Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 7 de febreiro de 2007

Iñaki de Juana Chaos e a “xustiza” prêt à porter
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  De Juana Chaos en folga de fame, clic para aumentar
De Juana Chaos en folga de fame. (Foto: ©Gara).
 
Despois de semanas (perdín a conta) de folga de fame, Iñaki de Juana Chaos é noticia lonxe, na Gran Bretaña, e da man de The Times. Aparece na cama do hospital-cárcere, con só 50 e tantos quilos, co puño en alto, desafiante e convencido ante a morte e a liberdade. Iso doe.

Lembro os días de agonía de Bobby Sands e os seus compañeiros do IRA no cárcere de Maze, aínda queda xente que, como dicía José Martí, representa o decoro do mundo. Non estou facendo unha apoloxía dos 25 mortos de Iñaki de Juana Chaos, que non é ese o motivo da súa folga, senón que estou facendo apoloxía das únicas armas coas que conta, a súa vida, para facer valer o seu dereito a ser posto en liberdade despois de ter cumprido a súa pena.

Aquí, no noso “democrático” Estado de dereito, encargouse a prensa, televisión e radio de confundir e intoxicar a xente dicíndolles que Iñaki de Juana é un asasino con 25 mortos encima. Pero o que non din os “media” é que foi axuizado por eses asasinatos, declarado culpábel e que xa cumpriu a súa condena. A folga de fame non é pola condena, xa cumprida, polos 25 mortos; é pola antixurídica condena a 12 anos e seis meses (pedían 96) por dous artigos carentes de todos os delitos que lle imputan. Repiten até a saciedade e a suxedade, a prensa, os xuíces, as amas de casa e a xente que xa rematou de falar do partido de fútbol do domingo, que De Juana Chaos está en folga de fame “porque lle peta”, xa que ninguén lle obrigou a estar en folga de fame.

Esta aseveración, na mente e boca de xente como o director de informativos da COPE, Ignacio Villa, é tanto como dicir que os suicidas irquíes ou palestinianos se suicidan porque no teñen nada que facer ese día, ou indo un pouco máis aló, é como asegurar que Bobby Sands e os seus nove compañeiros do IRA que morreron en folga de fame contra as medidas de Margareth Thacher, son simplemente “terroristas” perigosos que querían chamar a atención.

  Rosa Luxemburg no Muro de Berlín, clic para aumentar
“Eu son unha terrorista”, Rosa Luxemburg no Muro de Berlín. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Os media intoxican e menten. A aplicación da lei é un papel mollado que segundo os intereses algúns aplican ou non aplican, inventan ou desinventan. Iñaki de Juana Chaos non está facendo unha folga de fame, que lle pode costar a vida, polos anos que cumpriu no cárcere, senón pola inxustiza que representa condenar a alguén a máis de 12 anos de cárcere por escribir dous artigos, que nin o propio xuíz Santiago Pedraz da Audiencia Nacional considerou constitutivos de delito.

Pedraz confirmou a súa decisión de non procesar ao preso etarra De Juana Chaos polos delitos de pertenenza a ETA e ameazas terroristas. Tamén reprochou ao fiscal que non acreditase en que se sustentan as súas acusacións. A Audiencia, porén, considerou que o etarra debe continuar no cárcere.

Nun auto, segundo informa El Mundo, o xuíz Pedraz insiste en que o contido dos artigos publicados en Gara “non pode servir de base (...) para acreditar a pretendida integración” e engade que “por máis que este instrutor lea os mesmos non hai referencia algunha a ETA nin apoio algún á loita armada e si só, como se dixo, ao Movemento de Liberación Nacional Vasco”.

Sobre as críticas que recibiu por sinalar que o MLNV non é ETA, Pedraz asegurou que non hai ningunha resolución firme que o diga, e agrega que a sentenza do Tribunal Supremo que ilegalizou Batasuna, que si o dicía, “non ten virtualidade algunha” porque non é penal.

Cos datos que constan na causa, estimou, e mantén agora, que non existen indicios racionais de criminalidade nos artigos escritos por Iñaki de Juana Chaos, conclúe o xuíz Santiago Pedraz.

Iñaki de Juana Chaos está en folga de fame por unha causa xusta, a súa liberdade, e non por non querer cumprir a condena que xa cumpriu. Pero eu iría alén, De Juana Chaos está tamén en folga pola nosa liberdade.

O caso de Iñaki de Juana deixa aberta a dúbida sobre a xustiza que temos e dá, abertamente, a razón a todos aqueles que a consideran un instrumento político para sobordar liberdades e esmagar reivindicacións xustas.

O xuíz Santiago Pedraz non é Santi Potros e moitos xuristas de prestixio levantaron a súa voz contra a pretensión da xudicatura reaccionaria española de aplicar a militantes vascos, rematando as súas condenas en cárceres españolas, normas penais con carácter retroactivo. Pero a inxustiza e a terxiversación non veñen porque o xuíz Pedraz ou o mesmo Garzón as recoñezan abertamente, inda que eles calaran, a realidade é que temos unha xustiza que adoece e coxea e que é empregada a capricho por partidos de Goberno e oposición.

É deber e obriga de todos nós revelarnos contra esta nazificación da Xustiza. Primeiro o peche do Egin sen probas, despois a ilegalización de Batasuna, ou a imputación penal de cargos por manter xuntanzas para o diálogo de paz de representantes lexítimos do Goberno vasco.

Chegará un día, cuando non estén eles, os temíbeis e terríbeis abertzales, en que veñan por nós, e ese día, non estará nin De Juana, nin Otegui, nin Brecht, nin ninguén que diga que se está cometendo unha inxustiza connosco.

Convido a todos a entrar en Internet e ler os dous artígos, El escudo, e Gallizo, que lle costaron 12 anos e seis meses de cárcere, e seica, a vida a De Juana Chaos, para que saiban o que é ter unha “xustiza” prêt à porter / lista para usar). Pido a liberdade para de De Juana Chaos inmediatamente, non só por el, senón por todos nós.

 
 


Xurxo Martínez Crespo
.
(Máis artigos...)

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/02/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta