Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 12 de marzo de 2007

O dez de marzo na memoria
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Ofrenda floral no Monumento ao 10 de Marzo, clic para aumentar
Por todo o dito o dez de marzo, Día da Clase Obreira Galega, pra alén de quen dirixira aquela loita, en Ferrol e Vigo, ten tanta transcendencia e está tan unido á historia do nacionalismo galego desta etapa. Porque, os feitos son importantes sobre todo polo que deixan sementado pra o futuro, polo que significan no imaxinario colectivo. (Foto: Ofrenda floral no Monumento conmemorativo do 10 de Marzo en Ferrol. ©galizacig.com).
 
Uns catro mil manifestantes, operarios do estaleiro de Bazán, no Ferrol, diríxense á entrada da cidade, coa finalidade de sumar á protesta aos traballadores da construción de Caranza, así como aos que pensaban saír do estaleiro de Astano, en Fene, con idéntica finalidade atravesando a ponte de As Pías. Á altura das Casas Baratas sesenta grises (policía armada) cortáronlles o paso, houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, máis disparos, caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinteoito son feridos de bala. A mobilización dos obreiros da Bazán do 10 de marzo de 1972 iniciouse despois de atopar pechada a factoría, por mor do conflito sobre o convenio colectivo.

Como consecuencia do enfrontamento, en realidade da masacre da policía ao servizo da ditadura, declárase o estado de excepción na cidade, Bazán ficará pechada por dez días e despois será militarizada. O cruceiro Canarias preparouse pra protexer os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de aceso á cidade. A represión sobre a clase obreira non se fixo esperar: segundo fontes policiais son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita, e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Cifras que outros informes aumentan a 160 despedidos na Bazán e outros cen noutras empresas da bisbarra.

A solidariedade en toda Galiza cos traballadores da Bazán foi moi rápida e amosou o alto nivel de conciencia social que existía no momento, tendo en conta a situación de represión. Houbo paros moi importantes nas empresas da comarca de Vigo e manifestacións, e tamén na Coruña, Lugo, Ourense e Compostela, aínda que de menos intensidade; en moitos casos, especialmente en Compostela, uníronse ás protestas os estudantes. Os xornais do 17 de marzo sinalaban que xa se restablecera a normalidade nas empresas de Vigo.

As protestas dos traballadores do estaleiro ferrolán tiñan a sua orixe na reivindicación dun convenio provincial, xa que se consideraban prexudicados polo de ámbito estatal no que estaban integrados. A súa foi unha reivindicación que, na práctica, coincidía coas consignas do nacionalismo que de novo agromaba na mocidade; aínda que a hexemonía sindical era daquela dunha organización de ámbito estatal, Comisións Obreiras, controlada polo PC, mais que tamén sumaba militantes anarquistas e nacionalistas.

Pouco despois folga xeral de setembro de 1972 en Vigo, que abrangueu durante 15 días a toda a industria e construción, deu un novo pulo á loita social, porén tamén ás contradicións existentes no movemento sindical, e ao fusco do franquismo. Xurden previamente, como unha escisión das mocidades comunistas, a OMLG e Organización Obreira. Opóñense ao Pacto pola Liberdade, usan como única lingua o galego, e un sector defínese como nacionalista. A dura represión desartella este movemento, porén dá un novo pulo ao nivel de conciencia na Clase obreira e abre unha fenda na hexemonía do PC pola que se insire no eido sindical o nacionalismo, que mantén unha postura máis radical no social e coherente na problemática nacional de Galiza.

Por todo o dito o dez de marzo, Día da Clase Obreira Galega, pra alén de quen dirixira aquela loita, en Ferrol e Vigo, ten tanta transcendencia e está tan unido á historia do nacionalismo galego desta etapa. Porque, os feitos son importantes sobre todo polo que deixan sementado pra o futuro, polo que significan no imaxinario colectivo. Así aconteceu coa loita contra os Trastamara no século XIII, a revolta irmandiña do século XV, coa Revolución de 1846, o Banquete de Conxo en 1856, ou a insurreción de mariñeiros e obreiros no ano 1872 no Ferrol.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta