|
Actualidade CIG-Comunicación-
“O participación na manifestación superou as nosas expectativas e houbo máis de 4.000 persoas percorrendo as rúas de Compostela”. Así avaliaba o secretario nacional da Federación de Saúde da CIG, Xan Cons -non ocultaba a súa satisfacción dada a fragmentación que padece o sector- a manifestación convocada este xoves 29 de marzo. A CIG está neste intre integrada nunha plataforma unitaria na que se demandan catro grandes puntos respecto da carreira profesional que teñen que ver con: • Retribucións asociadas á carreira profesional, un complemento retributivo de nova creación. • Os anos de experiencia profesional que son necesarios para acceder a cada un dos catro niveis da carreira. • O tratamento das situacións de promoción interna, xa que hai moito persoal que comeza nunha categoría pero logo accede a outra: a enfermería ou a médico/a, a técnico/a de laboratorio... Neste sentido, a Administración pretende que se teñan en conta os anos de experiencia e de recoñecemento da carreira só dentro da mesma categoría na que se estea en cada momento o que implica que a xente que accede a outras categorías por promoción interna estaría moi limitada. Iso é o que se quere é evitar que iso ocorra. • A exclusión do acceso á carreira profesional que o Sergas pretende para o colectivo de persoal funcionario e laboral que traballa nos centros, que neste momento son unhas 2.000 persoas sobre un total de 30.000 de cadro de persoal. Esa exclusión tamén se está a combater con estas mobilizacións.
A CIG ten avaliado nun 82,3% o seguimento da folga en toda Galiza. Por áreas, en Ferrol, Burela, Monforte ou o Barco de Valdeorras o seguimento superou o 90%; a incidencia estivo por enriba do 80% en A Coruña, Santiago e Vigo e por enriba do 75% en Lugo, Ourense e Pontevedra. O Sergas pola contra cifra o seguimento da folga nun 30%. Cons explica que para dar esas cifras a Administración sanitaria conta o persoal que está expresamente en folga na quenda da mañá, computa os servizos mínimos como persoal que non está en folga (hoxe estaban como mínimos 2.900 traballadores/as) e fai o cálculo sobre o total do persoal á marxe da quenda que lle corresponda: uns 14.000 traballadores e traballadoras. “Ese truco xa non nos cola porque é vello”, afirma o secretario nacional de CIG-Saúde. Pola contra, a CIG fai o cálculo tendo en conta ás persoas que están expresamente en folga respecto das persoas da quenda, que son as que poderían participar directamente na convocatoria. O problema da Administración, segundo explica Cons, “é que calculou mal porque entenderon que se trataba dunha mobilización da CIG motivada pola proximidade das eleccións sindicais. O que comezou como un movemento que lanzamos nós no mes de febreiro converteuse en plataforma unitaria no mes de marzo. Agora o que hai 15 días podía valer para chegar a un acordo xa non vale. A sensación de forza é moi importante”.
O pasado martes o SERGAS propuxo na mesa sectorial presentar unha nova proposta se se desconvocaban as mobilizacións previstas. “Dixemos que mellor facíamos ao revés, eles presentaban a proposta e só se era aceptábel desconvocábanse as mobilizacións”. Non houbo acordo nese sentido e mantivéronse as mobilizacións cunha resposta contundente por parte das traballadoras e traballadores. A reacción do Sergas de cara á manifestación foi precintar todo o recinto administrativo cun cordón policial. Aínda que non se produciron incidentes, o cordón intentou impedir o acceso dos manifestantes á plataforma do recinto malia o que estes entraron. “Esta Administración non se está lucindo e a súa resposta limítase a dilatar a negociación ou chamarnos electoralistas ou recibirnos coa policía, pero así non o vai conseguir”. Neste intre está xa presentado un calendario de mobilizacións para o mes de abril. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/03/2007 |
||||
|