ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 21 de marzo de 2007

Os vindeiros 30 de marzo, 2, 3 e 4 de abril
Convocada folga en todos os centros de traballo da ITV da provincia de Pontevedra

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Convocatoria folga ITV provincia Pontevedra, clic para aumentar
Os traballadores/as da concesionaria Supervisión y Control, contratada pola Xunta para a ITV, manifestan o lucrativo deste negocio, unha actividade moi produtiva que factura millóns de euros, pero que non conleva boas condicións de traballo para as persoas contratadas para realizar este labor. (Na foto, de esquerda a dereita, Rafael Castro, traballador da ITV; Xoan Xosé Bouzas Aboi, secretario nacional de Acción Sindical da Federación do Metal; Antonio Rosales Pedrouso, presidente do Comité de Empresa; e Rodrigo González Fragueiro, traballador da ITV, despois dunha xuntanza mantida este martes 20 de marzo no local da CIG de Vigo. ©galizacig.com 20/03/2007).
 
Os preto de 110 traballadores/as dos cinco centros de traballo que realizan as inspeccións técnicas de vehículos na provincia de Pontevedra decidiron convocar unha folga a finais deste mes de marzo, e os días 2 a 4 de abril. Os motivos son o incumprimento do Convenio do Metal, a xornada de traballo, a paga voluntaria e as vacacións.

Hai xa máis de dous anos e medio que os traballadores/as nas comarcas de Vigo e Pontevedra de Supervisión y Control S.A., a única concesionaria que ten contratada a Xunta de Galicia para realizar as obrigatorias inspeccións de todo tipo de automóbiles, comezaban a súa andaina de reclamacións e demandas para cuestións tan básicas como o cumprimento do Convenio Colectivo provincial do Metal, a xornada de traballo (xa que teñen que traballar un de cada dous sábados á tarde), a paga voluntaria (que é discriminatoria, e que veñen recibindo uns si e outros non, e non baixo criterios obxectivos) e as vacacións (non se respectan os tempos de vacacións que elixen os propios traballadores).

Cuestións como as condicións de traballo ou a saúde laboral nos postos de traballo son outras da reivindicacións que motivaron a decisión de levar adiante a convocatoria das mobilizacións.

Os traballadores/as da concesionaria contratada pola Xunta para a ITV manifestan o lucrativo deste negocio, unha actividade moi produtiva que factura millóns de euros, pero que non conleva boas condicións de traballo para as persoas contratadas para realizar este labor.

Despois de numerosas negociacións e reclamar que se escoitara aos traballadores/as, o Comité de Empresa -neste comité de seis persoas escollidas, a CIG obtivo seis delegados- decidiu convocar unha folga para os próximos venres 30 de marzo, luns 2, martes 3 e mércores 4 de abril. A folga será de dúas horas na quenda de mañá, de 08:30 a 10:30, e dúas horas na quenda da tarde, de 14:30 a 16:30.

A folga está convocada en todos os centros de traballo da ITV da provincia de Pontevedra: O Porriño, Peinador, Pontebora, Vilagarcía, Curro, Lalín e a unidade móbil.

Así mesmo, desde a Federación do Metal da CIG informouse nunha xuntanza na primeira semana de marzo á delegada provincial de Industria, María Montserrat Prado Cores, cal era a situación destes traballadores, e a convocatoria de mobilizacións para mudar estas condicións laborais.

O próximo xoves 22 de marzo os traballadores/as destes centros de traballo están convocados a unha asemblea na ITV de Peinador para tratar a estratexia conxunta que van levar adiante nestas mobilizacións.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta