Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 23 de febreiro de 2007

Miguel Malvido, secretario nacional de CIG-Metal:
“Vai haber un antes e un despois da Bolsa de Emprego do Naval”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Miguel Malvido, clic para aumentar
Miguel Malvido: “A formación continua neste momento está totalmente xestionada e controlada pola patronal do Metal e as federacións de CCOO e UGT, en concreto, en Galiza teñen unha fundación que se denomina Formega. Xestionan a nivel do Estado por riba dos 6.000 millóns de pesetas en formación, do 0,6% que aportamos o conxunto dos traballadores do Metal. Isto quere dicir que un sindicato maioritario como a CIG non xestiona esa formación. Excluíusenos a través dun RD que no seu momento sacou o PP, pero que o PSOE non quixo modificar, de tal xeito que se deixou fóra do proceso de formación continua ao conxunto dos traballadores/as que representaban os sindicatos nacionalistas, xa que para ter posibilidades de acceder á formación continua hai que estar en máis dunha comunidade autónoma”. (Foto: ©galizacig.com 22/02/2007).
 
No IV Congreso da Federación do Metal da CIG, Miguel Malvido fora reelixido secretario nacional, nas mesmas datas do mes de maio no que aínda non remataran os nove días de folga do Metal en Pontevedra. Case que un ano despois, un dos logros desa loita concretouse: a Bolsa de Emprego do Naval. Para explicar esta e moitas máis cuestións da actualidade do sector temos esta entrevista.


Zélia García:
Cal é a situación actual do sector do Metal na Galiza?

Miguel Malvido: Eu diría que o sector está ben pero baixaron o número de traballadores, mais o sector está ben. Non hai situación de crise como noutros tempos que fechaban empresas e o único que houbo grave foi a deslocalización de Valeo Ourense. Esa foi a situación máis complicada que pasamos nestes últimos anos.

Hai menor número de traballadores inscritos pero o número de empresas que se están a instalar incrementou, sobre todo as de certa dimensión no sector da automoción (Ourense e Vigo), e as de menor dimensión no sector naval (Vigo e Ferrol). En total hai 67.200 traballadores/as (cifra finais 2006) fronte aos 78.000 que había no 2003. De todos xeitos, esta cifra é moi flutuante e como algo salientábel podemos dicir que no primeiro trimestre do 2005 houbo case 81.000 traballadores/as, e logo volveu descender.

Zélia García: Entramos na temporada forte das eleccións sindicais, como vai neste sentido a Federación do Metal?

Miguel Malvido: Plantexamos sempre o proceso de eleccións sindicais como un proceso continuo no que o traballo desenvolvido no período anterior ten os seus resultados no momento álxido ou forte que neste caso foi finais de 2006 e todo o 2007. Até agora nós tiñamos como período feble o intermedio entre procesos de eleccións; aí é onde tiñamos, senón un retroceso, peores resultados que no momento forte. Podemos dicir que nesta ocasión no período que vai do 2002 ao 2006 fixemos os deberes, recollemos o froito do traballo sindical feito durante eses anos e situounos a principios do 2006 por riba dos 1.000 delegados e delegadas e por diante das outras dúas centrais sindicais, polo que nos sentimos optimistas para pensar que podemos rematar este ano 2007 como primeira forza sindical no Metal, e que superemos amplamente os 1.100 delegados/as, estando sobre 5 puntos por riba do resultado anterior, xa que neste momento é o período forte, no que se van escoller máis delegados/as e cando nós estamos en mellor situación e temos mellores resultados normalmente.

Até o 2002 o problema que tiñamos era que no período intermedio baixabamos o pé do acelerador.

A finais de decembro de 2006 temos 1.054, un 35,5%. Catro anos antes tiñamos 771, que representaba o 29,5%. Sitúanos como primeira forza sindical na Galiza. De todos xeitos, o 60,50% dos nosos delegados estanse a xogar neste ano.

  Miguel Malvido, clic para aumentar
Miguel Malvido: “No convenio conseguiuse que desde que entras en talleres A comezas a recoller a túa antigüidade. O segundo elemento que metemos é o ámbito de aplicación, de tal xeito que os traballadores/as que veñan de fóra da provincia de Pontevedra, se teñen condicións inferiores ás do convenio de Pontevedra, se lles teñe que aplicar este, sexan estes traballadores do Estado ou doutros países. O terceiro punto foi o tema de porcentaxes de contratación indefinida, así que para o remate do convenio colectivo de cada 2 traballadores 1 sexa fixo, un 50% ten que ser indefinido. E o cuarto elemento que é claramente para o sector naval é a creación dunha bolsa de contratación que funcionaría en exclusividade para o sector de tal xeito que os traballadores que agora mesmo están en activo no sector naval sexan os primeiros en ser contratados cando haxa carga de traballo”. (Foto: ©galizacig.com 22/02/2007).
 
