|
Actualidade CIG-Comunicación-
Dous lemas encabezarán este ano a manifestación do Día da Clase Obreira Galega: “Sindicalismo galego: convenios e salarios dignos” e “Galiza nación, autodeterminación”. Dous lemas con dúas mensaxes que para a CIG teñen unha clara relación entre si. No primeiro caso, incidindo en que para conseguir convenios e salarios dignos é imprescindíbel o sindicalismo galego, ou o que é o mesmo, o sindicalismo que representa e desenvolve a CIG. Un sindicalismo diametralmente oposto ao que representan as centrais estatais CCOO e UGT, baseado nunha política de pacto permanente que deixa sen capacidade de participación ás traballadoras e traballadores en materia de negociación colectiva e que favorece precisamente que se anule a súa capacidade de presión para acadar unha mellora das condicións que ofrece a patronal e que aceptan, de forma sistemática, estes sindicatos. O segundo reitera a necesidade de vincular esta data coa loita pola soberanía nacional, que sempre estivo unida, no noso país e desde o sindicalismo nacionalista, á conmemoración dos feitos ocorridos o 10 de marzo de 1972.
O día 9 de marzo, a CIG organiza un xantar de confraternidade no que se fará entrega do premio “Día da Clase Obreira Galega”. O obxectivo deste xantar é aproveitar a significativa data do 10 de marzo para facer entrega dun premio baixo ese nome a fin de destacar o conflito de maior relevancia durante o ano anterior. Desde a CIG enténdese que, no modelo de sociedade no que vivimos, lamentablemente, os conflitos laborais quedan sempre relegados a un segundo plano malia estar presentes no día a día de moitas e moitos traballadores e ter unha participación destacada. Ademais entregaranse pergamiños de recoñecemento a destacados militantes sindicais que contribuíran, co seu labor e compromiso, a consolidar o sindicalismo nacionalista. Ao acto están convidadas numerosas organizacións do nacionalismo e persoas a nivel individual ademais de todos os membros do Consello Confederal da CIG. |
|||||||
| Informacións relacionadas
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/03/2007 |
|||||||
|