Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 19 de febreiro de 2007

Elena Reynaga, secretaria xeral de AMMAR:
“Queremos ser recoñecidas como traballadoras sexuais cos mesmos dereitos e deberes que o resto”

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Elvira Patiño, clic para aumentar
Elvira Patiño, secretaria confederal de Muller da CIG, introducíu a charla-coloquio e explicou a situación na que se atopa o debate sobre este asunto en Galiza. Un debate con dúas posturas enfrontadas: recoñecemento da prostitución como traballo sexual ou abolición. (Foto: ©galizacig.com 08/02/2007).
 
Elena Reynaga, secretaria xeral de AMMAR, secretaria executiva de Redtrasex e secretaria de Actas da Mesa Nacional Executiva da CTA participou o pasado día 8 de febreiro nunha charla-coloquio organizada pola Secretaría da Muller da CIG. Reynaga, que visitou Galiza convidada pola Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Fillos do Mundo, conta nesta entrevista a andaina do seu colectivo, a súa integración na Central Arxentina de Traballadores e as súas demandas.


Paula Castro: Como naceu AMMAR?

Elena Reynaga: Todo isto comezou no ano 1994 porque sufríamos unha constante represión policial. Viñamos de padecer un proceso militar moi duro, e aínda que a historia dos dereitos humanos non fala de nós, o certo é que o pasamos moi mal durante ese período. Iamos 30, 80, 90 días detidas. Dependía. Non sabiamos cando iamos saír. Na democracia, tampouco mudou demasiado a situación. O único que se definía era que as detencións non podían superar os 21 días de cárcere. Pero eran hoxe 21 días e logo outros... e tranquilamente estabas oito meses en prisión polo único delicto de ter nacido pobre. Un bo día decidimos cambiar esa situación e comezar a facer algo por nós mesmas. Iniciamos a nosa andaina con dúas antropólogas que estaban realizando un traballo sobre a prostitución na vía pública. Contáronos que existía unha organización, AMEPU, en Uruguai, que leva xa 28 anos legalizada, que conseguira o recoñecemento das prostitutas como traballadoras, a xubilación... Aí comezamos a pensar que se elas o conseguiran, por que non nosoutras? Aínda que nese momento non nos considerabamos traballadoras, só prostitutas... Comezamos a xuntarnos nos bares, nas zonas nas que traballábamos. Pero cando o gran patrón viu o que se estaba xestando e que iso podía ir contra os seus intereses económicos incrementou as súas ameazas, chegando a policía a sacarnos de dentro dos bares onde celebrábamos as xuntanzas. A través dun compañeiro de ATE (Asociación de Traballadores do Estado) facilitóusenos un lugar no seu sindicato dos traballadores para xuntármonos. Pero ese sindicato era xusto nunha zona de traballo sexual e alguén informou á policía de que nos estábamos reunindo aí e cando saiamos, aos 100 metros, levábanos a todas detidas. O compañeiro suxeriunos que faláramos coa CTA e en marzo de 1995, ingresamos na central de traballadores.

  Elvira Patiño e Elena Reynaga, clic para aumentar
Elvira Patiño e Elena Reynaga na charla-coloquio organizada pola Secretaría da Muller da CIG. (Foto: ©galizacig.com 08/02/2007).
 
Paula Castro: Como foi o voso ingreso na CTA?

