|
Actualidade CIG-Comunicación-
As negociacións xiran en torno ao reforzo da rede comercial coa creación de emprego por dúas vías, reforzando os equipos de substitucións, así como establecendo baremos que teñan en conta a carga de traballo para asignar persoal ás oficinas. Dentro deste apartado que implica a creación de emprego en Galiza, o acordo tamén contemplaría medidas para limitar a temporalidade na Caixa. Por outra parte a empresa e o sindicato nacionalista semellan ter chegado a un acordo para limitar a mobilidade funcional establecida no convenio para o persoal administrativo. Para a asignación de funcións comerciais a este persoal teríase en conta a carga de traballo administrativo de cada posto. O mesmo sucedería para os denominados “comités comerciais” nos que diariamente ten que participar todo o persoal das oficinas. Empresa e sindicato traballan agora nun código ético que rexa nas actuacións internas entre os superiores xerárquicos e as persoas ao seu cargo. Por outra parte, a empresa podería poñer en marcha novos modelos de xestión informatizados que limiten a presión comercial nas oficinas. Pero o acordo é mais amplo, e están sentadas as bases para un novo acordo que melloraría o establecido en materia de Préstamos e Anticipos. Estas medidas superarían o actual acordo de empresa que xa está por riba do convenio estatal. No apartado de carreira profesional a CIG vén de formular unha serie de propostas ante a celebración de Oposicións de Ascenso, para tratar de minimizar os efectos dos recortes incluídos por CCOO, UGT e CSICA no convenio colectivo estatal. Historicamente estaban reguladas oposicións de ascenso ata Oficial Primeira (nivel VII), pero no último convenio limitouse o ascenso ata nivel VIII. Onde semella difícil que o sindicato e a empresa podan chegar a un acordo é en materia de horarios. A CIG reclama o peche de todos os xoves polo serán, en tanto que a Caixa aposta por ampliar a todos os días a apertura polo serán nalgunhas oficinas. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2007 |
||||
|