ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 6 de marzo de 2007

8 de Marzo, Día da Muller Traballadora
A taxa de temporalidade da muller acadou o 38,6%
en 2006

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Situación sociolaboral da muller en Galiza, clic para aumentar
Situación sociolaboral da muller en Galiza, clic para aumentar
O traballo “Situación sociolaboral da muller en Galiza” realizado por Natividade López Gromaz fai un percorrido pola situación sociolaboral na que se atopa a muller en Galiza, a través do que se constatan as dificultades coas que se atopan as traballadoras para participar e loitar en igualdade de condicións aos seus compañeiros en demanda de melloras das súas condicións laborais. (...) Elvira Patiño salienta que os empresarios non están moi polo labor de facilitar a inserción da muller no mundo laboral e lembra que, de feito, mesmo presentaron un voto particular ao informe do CES sobre a Lei de Conciliación. (Na foto, Natividade López Gromaz (esquerda) e Elvira Patiño. ©galizacig.com 05/03/2007).
 
A Secretaría da Muller da CIG vén de presentar os resultados do traballo “Situación sociolaboral da muller en Galiza”, un estudio realizado polo gabinete de Economía do que se tiran datos alarmantes: no ano 2006, a temporalidade entre as mulleres incrementouse de media en case dous puntos. A secretaria da Muller, Elvira Patiño, denuncia que “malia ter mudado o discurso político a muller segue padecendo unha situación de desigualdade real”.

A taxa de temporalidade da muller no ano 2006 disparouse até chegar ao 38,6%. Algo especialmente preocupante nun ano onde se viña de pór en marcha unha nova reforma laboral pola cal se destinaron cuantiosos fondos públicos aos empresarios para, teoricamente, incrementar a calidade do emprego, especialmente nos colectivos máis desfavorecidos entre os que a muller é maioría.

Porén, lonxe de mellorar as condicións laborais da muller, a temporalidade incrementouse, de media, un 1,8%, sobre todo no sector público. Un dato que, para Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, confirma que “o problema da temporalidade non é un problema de custo e que estas reformas non consiguen os obxectivos para os que teoricamente foron concibidas”.

Nese sentido, a secretaria confederal da Muller, Elvira Patiño, afirma que se adiantou “moitísimo no discurso político, pero non mudou a situación” e alerta de que “caemos no perigo de descansar nas boas palabras e non pór en marcha as medidas necesarias para impulsar un cambio social real”.


Rede de servizos sociais

De feito, Patiño entende que entre as medidas pendentes sería prioritario dotar a Galiza dunha rede asistencial de servizos sociais que garanta a posibilidade de conciliar vida laboral e familiar.

A ausencia desta rede dificulta, cando non impide, á muller acceder a un posto de traballo e xenera, segundo explica a secretaria confederal da Muller “unha preocupante situación porque moitas mulleres, cando deixan de coidar os fillos e poderían integrarse no mundo laboral vense novamente imposibilitadas porque teñen que comezar a coidar dos maiores”.

Pero se a alta taxa de avellentamento da poboación e a ausencia de medidas de apoio é un problema, non o é menos a baixísima taxa de natalidade. Unha taxa que vai descendendo ano a ano por mor da precaria situación sociolaboral da muller que vén reflectida ao longo do estudo do Gabinete de Economía e pola ausencia desa rede asistencial.

Elvira Patiño salienta que os propios empresarios tampouco están moi polo labor de facilitar a inserción da muller no mundo laboral e lembra que, de feito, mesmo presentaron un voto particular ao informe do CES sobre a Lei de Conciliación. Lei que, por outra banda, chega tarde e que, tal e como lembra Patiño, non é tanto por propia iniciativa do Estado español, como por obrigada transposición dunha Directiva europea dirixida a reducir as desiguladades entre homes e mulleres no mercado de traballo.

Para a Secretaria confederal desta área na CIG, unha das medidas que terían máis eficacia para eliminar os desequilibrios na contratación de homes e mulleres sería, sen ir máis lonxe, lexislar para que os pais desfrutaran de baixas de paternidade de obrigado cumprimento. “Así, en igualdade de condicións, o empresario non podería concibir á muller como un peso polo feito de ser ou poder ser nai e posibilitaríase que ambos, coa mesma formación, puideran ser contratados indistintamente, sen ter en conta ese feito”.

As precarias condicións laborais da muller non só teñen un efecto presente senón tamén futuro. “O feito de ter contratos a tempo parcial e salarios inferiores provoca que as súas cotizacións sexan tamén máis cativas polo que á hora de xubilarse ou non poden acceder a unha pensión porque non cotizaron tempo dabondo –ao incorporarse á vida laboral máis tarde- ou teñen pensións máis baixas porque as cantidades cotizadas foron baixas”.


8 de Marzo, participa e loita

O traballo realizado por Natividade López Gromaz fai un percorrido pola situación sociolaboral na que se atopa a muller en Galiza, a través do que se constatan as dificultades coas que se atopan as traballadoras para participar e loitar en igualdade de condicións aos seus compañeiros en demanda de melloras das súas condicións laborais.

Segundo este estudio, a realidade social demostra que a muller vese abocada a buscar o seu propio espazo conciliador, ben na familia, ben no posto de traballo, incorporándose a el a través de xornadas e contratos en precario.

As primeiras dificultades aparecen xa na propia incorporación á actividade laboral que se reflicte na baixa taxa de actividade feminina dun 54,8% en 2006 fronte á masculina 62,2, substancialmente inferiores ás da UE.

Os datos oficiais tamén constatan que a muller tamén padece taxas de paro máis altas e de feito este chega ao 11,4% entre as mulleres e 6,1% entre os homes.

Non hai que esquecer tampouco o que supón a sangría migratoria, xa que arredor de 20.000 persoas, das que máis da metade son mulleres emigran cada ano en busca dun posto de traballo.

Ademais, entre as que pretenden acceder a un posto de traballo en Galiza hai unha elevada porcentaxe que non o consigue. Tal é así que a taxa de ocupación quédase no 40,5%, fronte ao 58,4% dos homes.

Pero as dificultades non rematan ao acceder a un posto de traballo. A calidade do emprego é outro dos factores que inflúen. Tanto se se mide en termos de estabilidade no posto de traballo como en retribucións por traballo. En ambos os casos, as condicións da muller son peores.


Salarios

Polo que respecta aos salarios mantense o famoso diferencial do 27% entre os que reciben os homes e as mulleres. Pero se se fai unha desagregación por intervalos de ingresos, a situación aínda é máis preocupante.

A Axencia Tributaria facilita anualmente os datos de ingresos por salarios que perciben os traballadores sen diferenciar nin tipo de xornada ou de contrato ou días traballados. As principais conclusións que se tiran deste informe son escandalosas:

i. o 36,4% das mulleres que traballaron en Galiza non acadaron o Salario Mínimo Interprofesional.

ii. O 70% non superaron os ingresos salariais medios dos galegos.

iii. Só o 10% dos galegos no tramo de maiores ingresos son mulleres.

Dada esta situación, a CIG demanda dos poderes públicos un maior compromiso para favorecer a inserción da muller no mundo do traballo, en condicións dignas. Isto tería que ir necesariamente acompañado coa posta en marcha de medidas que favorezan realmente a conciliación da vida familiar e laboral (garderías, centros para discapacitados, atención a maiores...), ademais de articular medidas lexislativas que permitan adaptar a realidade social á laboral (por exemplo horarios).

 
Descarga o informe en pdf
 
pdfSituación sociolaboral da muller en Galiza

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta