|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
Francisco Miranda Vigo: A empresa Copo é unha empresa da automoción, unha empresa auxiliar, leva en funcionamento desde o ano 72. Ten 348 traballadores. Forma parte dun grupo empresarial que está estendido por case todo o planeta, América do Sul-Norte, no Estado español (Zaragoza, Barcelona, en Vigo ten no polígono industrial de Mos e O Porriño ten tres empresas nas que a CIG ten a maioría). Zélia García: Cal é a representación acadada pola CIG neste grupo empresarial en Galiza? Miranda Vigo: En Copo Ibérica a CIG ten a maioría con 11 delegados, en CETEC (Centro de Investigación Tecnolóxico) con 5 delegados e en Componentes de Vehículos de Galiza (fai interiores, moquetas, solo dos coches) con 8 delegados de 9, e en Copo Galicia (empresa nova de absorbedores de impacto con 16 traballadores) temos un delegado. Todas estas empresas están radicadas na comarca de Vigo. Zélia García: Cando comeza a andaina do sindicalismo nacionalista nesta empresa? Miranda Vigo: A nosa actividade sindical comezou no ano 1975 e sempre fomos a central sindical
maioritaria. Temos máis de 300 afiliados e afiliadas en todas as empresas, e a nosa actividade sindical
é continúa, constante. Miranda Vigo: Cremos que temos un bo convenio. Nunca tivemos situacións de crispación excesivas, debido tamén á situación de bonanza que vivía o sector da automoción. Neste momento si que estamos a vivir un período de crise por unha mala política de expansión, por ampliar tanto o mercado, e a aventura en Estados Unidos que se fixo co socio de Copo, en igualdade de condicións, que é Faurecia, e que saíu bastante mal. Está a dar unha serie de perdas que nos pode arrastrar até chegar a ter auténticos problemas. Está a haber un cambio de dirección dentro do que é o grupo empresarial, cun novo director xeral, Francisco Anguera, que vén doutra multinacional que é Benteler. Pensamos que este pode ser un ano de transición, onde se a empresa entra en perdas pode ser perigoso, pero se entra en ganancias ou no que lle chaman os empresarios “non perder”, pode ter un crecemento.
Miranda Vigo: Estou semiliberado por horas sindicais. A miña actividade normal é que durante os cinco días da semana, dous días dedícolle unha media de 4 horas a estar na empresa fisicamente, algunhas veces traballando, colocándome a funda, e outras en actividade sindical. E despois o resto do tempo que me queda dedico á actividade sindical, tanto na Federación de Químicas botando unha man na comarca de Vigo na sección de automoción, que é a que máis coñezo; e logo ao meu traballo na Executiva Confederal como secretario de Propaganda. Zélia García: Mudou moito a vosa actuación sindical e a relación laboral coa empresa desde 1979? Miranda Vigo: A nosa actividade na empresa variou tanto como variaron as relacións sindicais. De pasar vivindo nun período, na época da transición, do modelo de sociedade e de relacións industriais no que o modelo era case paternalista pasamos ao actual, que non ten nada que ver. Pasamos desa etapa de paternalismo na dirección da empresa, onde o dono era o que negociaba o convenio, o que daba palmadiñas nas costas e o que dicía se as cousas estaban mal feitas ou ben feitas, pois pasamos todas esas etapas de ir profesionalizándose, até este momento onde a profesionalización de todos os directivos, e a xente que traballa en todos nos distintos medios de produción (xefes de equipo, químicos, mantemento) están claramente inmersos nunha educación e modelo toyotistas de funcionamento. Desde 1979 até o 2007 pois pasamos por todas esas etapas: paternalismo, período de adaptación e nestes momentos toyotismo a tope onde o máis importante é producir, redución de custes, calidade e todos estes factores que no sector da automoción son clave. Zélia García: Como se acada unha representación sindical tan maioritaria nun grupo de empresas como Copo? Houbo algún elemento diferenciador na negociación colectiva? Miranda Vigo: Nun total de 28 delegados a CIG ten 25, e para conseguir este excelente resultado sempre fixemos un traballo sindical orientado a aglutinar unha idea fundamental de que somos todos traballadores, asalariados dunha mesma empresa, e non facemos distinción (iso foi unha educación que custou moitísimo tempo) entre traballadores cualificados e