Zélia García: Unha das cuestións e conflitos que tiveches nos últimos anos foi o tema da formación e como estaba xestionada, como continúa neste momento ese tema?

Miguel Malvido: A formación continua neste momento está totalmente xestionada e controlada pola patronal do Metal e as federacións do Metal de CCOO e UGT, en concreto, en Galiza teñen unha fundación que se denomina Formega. Xestionan a nivel do Estado por riba dos 6.000 millóns de pesetas en formación, do 0,6% que aportamos o conxunto dos traballadores do Metal. Isto quere dicir que un sindicato maioritario como a CIG non xestiona esa formación. Excluíusenos a través dun Real Decreto que no seu momento sacou o PP, pero que o PSOE non quixo modificar, de tal xeito que se deixou fóra do proceso de formación continua ao conxunto dos traballadores/as que representaban os sindicatos nacionalistas, xa que para ter posibilidades de acceder á formación continua hai que estar en máis dunha comunidade autónoma.

Fronte a iso, nós plantexamos distintos recursos, que de momento algún xa nos foi dando a razón, pero está en proceso xudicial.

No caso galego ten ademais os locais cos que conta a Fundación Formega son o patrimonio do Estado, que foron vendidos a baixo custo á patronal, a CCOO e UGT, contra un acordo que había anterior no que participaba CIG, CCOO e UGT e a Confederación de Empresarios de Galiza. Saía publicado no Boletín Oficial do Estado que esa fundación ía facerse cargo dos fondos de promoción do emprego que son os centros de formacións constituídos durante o proceso de reconversión naval a nivel do Estado. Iso botouse abaixo e quedou paralizado, e de repente un día enterámonos que CCOO, UGT e a patronal do Metal se facían con ese patrimonio. Hai un centro de formación en Ferrol (de Formega) e dous en Vigo (o grande é de Formega e o outro é a sede da patronal do Metal). Así que o que antes era patrimonio de todos agora é a sede da patronal.

Zélia García: Que alternativas ten a CIG fronte a esa oferta masiva de cursos?

Miguel Malvido: Por parte de CCOO e UGT no Metal agora estase a ofertar, ademais de moitos cursos de formación, fundamentalmente o carné C de camións como xeito de conseguir candidatos e votos. Fronte a iso, na Federación do Metal o que dicimos é “hai quen oferta carnés de camión e nós ofrecemos a caixa de resistencia”, que son dúas maneiras ben distintas de entender o sindicalismo: quen xestiona os cartos de todos en exclusividade e quen coa aportación solidaria do conxunto dos afiliados/as crea un mecanismo para poder saír airosos e exitosos nas loitas sindicais.


Negociación colectiva e acción sindical

Zélia García: Houbo acontecementos salientábeis neste último ano en canto a negociación colectiva e acción sindical?

Miguel Malvido: Cando falamos de precariedade, e como se pode incidir desde o mundo sindical para atallar a precariedade, un exemplo claro é o convenio provincial de Pontevedra onde nós somos o sindicato maioritario, onde nos marcamos como obxectivo a negociación do convenio no 2006 para loitar contra a precariedade. Fixémolo en distintas frontes: por un lado, expuxemos que se recoñecera como antigüidade a primeira empresa na que entra a traballar un cando comeza o traballo nese grupo de empresas, de tal xeito que se acabara o tema das rotacións ou que cando menos se recoñecera aos traballadores a antigüidade (o que estaba a acontecer é que aos traballadores eventuais se lles pasaba dos talleres A a talleres B e destes aos talleres C, sendo A, B e C tres talleres do mesmo grupo de empresas.

No convenio conseguiuse que desde que entras en talleres A comezas a recoller a túa antigüidade. O segundo elemento que metemos é o ámbito de aplicación, de tal xeito que os traballadores/as que veñan de fóra da provincia de Pontevedra, se teñen condicións inferiores ás do convenio de Pontevedra, se lles teñe que aplicar este, sexan estes traballadores do Estado ou doutros países. O terceiro punto foi o tema de porcentaxes de contratación indefinida, así que para o remate do convenio colectivo de cada 2 traballadores 1 sexa fixo, un 50% ten que ser indefinido. E o cuarto elemento que é claramente para o sector naval é a creación dunha bolsa de contratación que funcionaría en exclusividade para o sector de tal xeito que os traballadores que agora mesmo están en activo no sector naval sexan os primeiros en ser contratados cando haxa carga de traballo.

Foi o conflito máis importante con diferenza, con nove días de folga e toda unha experiencia da que moito temos falado xa e na que non imos agora volver estendernos.

Chegamos a un acordo coa Xunta no que nos obrigamos a darlle formación a 80 mulleres, en concreto, no sector do automóbil, levan unha formación transversal (prevención de riscos laborais, informática, medio ambiente e formación específica para o posto de traballo).

Estivo o tema de Valeo Ourense, no que nós éramos sindicato maioritario e conseguimos que houbera un proceso mobilizador ao mesmo tempo que houbo negociacións coa empresa, mediando o Consello Galego de Relacións Laborais, pero que fomos incapaces de que despois de manobras doutros sindicatos se asinase o Expediente de Extinción de Contrato. No caso de Valeo O Porriño que somos maioritarios temos garantía de traballo até finais de 2008, e ao rematar o 2007 iniciarase unha negociación coa dirección francesa de Valeo para buscar unha alternativa industrial para os traballadores que están neste momento na planta.

Na comarca de Ferrol, en Electro de Narahío, tivemos 94 días de folga e ao final conseguimos un acordo coa empresa, que a Federación considerou positivo, e fixéronse campañas de recadación de fondos para que os traballadores/as puideran resistir á folga e fomos apoiados pola Confederación a través do Fondo de Solidariedade.

Houbo outro conflito importante na comarca de Ferrolterra, que é o conflito de Nervión, que é o expoñente doutra forma de precariedade laboral: unha empresa principal que é Bazán, pública, ponse de acordo con unha contrata (empresa auxiliar) para deixar sen traballo ao persoal desa contrata, polo que aínda habendo traballo esta xente vai á rúa. Era unha contrata na que a CIG tiña a maioría, 8 de 13 no Comité, e que estaban a negociar unhas condicións particulares para esta empresa, e houbo un pacto entre a empresa auxiliar e Bazán, que desatou un forte conflito laboral, que continúa aberto.


Bolsa de emprego no Naval

Zélia García: Podes explicar máis polo miúdo que é a Bolsa de Emprego do Naval, acordada e concretada meses despois da sinatura do Convenio do Naval?

Miguel Malvido: É o exemplo claro de como se pode chegar a concretar os temas dos convenios colectivos. Inicialmente era unha disposición adicional do convenio que as partes nos comprometiamos a desenvolver, e que para a nosa sorpresa pouco despois de asinar o convenio as empresas principais, os nove estaleiros da provincia de Pontevedra, quixeron a impugnación, o que significou un proceso asemblear e de impedir a botadura dos barcos, que obrigou á patronal a retirar a impugnación e sentarse a negociar a concreción da bolsa. O que fixemos nestes meses foi un regulamento onde os traballadores/as do sector naval van pasar a unha lista por actividades, profesións, homologacións e categorías (porque unha das cousas que queriamos salvar era que non contrataran a un caldeireiro para ser pintor ou a un oficial de primeira para ser peón). Adquiriron o compromiso os estaleiros que se ten que cumprir o artigo 8 do convenio que é o que se refire á porcentaxe de fixos. Isto quere dicir que a empresa auxiliar que non cumpra a porcentaxe de fixos do convenio non traballará nos estaleiros. Considerámolo un éxito importante e algo moi novidoso, que até o momento non se fixo en ningún outro lado. Funcionará como unha oficina de colocación, co cal os traballadores do Naval non pasarán polo INEM senón que terán a súa Axencia de Bolsa de Emprego propia.

Zélia García: Que significa en canto á contratación no Naval este acordo?

Miguel Malvido: En canto á contratación chegamos a un nivel de autoxestión. Vai haber unha comisión de seguimento, onde estaremos paritariamente patronal e sindicatos, e é boa a concreción desta bolsa porque unha das cuestións que demanda o sector é que as veces as cousas estaban no convenio, que quedaba como papel mollado, e que logo o convenio non se cumpría. É unha maneira de facer que se cumpra, non só porque chegamos a un acordo sobre a Bolsa de Contratación, senón porque dentro da Bolsa de Contratación hai que cumprir coa porcentaxe dos fixos.

Cremos que vai haber un antes e un despois desta Bolsa, porque se vai regular a contratación no sector Naval, e os sindicatos faremos un seguimento exhaustivo de que iso sexa así e que se cumpra.

Esta Bolsa quítalle o poder de contratación discrecional ao empresario, e por iso foi tan duro conseguilo. Por iso houbo nove días de folga, e por iso fixemos mobilizacións só no sector Naval e ameazas en dúas ocasións de non botar os barcos.

