|
Actualidade CIG-Comunicación-
Esta Asemblea de delegados e delegadas comezou coa intervención de Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, que presentou os dous temas que ían ser tratados nesta xuntanza de traballadores e traballadoras: os acordos de contención salarial asinados en Madrid por CCOO e UGT, que veñen representar ese “sindicalismo virtual, que só serve para que a xente se desanime”, e a presentación do proxecto da CIG para o Convenio provincial da Construción, que da forma ao outro sindicalismo, de “negociación colectiva, que non pretende só unha suba salarial senón mudar o estado das cousas, sindicalismo a pé de posto de traballo, para aportar xustiza social, e negociar tamén sobre conciliación, saúde laboral, xénero, contra a precariedade. Por iso queremos apoiar hoxe aos compañeiros da Construción na negociación do seu convenio provincial, no que a CIG ten o 52% da representatividade”. Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG, denunciou por un lado a “práctica sindical instrumental de CCOO e UGT que traslada a decisión de toda a clase traballadora a Madrid, a través da negociación dos convenios estatais e os límites e marcos que eles queren impor”. Alcántara aportou estatísticas deste ano da OCDE (Organización de Cooperación para o Desenvolvemento Económico) que amosan que o Estado español dentro da Unión Europea é o Estado no que a rendibilidade empresarial é a máis alta; estes dados tamén reflicten que é o único Estado no que os salarios medran por debaixo da inflación de maneira continuada nos últimos dez anos. Para explicar estas circunstancias, Alcántara subliñou a responsabilidade de que o IPC sexa un indicador económico fundamental xa que “o IPC é unha referencia trucada, e nese sentido a CIG xa aportou un estudo hai dous anos sobre este tema do catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Compostela Xavier Vence, xa que está adaptada á realidade que lle interese mostrar; por exemplo, a vivenda non aparece recollida dentro do IPC aínda que é un gasto fundamental para a familia; ademais ten unha incidencia distinta en función do salario”. En definitiva, o IPC previsto nunca é o real, e ademais hai un 30% dos convenios nos que non hai revisión salarial, e nos que hai revisión esta non ten porque ser retroactiva en todos os casos. Os traballadores e traballadoras continúan a perder poder adquisitivo. Nese sentido, Antolín Alcántara realizou unha pequena comparación entre as loitas que deron os traballadores en Ferrol e Vigo contra o sindicalismo vertical, polo dereito a negociar nos seus centros de traballo as súas condicións laborais, para defender a liberdade de que a clase traballadora participara da negociación colectiva, e a actualidade, na que o modelo sindical que representan CCOO e UGT adoptaron os mesmos vicios que mobilizaron no 72, “agóchanse en Madrid, as cúpulas, sen que os traballadores/as podan opinar, nun modelo vertical”. Alcántara manifestou que “hai que combater este modelo sindical, vencémolos cando negociamos aquí, con forza, plantándolle cara aos problemas, mobilizando, xa que quen pense que se pode gañar na negociación colectiva ao redor dunha mesa equivócase”. Xoán Xosé Melón, secretario nacional da Federación de Construción da CIG, explicou a situación na que se encontra este sector, estratéxico e motor da economía galega, así como a necesidade de dar un paso máis na negociación colectiva con esta proposta de Convenio provincial para Pontevedra. “É un sector complicado, atomizado, o 92% das empresas teñen menos de 10 traballadores, o que dá conta da dispersión deste sector, que conta con máis de 45.000 traballadores só na provincia de Pontevedra, é un dos sectores con maior eventualidade”, explicaba Melón. A CIG impugnou os convenios marco-estatal da Construción xa que se reservaban materias máis alá das competencias do Estatuto dos Traballadores, e marcábanse materias que tiña no ámbito inferior, provincial ou de empresa potestade para negociar. Na Audiencia gañouse esta causa, recorreron esta primeira instancia da Audiencia, foron ao Supremo e tamén perderon. “Desde os últimos dez anos fomos avanzando no sector e amosando as nosas prioridades neste campo, e somos a primeira forza en representatividade, cun 52%”, expuña Melón, quen engadía “que hai que rachar coa estrutura salarial e dar un paso decidido nunha mudanza na negociación colectiva neste sector”. No anteproxecto do Convenio provincial da Construción da CIG incorpóranse importantes incrementos salariais; a creación dun complemento de costo por traballo, para plasmar no papel as diferenzas das cualificacións profesionais; proposta para que nos meses de verán (xuño-setembro) haxa xornada continuada pola repercusión na saúde polo estrés térmico; penalizar as indemnizacións de fin de contrato para evitar a alta eventualidade. “Estamos dispostos a que este ano sexa o ano da negociación colectiva do Convenio da Construción. Hai 18 anos que non hai mobilización no sector pero nós apostamos por mudar esta situación” finalizou Melón a súa intervención. Ao remate da Asemblea, os máis de 400 delegados e delegadas sindicais baixaron desde a Praza do Rei até a Porta do Sol en manifestación pola negociación do Convenio da Construción. Á chegada á sede da APEC (Patronal da Construción) representantes sindicais da Federación da Construción subiron ás oficinas da Patronal para facerlles chegar e presentarlles este anteproxecto. A resposta da Patronal foi tentar pechar os accesos da entrada da súa sede (pero os sindicalistas xa estaban no interior do edificio), e responder a esta proposta do sindicato máis representativo do sector na provincia de Pontevedra dicindo que non pensaban sentarse a negociar nada no marco provincial, que rexeitaban esta proposta, mentres houbera unha negociación no marco estatal dun convenio. Melón explicou aos alí presentes co megáfono que “queremos ter a volta de 15 días un primeiro contacto con todos os sindicatos e coa patronal, aínda que este primeiro contacto non foi bo xa que manifestaron que non van falar coa CIG, teñamos a representatividade que teñamos, mentres non haxa un acordo a nivel estatal co convenio da Construción. Nós tamén actuaremos en función dos acontecementos, non imos quedar de brazos cruzados”. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2007 |
||||
|