traballadores técnicos. Unha das virtudes que tivemos como sindicalistas os que traballamos neste grupo foi non facer esa división dentro dos 25 traballadores que conforman os distintos comités de empresa temos desde químicos, enxeñeiros, técnicos, ao mesmo nivel que operarios de produción, mantemento, de loxística ou almacén. Ao sermos quen de aglutinar e marcar unha liña de que todos somos un, que non hai unha diferenza entre distincións de traballo senón que hai que valorar o traballo segundo o que foi, pois un técnico, un químico, con respecto a un traballador que está a mover pezas, pois que ten o mesmo valor, cada un coas súas funcións e a súa responsabilidade pero co mesmo valor. Cremos que para nós ese foi un dos logros máis importantes que tivemos ao longo destes anos. Non foi fácil romper coa dinámica da empresa que no principio dos tempos o que facían era ter uns convenios colectivos e unhas condicións de traballo distintas fóra do convenio colectivo para eses técnicos e cadros administrativos, senón convencer a eses compañeiros pouco a pouco e durante anos de que tiñan que estar representados a través dun convenio colectivo e coa negociación colectiva. Agora todo o mundo sinte que está en pé de igualdade cun convenio colectivo que é o paraugas que nos protexe a todo o mundo. Evidentemente quedan sectores dentro da propia empresa como poden ser xefes de departamento, ou case directivos, que teñen outras condicións, desde contratos de posta a disposición en canto as súas funcións, non como ETTs senón como traballadores con obxectivos, con planificación moi concreta, que non vamos chegar nin creo que chegaremos. O fundamental é esa forte unidade que temos entre todos os traballadores. Zélia García: En que se centra o traballo da sección sindical? Miranda Vigo: Nós editamos desde revistas, panfletos, onde estamos continuamente explicando como se move o mundo sindical, que actitudes ten CCOO e UGT respecto a súa actividade sindical. Nós pertencemos ao sector químico. E no sector químico temos un convenio estatal de industrias químicas que estes dous sindicatos o venden por aí como se fora a “panacea”, o mellor convenio do mundo, e nós logramos desvincularnos dese convenio estatal e crear un convenio de empresa, crear un convenio nas distintas empresas do grupo e demostrarlle aos traballadores coa práctica. Zélia García: Logrouse con esta práctica cotiá unha maior concienciación das traballadoras e traballadores de Copo? Miranda Vigo: Co tema nacional tivemos a gran sorte de que a través da práctica sindical hai moitos compañeiros que se deron conta de que o campo do nacionalismo tamén tiña un espazo sindical e político, e coa práctica e o continuo traballo sindical e de formación, hai unha perfecta división entre o que é o sindicalismo españolista e o sindicalismo netamente galego. Sobre todo iso demóstrase na práctica, na loita, na confrontación das ideas, co que representa cada sindicato e o que fai. É relativamente fácil se tes un discurso coherente na túa práctica sindical, e és quen de ligar esa división e diferenza sindical, e ese desprezo que representa á negociación colectiva fora do teu ámbito natural que fan CCOO e UGT. É relativamente fácil explicar cal son as diferenzas. Zélia García: Que incidiu máis na escolla dos traballadores e traballadoras pola opción sindical nacionalista? Continuará no tempo esta acción sindical pola base e nacionalista? Miranda Vigo: Un slogan moi vello que temos no sindicalismo nacionalista de toda a vida “convenios aquí e non en Madrid”, foi totalmente entendido neste grupo, e creo que pase o que pase xa quedou aí, xa temos escola, no sentido de que os compañeiros que traballan nas distintas empresas saben perfectamente cal é a referencia sindical que é a CIG. É o sindicalismo nacionalista, por esa connotación de diferenciación, de loita, de asemblea, participativo, sindicalismo no que os compañeiros e compañeiras poden expresar todo o que queiran, fronte ao sindicalismo españolista, que é un modelo que nega todo iso. Iso tamén se liga no campo político, négannos o dereito a ser nación, de ser país, nós mesmos e iso pódese transmitir tamén na negociación colectiva, xa que nos negan o dereito a establecer as nosas condicións de traballo. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/02/2007 |
||||
|