|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os traballadores municipais decidiron acampar no Obelisco ás sete da tarde do pasado 12 de marzo. Pouco antes, xa estaban custodiados por unha desmedida presenza policial. Pese a esta coacción, os funcionarios/as optaron por seguir adiante con esta medida de protesta e indican que permanecerán no lugar até o 27 de maio. Os funcionarios, a propia xente presente na zona e familiares dos traballadores organizaron un cordón humano para evitar que a policía impedise a instalación do campamento. Mais, co paso das horas, oíanse continuamente comentarios acerca de que o desaloxo ía ser inminente. Segundo informan os propios funcionarios coruñeses, a Subdelegación do Goberno español só concedeu permiso para concentrarse, mais non para acampar. Isto trátase dun claro agravio comparativo con mobilizacións anteriores ocorridas na cidade, onde si se acampara na vía pública e se conseguira a pertinente autorización. No decurso da acampada, tamén houbo “visitas” inesperadas como a do presidente da Deputación de A Coruña, o concelleiro socialista Salvador Fernández Moreda. Este desafiou aos manifestantes con miradas retadoras e comentarios chulescos. O desenlace produciuse pouco antes da unha da madrugada do 13 de marzo, cando unha morea de antidisturbios desaloxaron pola forza o campamento, rachando as tendas de campaña e abalanzándose sobre os presentes, ignorando, mesmo, o risco de esmagar as persoas que se atopaban no interior das tendas. Mais, pese a ser esnaquizado o campamento pola policía española, os funcionarios municipais de A Coruña teñen a vontade de ficar no Obelisco até o 27 de maio. |
||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/03/2007 |
||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||