|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
Paula Castro: Como xurde a idea de convocar o premio “Día da Clase Obreira Galega”? Suso Seixo: En realidade trátase de recuperar unha tradición que xa existía coa CXTG pero que se deixou de celebrar tras do proceso de unificación. Sempre centramos o 10 de Marzo nas mobilizacións e actos reivindicativos que se organizaban con motivo desta data. Porén, este ano consideramos que, á vista de que no tipo de sociedade na que vivimos a conflitividade social é relegada de forma sistemática a un segundo plano, pero existe, ademais das mobilizacións tiñamos que recuperar como un valor esa loita da clase traballadora por dignificar as súas condicións. Paula Castro: Considérase, xa que logo, que se están silenciando os conflitos colectivos para dar unha imaxe de paz social? Suso Seixo: Estase dando a imaxe de que rematou a loita de clases, pero existe e por máis que se diga que todos somos iguais e que gozamos dos mesmos dereitos e deberes, a práctica constata que non é así. De feito, as traballadoras e traballadores teñen que seguir defendéndose constantemente das agresións que padecen por parte do poder, da patronal e do propio capital. O que pretendemos, polo tanto, é darlle relevancia social a esta loita, pór en valor o mundo do traballo e recoñecer a importancia que teñen as reivindicacións en defensa dunha mellora das condicións laborais. Paula Castro: En que vai consistir o premio? Suso Seixo: Acordamos organizar un xantar, que nesta ocasión terá lugar o día 9 de marzo, coincidindo coa celebración do Consello Confederal, ao que están convidadas organizacións sociais, políticas e culturais do nacionalismo, ademais de persoas a nivel individual que teñen colaborado coa CIG, e medios de comunicación. O obxectivo é aproveitar este evento para facer entrega dun premio baixo ese nome a un conflito de especial relevancia polo tipo de reivindicación, polo contido do mesmo, pola solidariedade manifestada polas traballadoras e traballadores... Ademais, farase entrega de mencións de carácter individual a aquelas persoas que, pola súa actividade militante e polo seu compromiso coa actividade sindical merecen un recoñecemento. Neste caso trátase de persoas que xa non estean en activo ou mesmo persoas que xa faleceron. Paula Castro: Na mobilización do 10 de Marzo deste ano haberá dous lemas. Por que se acordou dar esas dúas mensaxes? Suso Seixo: Co que encabezará a manifestación “Sindicalismo galego: convenios e salarios dignos” queremos dar a entender que en Galiza, para conseguir bos convenios e salarios dignos é imprescindíbel o sindicalismo galego. Nomeadamente fronte ás políticas de pacto permanente que manteñen as centrais sindicais estatais CCOO e UGT. Unhas políticas baseadas nuns acordos asinados por arriba que limitan e mesmo impiden que os traballadores e as traballadoras participen. Fronte a iso, a CIG defende un modelo diferente e queremos que chegue a mensaxe de que as decisións en materia de negociación colectiva temos que tomalas en Galiza e que desas decisións teñen que participar os propios afectados ao igual que teñen que poder decidir sobre as medidas de presión que consideren oportuno adoptar. Canto ao segundo lema, “Galiza nación, autodeterminación” queremos vincular o significado desa data “Día da Clase Obreira Galega” coa loita pola soberanía nacional, que por outra banda, sempre estiveron vinculadas. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2007 |
||||
|