Zélia García: Que papel desenvolveu a CIG no proceso de conquerir á concretización da Bolsa?

Miguel Malvido: Se nós como sindicato nos plantexamos que o importante da negociación deste convenio era a loita contra a precariedade, e nós sabiamos que era importante porque estamos nun momento histórico de construción naval, na construción civil hai unha alta actividade na creación de vivendas, e ademais a iso lle somamos que o sector do automóbil, e concretamente a empresa principal, ía sacar un novo modelo, sabiamos que era un ano moi bo para conseguir eses catro elementos de loita contra a precariedade. Nós como sindicato maioritario plantexamos isto ao resto dos sindicatos, que estiveron de acordo coa pelexa que había que dar, e cando houbo a ruptura puxémonos a traballar duro. Tivemos responsábeis do sindicato en todos os piquetes en toda a provincia de Pontevedra; iso garantiu o éxito da folga, as manifestacións multitudinarias e axudou a conseguir un grado de presión coa cantidade de xente que había nas rúas -como nunca se vira- e garantiu o éxito do convenio. E a Bolsa de Contratación é a guinda de todo este proceso de negociación no que a CIG tivo que tirar do carro e dos outros sindicatos para sacalo adiante. Nos estábamos convencidos de que sendo maioritarios como somos no sector sen a nosa sinatura non había acordo, e sen acordo volvería haber mobilizacións.


Vencendo distancias na Metalurxia galega

Zélia García: Como vai o proceso de acadar unha maior información e conexión entre as distintas comarcas do país que traballades no sector do Metal?

Miguel Malvido: Ese era un dos retos que nos marcábamos no Congreso do Metal. A diferenza de procesos congresuais anteriores, nesta ocasión conseguimos ter os organismos nacionais case ao completo; fica só por constituír a Comarca de Ourense, en todo o resto das comarcas está constituída a Federación do Metal. E neses organismos nacionais é onde se está a coordinar a actividade sindical, tanto en formación, como en saúde laboral, como en eleccións sindicais, e sobre todo, en negociación colectiva.

No camiño da negociación colectiva temos anteproxectos para os convenios provincias únicos, e o que pretendemos é conquerir un mínimo nos catro convenios provinciais para que se vaia achegando ao noso ideal que é o Convenio Galego do Metal.

Zélia García: A sinistralidade e a saúde laboral tamén ten sido un dos temas fundamentais de debate e análise a nivel sindical, e mesmo nos medios de información. Ten sido así tamén na vosa federación?

Miguel Malvido: O tema de saúde laboral é un dos temas que a nivel federativo lle outorgamos maior importancia. Neste intre temos 14 compañeiros do Metal co curso intermedio de Saúde laboral, e 2 superiores. Somos a Federación que máis xente está a formar en temas de saúde laboral. Hai que contar tamén que estamos nun dos sectores con máis alto risco, e por iso consideramos que a formación é fundamental para combater o alto índice de sinistralidade que existe.

No Naval desde que nós temos maioría o acordo que temos como Federación do Metal é que se hai un morto para o conxunto do sector, e levamos anos facendo así, porque por desgraza continúa a haber mortos.

Zélia García: Desde que foras reelixido secretario nacional do Metal comezara xa daquela a andaina do novo Goberno galego, trouxo cambios para a Federación?

Miguel Malvido: Míranse mellores intencións que no anterior Goberno pero os dados continúan a ser os que son, e ademais nós entendemos que, independentemente do que fagan os gobernos e do noso papel como elementos presionadores dos gobernos, é fundamental que na nosa acción sindical, sobre todo na negociación colectiva, traslademos tanto os temas de regulación dos comités de saúde laboral nos convenios colectivos como meter o tema de porcentaxe de contratación indefinida obrigatoria no conxunto dos traballadores/as e das empresas afectadas por ese convenio.

En canto a nivel de diálogo, fundamentalmente coa Consellaría de Industria e Traballo, avanzouse en interlocución e, cando menos, en escoitar as nosas demandas.

Zélia García: Un dos acordos que saíron do último Congreso do Metal foi a unificación do Metal con outra Federación; ese proceso comezou xa?

Miguel Malvido: No tema de unificacións de federacións tiñamos algo avanzado coa Federación de Químicas que tivo os seus paróns. No seu momento tamén falamos de que outra federación coa que nos podiamos unificar era coa Construción, pero esa estaba máis verde, pero despois do Congreso do Metal tivemos diversos contactos con unha Comisión da Executiva de Químicas para ver se había posibilidades dun acordo e avanzamos algo nese proceso de posta en común de como vemos a situación pero nos pillou o proceso electoral e decidimos pospoñelo.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta