|
Actualidade CIG-Comunicación-
A pasada semana a CIG-Ensino convocou varias asembleas co profesorado destas materias para o que a Consellaría de Educación propón unha redución da carga horaria obrigatoria de máis do 40%. Nesas asembleas propúxose a realización dunha manifestación que percorreu a cidade de Compostela, cunha importantísima participación. Nestas asembleas tamén se acordara realizar unha solicitude de entrevista dirixida á conselleira. A continuación da manifestación realizouse unha asemblea do profesorado afectado que superaba os 400 participantes e na que se acordou o seguinte: • Solicitar o posicionamento das ANPAs e intentar o apoio das organizacións do estudantado. • Procurar manifestacións públicas de diferentes organismos, entidades ou personalidades en defensa da importancia da formación do alumnado destas especialidades. • Continuar coa campaña de recollida de sinaturas que se entregarán o vindeiro luns 26 ás 11:30 horas. • Desenvolver unha pancarta reivindicativa coincidindo coa celebración do Consello Escolar de Galiza, no Mupega o 28 de marzo. • Convocar unha xornada de folga para o 12 de abril, día en que se realizará unha manifestación nacional en Compostela, ás 11:30 horas. Desde a CIG-Ensino seguirase defendendo, tamén no Consello Escolar de Galiza, que se recupere a carga horaria de Tecnoloxía, Plástica e Música, pois se trata de dous ámbitos, o tecnolóxico e o artístico, que a Federación de Ensino da CIG valora como fundamental na formación básica do alumnado. Tamén se reclamará a redución do horario de Relixión, Educación para a Cidadanía e a supresión do proxecto interdisciplinar, pois as dúas últimas deben ser abordadas transversalmente en todas as materias e non se pode aceptar que Relixión duplique a carga horaria obrigatoria de Plástica ou Música como recolle a proposta da Administración. Despois desta mobilización, a CIG-Ensino agarda que a conselleira reconsidere a súa postura e atenda estas xustas reivindicacións, para o cal xa se lle presentou unha solicitude de entrevista que debería atender como mostra de vontade de querer solucionar este problema.
Na Mesa sectorial do mércores 21 de marzo, estaba previsto tratar a orde de calendario escolar que finalmente quedou sobre a mesa ante a demanda das organizacións sindicais. A CIG-Ensino, conxuntamente coas organizacións sindicais con presenza na Mesa, presentou e deu lectura a un escrito asinado por todas as organizacións en que se demandaba da Consellaría de Educación que seguise recollendo na Orde de calendario escolar a xornada continuada en horario de mañá para os meses de xuño e setembro. A Consellaría negouse inicialmente a recoller esta demanda e tentou xustificar a súa proposta. Mais a CIG-Ensino e as restantes organizacións sindicais presentes na Mesa reiteraron o seu rexeitamento ante esta proposta. Finalmente retirou o borrador e emprazou ás organizacións a unha nova mesa. A CIG-Ensino reclamou a necesidade de manter esta xornada pois é unha medida pedagóxica necesaria para o alumnado como adaptación desde o período vacacional e para paliar o cansazo acumulado ao final de curso coincidindo coas avaliacións finais. Esta xornada está consolidada desde hai décadas e non recollela no calendario para o ano 2007-2008 suporía un retroceso inexplicábel e contraproducente para as condicións de traballo do profesorado e cunha negativa incidencia no rendemento do alumnado. A CIG-Ensino non vai aceptar unha proposta que non recolla o mantemento desta xornada e xa manifestou na Mesa que ademais debe estar acompañado do mantemento dos servizos de transporte e comedor e non pode ser condicionada pola oferta destes servizos, pois do contrario estaría ofertándose un avance teórico sustentado nun retroceso. Ademais, CIG-Ensino dirixirase aos centros educativos para que se posicionen en contra desta proposta da Consellaría. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/03/2007 |
||||
|