Elena Reynaga: Ingresar na CTA foi como entrar en calquera outro lugar. Non tiñamos ningunha militancia política nin gremial nin formáramos parte de ningunha organización de outro tipo. Só sabíamos que non queriamos volver ir detidas pero nin sequera concibíamos ese desexo como unha reivindicación. Eramos tan brutas que non sabíamos nin que tiñamos dereitos. Malia todo, levamos esa reivindicación e no ano 1998 conseguimos a derrogación da lexislación pola que se permitía que nos detiveran. Canto á nosa relación coa CTA, ao principio estabamos no soto e as oficinas arriba. Todo ía ben mentres non nos viran alí. Non nos molestaba, porque nos autodiscriminábamonos. Quen si viña a vernos era Víctor D'Genaro, secretario xeral da CTA, a preguntarnos, a coñecer a nosa realidade, a nosa situación, as nosas demandas. Nós criamos que todo o mundo o sabía, pero o certo é que descoñecían que nos pegaban, que nos sacaban os cartos e que mesmo nos violaban dentro dos calabozos. A xente non nos consideraba persoas, nin sequera nós. Eramos simplemente unha ‘cousa’ para a esquina. Unha ‘cousa’ que a moita xente non lle gusta ver. Pero fomos aprendendo que somos un suxeito que está parado nesa esquina. Un suxeito que ten toda unha historia detrás e que como consecuencia da pobreza, da desigualdade, acabamos parando no traballo sexual. Seguimos falando co compañeiro Víctor D'Genaro e tamén con Héctor Picone, periodista e secretario de Prensa da CTA e no 97 Víctor decidiu darnos un lugar arriba. Un lugar moi estratéxico, que nós chamamos a peixeira, porque está rodeado de vidro e no medio de todas as oficinas. Quen vai á CTA e non ve AMMAR non ve máis nada, porque é unha oficina moi alegre, con moitos vermellos, moitos folletos e moi rechamante para que se atreveran a mirarnos á cara. Foi moi duro e ao principio o máis duro foi coas mulleres, porque as compañeiras pensaban que nós iamos exercer o traballo sexual dentro da CTA e que lles iamos sacar os compañeiros. Había ademais moitos medos e moito descoñecemento o que provocou que houbera moita discriminación, moitas pelexas e mesmo pecharnos a porta. Iamos ao baño e xa non entraba ninguén máis. Foi realmente duro. Até que un bo día decatámonos de que moita xente discrimina desde o descoñecemento dunha realidade e non da mala leche, así que elaboramos unha carta para facer chegar a todos os compañeiros e compañeiras o que sentíamos e o que queríamos. Resultou unha carta moi dura pero moi conmovedora e con moito sentimento. O compañeiro de prensa leuna e propuxo publicala na tapa da revista da CTA, no diario. Obviamente non pediu autorización á mesa nacional, porque sabía que lle ían dicir que non. Lanzouse só e iso case lle costa o posto. Esa carta foi moi importante na nosa vida e na vida da CTA. As primeiras persoas que entraron a pedirnos desculpas foron os xubilados, porque eran os que máis se resistían. A carta foi un pasiño, pero logo a CTA integrounos ao vernos as garras, a forza e as ganas que tiñamos de traballar.

  Elena Reynaga, clic para aumentar
Elena Reynaga: “Non se cambia o sistema só con determinados traballadores, cambia con todos. Cos que teñen emprego e cos que non, cos que teñen un traballo que lles gusta e cos que non. Os cambios sociais, políticos e culturais nun país fanse con toda a clase traballadora e hai que deixar de ser sectarios”. (Foto: ©galizacig.com 08/02/2007).
 
Paula Castro: A partir de aí, como se desenvolveu a vosa actividade en relación coa Central?

Elena Reynaga: Comezaron a vernos como mulleres comprometidas, responsábeis á hora de pelexar como calquera outra muller, como calquera outro traballador e coido que non lles quedou outra que integrarnos. No 96 houbo un congreso e fomos como quen vai ao cine. Daquela tiñamos cero de conciencia e como viamos que todo o mundo levantaba a man, nos levantabámola tamén. Agora dámonos o gusto de que se non estamos de acordo coa proposta, non levantamos a man e non nos sentimos mal porque esa é a democracia real e ninguén se ten que anoxar. No 1999 houbo outro congreso e a cousa xa foi distinta. Fomos 15 compañeiras e dúas de nós fomos a inscribir ao resto para entrar nas sesións. Mentres o resto agardaban polas acreditacións pasaron un grupo de mestras moi anoxadas porque estabamos alí dicindo, “que atrevemento que as putas se consideren traballadoras e que a CTA por riba as acepte!” e cando regresei as chicas estaban chorando. Busquei a Comisión de Gremial que é a de maior participación, para poder dicir que se falaban de clase, de que había que integrar á clase, nós éramos parte dela e tiñan que nos integrar, abrirnos a cabeza e o corazón cambiar o modelo... non se cambia o sistema só con determinados traballadores, cambia con todos. Cos que teñen emprego e cos que non, cos que teñen un traballo que lles gusta e cos que non. Os cambios sociais, políticos e culturais nun país fanse con toda a clase traballadora e hai que deixar de ser sectarios.

Paula Castro: Como influíu a vosa integración na CTA na adquisición desa conciencia social, política e ideolóxica?

Elena Reynaga: Fómola adquirindo participando nos debates, nos plenarios, nos seminarios, nos diferentes actos... Se hai unha marcha de mestres nós imos, porque a educación tamén ten que ver con nós. Non é só a reivindicación do mestre, tamén é unha realidade nosa. Se o mestre ten bo salario, vai poder ir todos os días á escola e non vai ter que facer tantos paros e iso repercute nos meus fillos e en min. Se hai unha reivindicación da saúde asumímola tamén como propia, partindo de que cada reivindicación de cada traballador é unha reivindicación nosa porque somos todos traballadores. Iso aprendémolo na CTA. De seguir soas teriámonos convertido nunha ONG para repartir profilácticos e, seguramente eu, hoxe, non estaría aquí falando contigo, nin percorrendo o mundo para dar conta das nosas reivindicacións. Tamén aprendemos na CTA a ser distintas. A non repetir os modelos da CGT, a tradicional central dos peronistas. Ao repetir eses modelos, para ser secretaria xeral na CGT unha ten que facer 80.000 cursos, porén na CTA o que se valora é o traballo real e concreto de cada quen. Agora son secretaria de Actas na Mesa Nacional e en ningunha parte do mundo ningunha traballadora sexual forma parte da Executiva dun sindicato. Teño voz, teño voto e cústame como lle custa a todas as mulleres en todos os movementos, non só no ámbito político ou sindical.

  Elena Reynaga, clic para aumentar
Elena Reynaga: “Nós consideramos que temos que ser nós mesmas as que decidamos, que ninguén nos ten que temer, que queremos estar no debate, que somos maiores de idade e que estamos neste traballo por consentimento propio. Outra cousa é a trata de persoas, a prostitución forzada, a explotación das nenas e os nenos, co que, por suposto, non estamos de acordo”. (Foto: ©galizacig.com 08/02/2007).
 
Paula Castro: Abolición ou legalización e recoñecemento como traballadoras?

Elena Reynaga: A respecto do abolicionismo, trátase dunha definición que nin foi elaborada por nós nin puidemos participar. Foron un grupo de mulleres as que o definiron e países que se adheriron. Pola contra, o termo traballo sexual si que o definimos nós. No ano 1987 houbo un encontro de prostituas en Nova Iork, no que participaron chicas de todo o mundo onde que acordaron definirse como traballadras sexuais e comezaron a pelexa á que nós posteriormente nos adherimos. Malia todo, coido que o abolicionismo está mal entendido. É como a Biblia ou como o Código Penal, que ten diferentes interpretacións en función do que lle interese a cada avogado ou a cada xuíz. Hai partes nas que estou de acordo como onde di que se deben xerar programas para a reinserción das prostitutas. Agora ben, non hai un só país do Mundo no que se puxera en marcha un programa de reinserción. Pola contra, entendérono como que hai que abolir a prostitución levando detidas ás compañeiras, facendo lexislacións nas que se prohibe a oferta e a demanda, e iso, en realidade o único que xenera é negocio para certas persoas e moita violencia para as mulleres. Nós consideramos que temos que ser nós mesmas as que decidamos, que ninguén nos ten que temer, que queremos estar no debate, que somos maiores de idade e que estamos neste traballo por consentimento propio. Outra cousa é a trata de persoas, a prostitución forzada, a explotación das nenas e os nenos, co que, por suposto, non estamos de acordo. Pero é algo do que os estados deberían facerse responsábeis dando garantías e non limitando a súa actuación a levarnos presas e ignorándonos. Ese non é ningún programa de reinserción.

