinta anos
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Folga construción Ourense, clic para aumentar
A clase obreira fervía, mesmo nunha provincia tan pouco industrializada como a de Ourense. Neste ambiente agromaba o novo sindicalismo, que esmagaba rapidamente ao vertical, e os partidos comezaban a asomar a testa, saíndo uns da clandestinidade e outros da mesa camilla.
 
O tempo pasa rapidamente, tanto que xa fai trinta anos que se deron os primeiros pasos firmes da transición, cando as loitas labregas e obreiras inzaron as estradas e rúas do país. Hoxe os que daquela eran mozos e mozas son persoas que abranguen idades de entre 50 e 60 anos, en moitos casos –seguramente- teñen esquecido ou non transmitiron aos seus fillos e netos que foron protagonistas dunha mudanza histórica, froito dunha loita de décadas contra un réxime autoritario, que abafou a nosa identidade nacional e calquer reivindicación popular. Mil novecentos setenta e sete foi chave, e desbordou calquera previsión, o ano anterior aínda as liberdades estaban atadas, e a ditadura ferida resistíase con teimosía a aceptar mesmo os dereitos máis básicos.

Fagamos memoria sobre algúns dos acontecementos en Ourense daquel intre de inquedanzas apaixoadas. A primeiros de 1977 houbo folgas da construción e do transporte. O día 22 de marzo era desaloxada unha concentración de operarios da construción pola policía na parroquia de Asunción-Tras Hospital; o día 25 dese mes 3.000 traballadores decidían en asembleia aceptar o preacordo e daban por rematado o paro. Ese mesmo día os xornais facían mención a que o Governo civil prohibía un mitin a prol da legalización dos partidos políticos. En maio os meios destacaban os duros enfrontamentos por mor da folga da madeira en Carballeda de Avia; o 29 dese mes remataba o paro, incorporándose os obreiros ao traballo, agás 15 despedidos. Debemos lembrar asemade que houbo tamén folga de seis días na Mina da Penouta e encetaban os problemas na empresa Unión Craditor. En poucas verbas: a clase obreira fervía, mesmo nunha provincia tan pouco industrializada como a de Ourense. Neste ambiente agromaba o novo sindicalismo, que esmagaba rapidamente ao vertical, e os partidos comezaban a asomar a testa, saíndo uns da clandestinidade e outros da mesa camilla.

Hoxe algúns, desde a cúspide do poder, reinterpretando a historia, pretenden darlle todo o protagonismo da queda do franquismo á liorta interna, as pelexas de camarilla das distintas fracións da ditadura, afirman que algunhas seica colleran conciencia social e vogaban pola democracia desde facía tempo. Abraiante! Négase deste xeito o papel sobranceiro das loitas sociais, dos partidos liberadores duramente reprimidos, dos centos de obreiros detidos e multados por botarlle coraxe e facer folgas cando estaban penadas, ou dos labregos atrevidos que se opuñan aos encoros que asolagaban vales que foran o seu sustento durante séculos. Miles e miles de persoas, a maioría mozos e mozas, escribiron durante eses anos páxinas cheas de ilusión polo futuro e solidariedade. Esa etapa sementouse con sangue e moita represión e loita. Non foi obra de dous iluminados, e moito menos de golpes de man internos dalgúns dos que tiñan e mantiñan o poder coa forza das armas. As diferenzas no réxime xurdiron cando colleron conciencia de que o barco ía a pique, e que era millor salvar algo antes de que a revolución social se convertera en mudanzas radicais, sen retorno.

Pasaron os anos, houbo avanzos e recuares, luscos e fuscos, momentos de ledicia e de amargura, e o novo escenario político, que non cambiou abondo, atopou millor preparados (e máis apoiados) pra facer política e xestionar as institucións ás clases altas e medias en xeral e aos profesionais e funcionarios en particular. Mentres a clase obreira, o campesiñado e a mocidade rebelde, foi de vagar opacada democraticamente; non sendo no intre de exercer o voto ou de pegar o cartaz, e esto último cada vez menos por mor da publicidade mediatica. En fin, que todo mudou e seguirá mudando, dependendo do que fagamos, como, cando, pra que e con que... exactamente como fai trinta anos.

 
 

Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG. (Máis artigos...)

  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta