|
Actualidade / Artigo Misións humanitarias Manuel Mera-
Que conten estas misións militares co aval do ONU non dá ningunha lexitimidade, cando menos moral e histórica, e non significa o máximo respeito á soberanía dos povos e dos estados, xa que está totalmente controlada polos Estados Unidos. Como exemplo abonda con ollar pra o nomeamento do novo secretario xeral. A menos que se exerza o dereito de veto no Consello de Seguridade por algunha das grandes potencias que o compoñen. A ONU avala todo o que favorece a estas potencias, porén a maioría das veces esto prexudica aos pequenos países ou a potencias rexionais rebeldes, que son convertidos deste xeito en protectorados “lexitimamente”. Afganistán foi ocupado polo seu interese xeo-estratéxico, xa que había plans con esta finalidade anteriores ao 11 de setembro. É un estado tapón entre China e Iran, e fronteirizo cos grandes productores de gas centroasiáticos. Non se pode esquecer asemade que os talibáns agromaron dos grupos que os Estados Unidos apoiaron, na súa guerra contra as tropas soviéticas e o exercito do governo laico e progresista que dirixía o país, e que o chamado “governo democrático actual” de karzai é un xeito de pacto entre os xefes tribais e as forzas internacionais. E, se algo asegura este contexto, é o cultivo de amapola e a produción de opio, que durante o control dos talibáns fora reducido ao mínimo. Todos recoñecen hoxe que Afganistán é o maior productor do mundo de opio, agora ben, dicir que estas cotas máximas se deben á produción nas zonas talibáns, que así financian a guerra, sería aceptar que controlan permanentemente unha zona importante do país, algo que as fontes militares e políticas negan. Os talibáns poden cobrar impostos sobre a droga nalgunhas zonas, algo que habería que probar, mais do que non hai dúbida é que as forzas ocupantes son as que permiten o seu cultivo, a pregunta é: tamén tiran beneficios?... Outro dos aspectos que nos deben preocupar é o relativo aos dereitos humans, xa que son múltiples as organizacións internacionais que denuncian a detención sen garantías e mesmo a tortura, e a gran base norteamericana de Bagram semella ser o centro de todos os males. A esto cumpre engadir, que se ten utilizado moito como propaganda a negación dos dereitos da muller durante a etapa dos talibáns, algo que é totalmente certo, porén malia facer anos que perderon o control do país e existir un governo avalado polas potencias occidentais pouco ou ren se ten avanzado no tema fora de Kabul. A presenza de tropas no Líbano tamén merecería un amplo comentario, xa que se trata dunha zona moi quente, onde todo indica que se foi a resgardar as costas dos agresores israelís e inclinar a balanza do poder interno, e polo tanto intervir nas liortas entre libaneses pro-occidentais e pro-sirios. É unha demostración máis do comprometido que está o Estado español no eido militar arrastrado polos intereses económicos no exterior, e polo tanto de ter e amosar poder. E esto non conxenia cun discurso de esquerda e solidario. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2007 |
||||
|