Paula Castro: Como se camiña cara o voso recoñecemento?

Elena Reynaga: Polo momento xa conseguimos formarnos e buscar alianzas. Imos a algúns seminarios que imparte a OIT, traballando tanto a nivel internacional como a nivel rexional, para ver de que maneira e por onde podemos ir pero cando menos xa os temos como aliados. O que queremos é ser recoñecidas como traballadoras sexuais, ter os mesmos dereitos e obrigas que teñen todos os traballadores. Queremos o apoio do estado e do goberno para ter as alternativas necesarias para as compañeiras que non queiran exercer este traballo. Queremos ter dereito a elixir e a decidir que facemos coa nosa vida. O que estamos dicindo é que non queremos que sigan falando por nós, que deixen de reinterpretarnos. Temos voz e temos dereitos e queremos exercelos.

Paula Castro: Contades co apoio do feminismo?

Elena Reynaga: Hai un feminismo radical co que non contamos. Eu traballo para defender os dereitos humanos a nosas reivindicacións como mulleres, a equidade e a igualdade, para min iso é o feminismo. Son respectuosa do pensamento da outra. Un día díxenlle a unha compañeira feminista lésbica, que eu non decidín como ela se tiña que chamar, nin sobre as trans ou a comunidade gay. Decidiron por si propias, e por que non respectar que nós mesmas decidamos como nos queremos chamar e se queremos ou non traballar aquí. É unha discusión que só nós podemos dar porque o corpo é noso e ninguén ten o poder sobre nós. Xa basta de que pensen no que é bo para nós, e basta tamén de que se enchan de cartos a costa das “pobriñas prostitutas”. Neste sector tamén hai moita hipocrisía, porque mentres falan das pobriñas, teñen grandes recursos económicos mesmo de axencias internacionais e elas andan en Mercedes Benz mentres eu ando en alpargatas.

Paula Castro: Cales son as vosas principais demandas?

Elena Reynaga: Ser recoñecidas como traballadoras sexuais e ter os mesmos dereitos e deberes que os resto da clase traballadora xa sería para nós moito. Como movemento arxentino e latinoamericano chamamos a todas as mulleres a ingresar nunha central sindical, porque o cambio na sociedad depende de todos e de todas. Non quero nenos na rúa, non quero nenos explotados, quero que estean onde teñen que estar, que é cos seus pais e na escola. Quero que os traballadores teñan os salarios que realmente se merecen; quero que as mulleres teñamos a igual traballo igual salario; que esteamos nos espazos onde se toman as decisións, polo que nós valemos, como mulleres con dereitos e con capacidade.

Paula Castro: Como funciona a rede latinoamericana?

Elena Reynaga: A rede creámola no ano 97 e desde aquela deu moitas voltas, porque non é mesmo estar nun país que estar en varios con diferentes culturas. Hai aproximadamente tres anos, logramos sacala adiante a pesar de todas as dificultades. Hai que ter en conta que a nós ninguén nos daba cartos, outra discriminación: as putas no poden manexar cartos porque poden roubalos, como se nas outras organizacións non se roubaran os cartos (eu sei de deputados que rouban...), pero nós cargamos con todos os estigmas. O certo é que demostramos que podíamos sacar adiante esta rede e agora financia REDTRASEX unha axencia de Londres, alianza internacional para a SIDA e por sorte podémonos xuntar.

 
 
  Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta