|
Actualidade
A Coruña, 13 de marzo de 2007
Mil persoas secundan en Ferrol a manifestación
da CIG no Día da Clase Obreira Galega
10 de Marzo: Amador e Daniel, a loita continúa
| |
 |
 Mil
persoas marcharon por Ferrol na manifestación organizada pola CIG no Día da Clase Obreira Galega.
Descarga
o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 11'06'',
espazo en disco: 25.041.671 bytes [23,8 Mb]). |
 |
| Os actos comezaron no Inferniño cunha
ofrenda floral perante a estatua dedicada a Amador Rei e Daniel Niebla. |
 |
 |
 |
| A manifestación rematou no Cantón,
onde o secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, e o secretario xeral, Suso Seixo, pronunciaron
os discursos políticos... |
 |
 |
| ... A consecución do marco galego de
relacións laborais e o dereito irrenunciábel á autodeterminación nacional foron os
eixes fundamentais das súas intervencións. |
 |
| O primeiro grupo en subir ao escenario foi A
Quenlla, que deleitou aos presentes co seu repertorio variado de música tradicional. |
 |
 |
 |
| Os tres trebóns fixeron un repaso de
coñecidos temas de bandas xa desaparecidas como Os Diplomáticos de Montealto ou os Papaqueixos. |
 |
| Os ritmos xamaicanos chegaron da man dos coruñeses
Dandy Fever, que fixeron bailar ao público ao rito de ska e rocksteady. (Fotos: ©galizacig.com 10/03/2007). |
| |
Mil persoas marcharon por Ferrol na manifestación
organizada pola CIG no Día da Clase Obreira Galega. Os actos comezaron no Inferniño cunha ofrenda
floral perante a estatua dedicada a Amador Rei e Daniel Niebla. A manifestación partiu deste mesmo lugar
e rematou no Cantón, onde o secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, e o secretario
xeral, Suso Seixo, pronunciaron os discursos políticos. A consecución do marco galego de relacións
laborais e o dereito irrenunciábel á autodeterminación nacional foron os eixes fundamentais
das súas intervencións.
López Pintos lembrou no seu discurso os
efectos devastadores na comarca das chamadas reconversións do naval, posto que hai 35 anos traballaban no
sector en Ferrolterra 12.000 persoas e agora pouco menos dun terzo desta cantidade. “Os responsábeis teñen
nomes e apelidos: PP e PSOE, ademais dos cómplices: CCOO e UGT”. O secretario comarcal apelou a permanencia
de Astano no sector público, pois “o privado é precariedade”. López Pintos engadiu que, no
suposto de que non fose posíbel construír embarcacións dentro do sector público, o
privado só sería aceptado pola CIG sempre que houber participación pública, “xa que
o público é servizo e o privado é beneficio”. O secretario comarcal de Ferrol lembrou que
a CIG é o sindicato maioritario na bisbarra, canto a representación e afiliación, polo que
fixo un chamado para “non fallar aos traballadores e traballadoras”. “Sen contar coa clase traballadora -prosegue
López Pintos- non se pode conseguir a soberanía do noso país. Somos a maioría e, polo
tanto, esiximos a autodeterminación do pobo galego para a mellora da clase traballadora”.
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denunciou “a grande cantidade de recursos públicos
destinados ás bonificacións á patronal”, materializadas nas subvencións á contratación
e outro tipo de incentivos. Reprobou, ao mesmo tempo, os pactos de moderación salarial que asinaron en Madrid
os sindicatos españois UGT e CCOO. “Estes pactos condenan á clase traballadora galega a que siga
perdendo poder adquisitivo”, subliñou Seixo. O secretario xeral da CIG incidiu na campaña lanzada
polo sindicato en favor de convenios galegos e de salarios dignos. “Mentres non se fixen os incrementos salariais
no noso país e isto dependa do que asinen as cúpulas sindicais en Madrid, as traballadoras e os traballadores
galegos estamos condenados a ter uns salarios de miseria. É necesario un sindicalismo galego e que nos consolidemos
como a segunda forza sindical. Esta é a única garantía para que a clase galega poida decidir
o que quere”, apuntou Seixo. O secretario xeral remarcou a necesidade de que o nacionalismo non só sexa
maioritario no mundo do traballo, senón tamén na política e nos movementos sociais, para “avanzar
cara unha Galiza soberana” e con capacidade de decisión propia. Os discursos remataron co canto da Internacional
de do Himno nacional.
Xornada festiva
O primeiro grupo en subir ao escenario foi A Quenlla, que deleitou aos presentes co seu repertorio variado de música
tradicional. Posteriormente, Os tres trebóns fixeron un repaso de coñecidos temas de bandas xa desaparecidas
como Os Diplomáticos de Montealto ou os Papaqueixos. E os ritmos xamaicanos chegaron da man dos coruñeses
Dandy Fever, que fixeron bailar ao público ao rito de ska e rocksteady.
|