|
Actualidade CIG-Comunicación-
A CIG solicitará unha xuntanza co novo director da Axencia Española de Protección de Datos para pedirlle que revise as autorizacións concedidas e paralice as que están en curso. “A propia Axencia non está a garantir a confidencialidade dos cidadáns, senón que fai o contrario, que é transmitir información persoal cara países inseguros”, comenta Clodomiro Montero, secretario nacional da Federación de Banca, Aforro e Seguros da CIG. Por outra banda, a CIG entende que a situación de Atento non é un caso illado no Telemárketing coruñés e que, con novas autorizacións de transmisión de datos de usuarios cara o estranxeiro, outras empresas do sector da cidade poderían ser tamén vítimas da deslocalización. A transferencia de información dos clientes de Telefónica Móviles a Latinoamérica pode chegar a afectar a subcontratas da cidade como Eurocen. Ademais, hai indicios de que Telefónica solicitou autorización para transmitir datos dos usuarios do servizo de ADSL cara Uruguai, Guatemala e Perú. A información que se está a transmitir está relacionada coas tarxetas de crédito dos usuarios, cos seus datos bancarios, co seu estado civil, cos seus modos de vida, coas súas afeccións, etc. Cómpre salientar que no Telemárketing traballa unha media de 5.000 persoas na comarca de A Coruña. A central nacionalista tamén quere pór de manifesto que o 20 de marzo, o mesmo día que se fixeron efectivos os 179 despedimentos en Atento-Coruña, a empresa ofertaba 70 prazas en León para o servizo de atención ao cliente, o mesmo que prestaba a xente despedida en A Coruña. Ao mesmo tempo, a CIG insta á Consellaría de Traballo a que axilice os trámites para que deixe sen efecto os 179 despedimentos fraudulentos de Atento e para que obrigue a empresa a sentarse a negociar o futuro desta filial de Telefónica na cidade herculina. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/03/2007 |
||||||||||||
|