Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 9 de febreiro de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
Tempo de rebaixas para a clase traballadora

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O consenso fundamental do chamado “Acordo Interconfederal para a Negociación colectiva” vira arredor da ‘contención salarial’, o que non deixa de ser paradoxal nun momento en que a conxuntura económica está caracterizada por unha certa ‘bonanza’, o que expresado noutros termos vén a sinalar que a marxe de beneficios das empresas é boa, cunhas taxas de ganancia mesmo desorbitadas. Fronte a isto, a clase traballadora ten que se mover nos lindeiros dunha precariedade que non diminúe e cunha notábel perda do seu poder adquisitivo.



  Diálogo social Galiza, clic para aumentar
A concreción final deste “Acordo polo Emprego” pivota en nove eixos, moitos dos cales apuntan á indeterminación e que desde logo non están dirixidos a afrontar a verdadeira tribulación do mercado laboral do noso país: a precariedade. Con estes presupostos, non é de estrañar, pois, a postura adoptada pola CIG, non asinando o acordo e cualificándoo de “propagandístico”, nunha actitude de coherencia e compromiso coas súas bases. A outra ausencia significativa no acto de asinamento do “Acordo polo Emprego” sería a do BNG, que é unha das pólas do actual Goberno galego e que é posíbel interpretar desde a incomodidade da forza nacionalista ante o xeito en que Pérez Touriño e o PSOE (na Consellaría de Traballo) xestionaron esta cuestión.
 
Esta semana a casualidade fixo coincidir o asinamento de dous acordos laborais, un en Galiza e outro en Madrid, acordos que, aínda sendo diferentes en contidos, debuxan un panorama similar de “paz social” que non responde á realidade do día a día da clase traballadora. Nese sentido, non se pode obviar que os traballadores e traballadoras vimos sufrindo nas últimas dúas décadas un importante recorte dos nosos dereitos, nun escenario laboral marcado pola precariedade das condicións de traballo.

O acordo asinado en Madrid tivo como protagonistas á patronal española (CEOE e CEPYME) e mais aos sindicatos estatais CCOO e UGT. Este pacto, denominado “Acordo Interconfederal para a Negociación Colectiva”, basicamente renova o que se vén asinando entre as mesmas cúpulas patronais e sindicais desde o ano 2002, curiosamente en plena era Aznar e ano en que tivo lugar no conxunto do Estado unha folga xeral contra as políticas económico-laborais do Goberno do PP. Está de máis dicir que o asinamento deste Acordo é rexeitado desde as centrais sindicais nacionais con representatividade (a CIG en Galiza e ELA e LAB en Euscadi), por entenderen que é un pacto que se fai de costas aos traballadores e que en nada beneficia os seus intereses.

O consenso fundamental deste Acordo a dúas bandas vira arredor da ‘contención salarial’, o que non deixa de ser paradoxal nun momento en que a conxuntura económica está caracterizada por unha certa ‘bonanza’, o que expresado noutros termos vén a sinalar que a marxe de beneficios das empresas é boa, cunhas taxas de ganancia mesmo desorbitadas. Fronte a isto, a clase traballadora ten que se mover nos lindeiros dunha precariedade que non diminúe e cunha notábel perda do seu poder adquisitivo.

Xustamente a negociación colectiva debería ser un dos instrumentos fundamentais dos traballadores e traballadoras para dar saída ás súas reivindicacións, demandar un reparto máis equitativo da riqueza e que precisamente os beneficios empresariais revertesen na mellora das condicións de vida e de diferentes aspectos laborais da clase traballadora. Mais esta posibilidade é truncada, un ano máis, polas cúpulas dirixentes do sindicalismo españolista, CCOO e UGT, acordando coa patronal un pacto que literalmente modera as demandas de melloras laborais e salariais da clase traballadora e colócaa aos pés dos cabalos dos intereses do capital.

Pola súa parte, o acordo asinado en Galiza é un pacto a tres bandas -Xunta, patronal (CEG) e sindicatos estatais (CCOO e UGT)- e pretende ser un acordo polo emprego, dentro dunha dinámica así chamada de “diálogo social”, que fora unha das promesas do actual presidente da Xunta na súa investidura no verán de 2005. Aínda que o sindicalismo nacionalista máis representativo (a CIG) veu participando das diferentes reunións que se produciron antes do “Acordo polo Emprego”, a dilación na concreción do devandito acordo e a falta de acordos de calado levou a que a central nacionalista se levantase das mesas de negociacións e denunciase publicamente estes extremos. Así e todo, deixou unha porta aberta ao diálogo, sempre que este servise realmente aos intereses das traballadoras e traballadores galegos.

A concreción final deste “Acordo polo Emprego” pivota en nove eixos, moitos dos cales apuntan á indeterminación e que desde logo non están dirixidos a afrontar a verdadeira tribulación do mercado laboral do noso país: a precariedade. Con estes presupostos, non é de estrañar, pois, a postura adoptada pola CIG, non asinando o acordo e cualificándoo de “propagandístico”, nunha actitude de coherencia e compromiso coas súas bases. A outra ausencia significativa no acto de asinamento do “Acordo polo Emprego” sería a do BNG, que é unha das pólas do actual Goberno galego e que é posíbel interpretar desde a incomodidade da forza nacionalista ante o xeito en que Pérez Touriño e o PSOE (na Consellaría de Traballo) xestionaron esta cuestión.

Nos próximos meses poderase ir vendo de que maneira un e outro acordo afectan ás traballadores e traballadores galegos e ás súas condicións laborais e calidade de vida. Os presaxios desde logo non son nada bos.


Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta