|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Horas despois o buque reemprendía o seu rumbo cara ao Mediterráneo. O problema inicial coa carga, unhas 6.000 toneladas dun fertilizante que comezara a emitir gases, dicíase que estaba resolto. O propio operativo de resposta, que se montara coa axilidade que requiren estes casos, respiraba tranquilo. Operativo de resposta que, dito sexa de paso, estaba -e está- comandado polo Goberno central, aínda que con participación da Xunta. Ao pouco tempo de o Ostedijk reiniciar a marcha cara ás costas valenciás, o capitán do barco volve detectar o mesmo problema coa carga e lanza un novo SOS. A partir de aquí, os datos parecen indicar que o Gabinete de crise dubida en canto a resposta a dar e seguramente perde un tempo precioso para unha pronta solución do que nese momento xa se pode dar en cualificar como unha crise, coa conseguinte alarma social nunha cidadanía como a galega que aínda conserva moi fresca na memoria a catástrofe ambiental provocada hai algo de máis de catro anos polo petroleiro Prestige. Por unha razón ou por outra, o fluxo informativo acerca do que está acontecendo, tan necesario nunha situación que xa creara alarma na poboación, vese ralentizado por parte das autoridades. Isto parece atribuíbel ao comportamento dubitativo e errático que por momentos vai tendo o Gabinete de crise, órgano onde comeza a tomar protagonismo Pilar Tejo, directora de Sasemar (Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima), dependente do Ministerio de Fomento español. Salvadas as evidentes distancias, a alongada sombra do Prestige parece emerxer no litoral galego, e comezan a saír publicamente as críticas a aspectos da xestión da crise. Desde a plataforma Nunca Máis até colectivos ecoloxistas como Adega, pasando polo BNG, reclaman maior dilixencia e eficacia para solventar os problemas producidos polo Ostedijk, así como volven demandar que as políticas de seguridade e loita contra a contaminación no mar sexan competencia exclusiva do noso país. En todo isto, non deixa de resultar curiosa a posición do Partido Popular; nun primeiro intre oferecendo a súa colaboración (vaia sarcasmo que sacasen a relucir o nome do anterior conselleiro López Veiga, un dos que ten responsabilidades directas na catástrofe do Prestige), para logo sumarse ao coro de voces críticas, até o punto de comparar a xestión desta crise coa desenvolvida polo PP cando a maré negra do Prestige. Pasada xa case unha semana, non existe aínda unha solución definitiva ao problema creado polo Ostedijk, aínda que se segue a actuar sobre o buque e a súa carga co fin de paliar a situación, o cal non parece de todo doado nesta altura, máxime cando se segue sen determinar o que finalmente vai pasar coas 6.000 toneladas de fertilizante que motivaron o incidente. Así e todo, son moitas xa as cuestións que suscita esta nova crise, motivada por un novo buque cargado con mercadorías perigosas que presentou problemas fronte á costa de Galiza. Un dos máis de 14.000 que, con este tipo de carga, pasan anualmente polo noso litoral. Por certo que este buque é deses que sucan os mares baixo bandeira de conveniencia, unha práctica que desde logo está demostrado que non contribúe a unha maior seguridade na navegación. Así, aínda que na boca da xente o Ostedijk comezou a ser chamado o “holandés errante”, isto non é moi correcto nun buque que, con todo, si navegou baixo esa bandeira, e outras -como a de Italia ou Panamá-, pero que hoxe posúe outro pavillón. Ademais diso, hai que ter presente que este barco xa sufrira unha recente retención de días no porto francés de Bordeos, por mor dunha serie de deficiencias que presentaba para a navegación. Entre as varias cuestións a sinalar a respecto desta crise, hai unha que constituía e constitúe unha das reivindicacións que nesta materia viña mantendo a plataforma Nunca Máis: o estabelecemento de lugares refuxio na costa galega, algo que xa debería estar feito, máxime cando diferentes directrices de ámbito internacional así o aconsellan (recomendacións da OMI, paquete Erika da Unión Europea, etc), e que até o de agora foi desoído polos gobernantes (a presión cidadá si fixera que o anterior conselleiro de Pesca da Xunta presentara un borrador sobre este aspecto). En calquera caso, a crise desatada polo Ostedijk volve poñer en evidencia a extrema vulnerabilidade que padece o noso litoral fronte a situacións críticas motivadas por situacións de risco no mar. Se cadra, este episodio é só un recordatorio de que, desgrazadamente, “outro Prestige aínda é posíbel”, como o pasado mes de novembro facía patente a plataforma Nunca Máis na manifestación convocada con motivo do cuarto aniversario da última maré negra. Última e oxalá que derradeira maré negra. Os indicios para que isto sexa así non convidan ao optimismo. Mais aínda estamos a tempo. O Ostedijk non foi máis ca un aviso.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2007 |
||||
|