Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 15 de marzo de 2007

Subvencionando a deslocalización de Atento-Telefónica
 

Clodomiro Montero Martínez-

secbanca@galizacig.net



  179 despidos en Atento A Coruña; clic para aumentar
Atento-Telefónica está reestruturando os seus centros de traballo de Valencia, Córdoba Madrid e acaba de despedir a 179 persoas en A Coruña, deslocalizando a súa actividade cara a Perú e Colombia, entre outros países. (Foto: ©galizacig.com 14/03/2007).
 
Se un goberno destinase inxentes cantidades de diñeiro público para subvencionar unha empresa que tivo o ano pasado máis de 6.000 millóns de euros de beneficios (un billón das antigas pesetas), facilitando incluso chan público gratuitamente para a construción de novos centros de traballo.

Se esta empresa despedise ese mesmo ano á metade do seu persoal pechando centros de traballo por todo o Estado, deslocalizando a súa produción cara ao terceiro mundo.

Se esa deslocalización fose posible pola autorización previa dun organismo dese mesmo goberno para trasladar os datos persoais e incluso financeiros de millóns de persoas cara ao estranxeiro.

Se esa empresa anteriormente fora pública e tivera sido privatizada polo mesmo partido que hoxe goberna.

Se aínda fai uns días o ex-presidente desta multinacional tivera comparecido ante os tribunais pola suposta venda fraudulenta e quebra dunha das súas filiais.

Se esa empresa fose acusada polos consumidores de pactar subas de prezos co resto das operadoras en detrimento dos seus clientes.

Se todo isto estivera pasando, pensariamos que algo cheira a podre, pero non en Dinamarca, cheira a podre en Madrid.

Desgraciadamente non falamos dun caso hipotético, falamos da actuación do Goberno central coa multinacional española Telefónica e a súa filial Atento.

O pasado 20 de xaneiro, o Goberno español aprobaba o denominado Plan Activa-Jaén por un importe de 1.200 millóns de euros. Parte das subvencións foron parar á filial do Grupo Telefónica Atento, para que abrira un novo centro de traballo en Jaén, localizado en terreos públicos cedidos pola Deputación de Jaén, gobernada tamén polo PSOE.

Atento-Telefónica está reestruturando os seus centros de traballo de Valencia, Córdoba Madrid e acaba de despedir a 179 persoas en A Coruña, deslocalizando a súa actividade cara a Perú e Colombia, entre outros países.

Pero é máis, esta deslocalización é posible despois de que a Axencia Estatal de Protección de Datos permitira a Atento-Telefónica trasladar as bases de datos de clientes a estes países.

O Goberno central, a Junta de Andalucía e a Deputación de Jaén subvencionan con diñeiro público a unha empresa que obtivo uns beneficios inmorais no ano 2006, e que está despedindo aos seus traballadores e traballadoras por todo o Estado. A todas luces unhas subvencións inxustas e inxustificables.

En todo caso queda unha pregunta no aire: por que Jaén si e A Coruña non, sr. Zapatero?

 
 
  Clodomiro Montero Martínez,
secretario nacional da Federación de Banca da CIG.

(
Máis artigos...)
  Clodomiro Montero Martínez
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta