|
Actualidade CIG-Comunicación-
O despedimento dunha traballadora do Hotel Auriense (Casa de Líncora S.A.) o pasado mes de decembro “obedece a un móbil antisindical”, segundo a valoración de indicios e as conclusións ás que chegou o titular do Xulgado do Social número un de Ourense. A sentenza, que anula o despedimento, fai notar que a empresa non chegou a dar unha “explicación razoábel” do seu proceder cando rescindiu a relación laboral, mentres que, contrariamente, o maxistrado Francisco Javier Blanco, aprecia indicios de que “foi debido a que se ía a presentar como candidata do sindicato CIG, unha vez que foi despedido o seu compañeiro sentimental”, que tamén pretendía presentarse ás eleccións sindicais. A resolución xudicial declara nulo o despedimento de María Ángeles Leiro e condena á empresa hostaleira á súa readmisión e ao pago dos salarios deixados de abonar desde decembro, ademais de impor unha indemnización de 3.900 euros. A sociedade que explota o hotel admitira de forma explícita a improcedencia do despedimento nun trámite no ámbito xudicial, á vez que consignaba ao redor de 11.000 euros para facer fronte á liquidación e indemnización. Constata a sentenza como, de acordo coas explicacións da empresa, a suposta falta de puntualidade e rendemento imputados na carta de despedimento, “non eran certos, senón un mero formulismo” para xustificalo. Non é críbel, para o xuíz, a escusa de que a empresa tivese “medo de que coa súa conduta puidese prexudicar no futuro, porque, de ser así, non se entende porqué non a despediu na mesma data que ao outro traballador, para evitar tal perigo”. O temor da empresa tentouse xustificar polo feito de que a afectada, axudante de cociña e manipuladora de alimentos, puidese facer algo prexudicial en vinganza polo despedimento do seu compañeiro. Este motivo de despedimento, “ademais de non ser razoábel e non xustificar para nada a decisión adoptada, constitúe en si mesmo unha discriminación prohibida pola Constitución española”, na medida en que tamén se vencella á relación afectiva da traballadora, que tamén “motivaría a declaración de nulidade” do despedimento. A película dos feitos arrinca o 5 de decembro do 2006, data na que foi despedido un traballador, de acordo cunha decisión adoptada antes do 17 de novembro, cando se celebrou un proceso selectivo para buscar a un substituto. O operario despedido tiña, ao parecer, intención de presentarse ás eleccións sindicais, de acordo coa convocatoria de preaviso remitida polos sindicatos de clase o 28 de novembro. A afectada por esta sentenza asinou a candidatura para as eleccións sindicais o 7 de decembro e tres días despois recibiu a carta de despedimento. Desde a CIG, analizaron este martes en rolda de prensa o valor desta sentenza para lembrar a algúns empresarios o dereito fundamental á liberdade sindical que foi vulnerado neste caso, polo que, á parte da reclamación puramente laboral, tamén instaron á Fiscalía a que abrise dilixencias penais. De feito, para o día 16 de abril están citados, nas dependencias do ministerio público, os traballadores desta empresa, Casa de Líncora S.A., co fin de esclarecer a posible responsabilidade na que poidan incorrer os representantes da empresa. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/03/2007 |
||||||
|