|
Actualidade CIG-Comunicación-
A existencia dunha xornada lectiva continuada en horario matinal nos meses de setembro e xuño ten a finalidade de estabelecer un acceso gradual desde o período de vacacións ao período lectivo no mes de setembro, e de atenuar a incidencia do cansazo acumulado de todo o curso durante o mes de xuño, período que coincide coas avaliacións finais. Sempre se considerou que este tipo de xornada era a máis axeitado para o alumnado, así se veu recollendo ao longo dos anos. Por iso, CIG-Ensino manifesta o seu desacordo coa modificación que propón a Consellaría, ao entender que repercute negativamente na adaptación do alumnado e porque é totalmente compatíbel coa oferta do servizo de comedor escolar. Para a CIG-Ensino a verdadeira conciliación da vida laboral e familiar non depende da ampliación do horario lectivo nin de estender a xornada partida a todo o curso escolar, senón de dotar de servizos complementarios (transporte e comedor) e actividades extraescolares os centros, independentemente de que sexan rurais ou urbanos e da modalidade de xornada lectiva (continuada ou partida). Cuestión que con este tipo de proposta a Consellaría non garante. A Consellaría non asumiu ningunha proposta que pasase porque os centros que teñen xornada de mañá e tarde poidan ter xornada lectiva intensiva matinal durante os días lectivos dos meses de setembro e xuño. En todo caso, para a CIG-Ensino o tema non está pechado, queda tempo para a súa negociación (o curso pasado negociouse un mes máis tarde) e xa advirte que non vai aceptar esta imposición da Consellaría. A Federación de Ensino da CIG adianta que estudará as medidas a levar a cabo e chamará ao profesorado á mobilización. “É totalmente inaceptábel que a Consellaría non sexa receptiva a unha demanda tan amplamente avalada pola maioría dos centros e do profesorado, modificando unha xornada que sempre estivo en vixencia e nunca foi cuestionada”, explica Anxo Louzao. O secretario nacional de CIG-Ensino lamenta ademais que a posición da Consellaría de Educación, neste tema, así como no relativo á negativa a negociar a oferta de emprego e a estabilidade para o profesorado interino, se asemelle ao comportamento seguido pola Consellaría anterior. Aínda hai tempo suficiente para a rectificación, polo que fan un chamamento á Conselleira, como máxima responsábel de Educación, para que sexa receptiva ás propostas da CIG-Ensino co aval do profesorado.
Ante o requirimento da CIG sobre a posición da Consellaría no relativo á recuperación da carga horaria de Tecnoloxía, Plástica e Música na ESO e despois das nutridas mobilizacións levadas a cabo e das sinaturas recollidas, a Consellaría manifestou que está estudando o tema e que dará cumprida información da súa posición final no Consello Escolar de Galiza que se celebrará na sede do MUPEGA. A CIG agarda que a Consellaría conclúa a necesidade de ampliar os horarios obrigatorios destas materias. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/03/2007 |
||||||
|