|
Actualidade CIG-Comunicación-
Na mañá do martes día 20 de marzo, representantes dos Comités de Empresa de Ferroatlántica, Ramsa e Serrabal, xunto cos representantes sindicais da CIG e da UGT, reuníanse co conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Na xuntanza, o conselleiro comprometíase a apoiar as demandas dos traballadores. Fronte ao apoio manifestado por Blanco, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, e o propio alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, manifestaban o seu desacordo cun posíbel cambio de trazado por considerar que atrasaría as obras de construción do TAV. As declaracións dos representantes do PSOE producíanse xusto despois de que o presidente de ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias), Antonio González Marín, manifestara no Congreso dos Deputados a disposición desta entidade a estudar unha modificación do trazado sempre que houbera un acordo previo do Parlamento de Galiza. Os traballadores da mina de Serrabal levan desde o ano 2003 demandando da Administración un cambio de trazado do TAV para posibilitar que continúe a explotación e garantir que os postos de traballo non desaparezan. “Xa daquela se estaba a falar de posíbeis retrasos e agora segue sendo exactamente o mesmo argumento o que se utiliza. A estas alturas podería estar perfectamente resolta a cuestión se desde un primeiro momento se escoitaran as nosas demandas”, explica o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda. Para a CIG esta variante non suporía ningún atraso no desenvolvemento do trazado do TAV Santiago-A Meseta porque se trata dun tramo de tan só 6 quilómetros. Porén, aínda está pendente de licitar o tramo Lubián-Ourense, duns 100 quilómetros e desde fontes oficiais non está prevista a súa entrada en funcionamento até o 2013. Ante estes datos, Noceda lembra que as previsións máis optimistas sitúan a entrada en funcionamento do AVE galego dentro de 6 anos e a entrada en funcionamento da estación de Santiago no ano 2010. “Mesmo acaba de saír publicada a licitación da electrificación da vía Santiago-Ourense co cal é absurdo afirmar que sería o cambio de trazado destes 6 quilómetros o que vai retrasar as obras”. O secretario comarcal da CIG de Compostela salienta ademais que “un trazado alternativo suporía o mantemento dos postos de traballo en dúas zonas onde precisamente o tecido industrial é escaso (Vedra, Boqueixón e Cee), pero tamén nos aforraría a todos os galegos e galegas entre 200 e 900 millóns de euros”. Os 200 millóns aos que fai referencia Noceda son os que propón o Ministerio de Fomento como indemnización a Villar Mir e os 900 son os que está a demandar o propio empresario no mesmo concepto. “Unha cantidade que, non esquezamos, pagariamos todos os galegos e galegas”. O trazado alternativo ao que se refiren os traballadores e as organizacións sindicais CIG e UGT foi estudiado polo propio Ministerio de Fomento cando aínda era o seu responsábel Álvarez Cascos e a el fai referencia o Boletín Oficial das Cortes Xerais no 2003. Ese trazado non afectaría aos núcleos de poboación da zona e viabilizaría a explotación mineira. Ademais conta xa con estudios a nivel técnico e medioambiental. “Por iso non entendemos as razóns que levaron a apostar polo trazado actual e mesmo lévanos a pensar nas manifestaciós que se fixeron durante o 2004 nas que se chegou a falar do ‘pelotazo’ de Villar Mir e dos compromisos que podían existir entre Cascos e o empresario. Tendo isto en conta, a CIG non entende por que agora Touriño, Caride e Bugallo se suman con tal entusiasmo ao trazado actual e aseguran que defenden a alternativa que garante o cumprimento dos prazos da obra. |
|||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/03/2007 |
|||||||||||||||||||||
|