|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Esta incapacidade actual do PP para ser quen de consensuar políticas con otros partidos, e moitos menos acordos estábeis, devén da situación creada tras a última etapa de goberno de Aznar, na lexislatura 2000-2004. Lexislatura onde a forza conservadora acentuou o seu perfil máis dereitista, autoritario e máis cargado de reseso españolismo. Nese período, ademais, o Goberno de Aznar tivo que enfrontar unha mobilización social extraordinaria, derivada da contestación da cidadanía ás súas políticas através de diferentes loitas, tanto no eido laboral (folga xeral no Estado en 2002 -en Galiza, en 2001 e 2002), como no do ensino (mobilizacións contra a LOU e contra a Lei de Calidade), como contra a guerra imperialista de Iraq e, fundamentalmente en Galiza, pola crise do Prestige. Un dos eixos principais que vén caracterizando o proceder político do PP nesta fase é a exacerbación do seu fundamentalismo españolista, sacralizando por riba de todo a “unidade” e “indivisibilidade” da “nación española”. Isto serviulle para botar abaixo no Congreso dos Deputados -coa inestimábel colaboración do PSOE- a proposta de novo Estatuto para Euscadi, a comezos do ano 2005. Tamén lle valeu para se opor ao novo Estatut de Catalunya, Estatut que o Parlamento catalán aprobara cun 90% de apoio e que logo se viu “recortado” nas cortes xerais españolas, mercé á intervención de Rodríguez Zapatero e do seu grupo, o PSOE. No caso de Galiza, o PP foi quen, así mesmo, de bloquear as negociacións para un novo Estatuto. En definitiva, a súa oposición foi total aos avanzos no autogoberno propostos nas diversas comunidades do Estado que son nación: Galiza, Euscadi e Catalunya. Curiosamente, ou non tanto, nos outros territorios estatais que non son nación o PP consensuou co PSOE, sen maiores dificultades, as diferentes reformas estatutarias. Neste delirio no que está envolto o PP, o proceso de paz aberto en Euscadi foi sempre un obxectivo da forza conservadora. Boa parte da acción política do PP no que vai de lexislatura vén sendo destinada a facer sucumbir o devandito proceso, xa non só amosando unha deslealde absoluta co Goberno do Estado, senón principalmente alimentando na sociedade do Estado español un abafante clima contrario a unha solución dialogada do chamado contencioso vasco. Para isto, estase a servir mesmo de posicións ultradereitistas, como as que nuclea a “Asociación de Víctimas del Terrorismo” e outros sectores de inspiración neofascista. Para o sábado 10 de marzo (data na que Galiza conmemora o Día da Clase Obreira Galega, en memoria dos dous obreiros abatidos pola policía franquista en Ferrol no ano 1972) está convocada unha manifestación do PP e grupos afíns na capital do Estado, que ten como fin último rebentar o xa de por si delicado proceso de paz de Euscadi, á parte de seguir desgastando o Goberno de Rodríguez Zapatero. Prevese que a convocatoria teña un eco importante, dada a implicación de todas as estruturas políticas, médiáticas, etc, da órbita do PP na devandita marcha, o cal resulta ben desacougante. Sobre todo, porque tras a manipulación de vontades que se produce neste tipo de mobilizacións, está agochada unha dereita pérfida e histriónica, que cada vez se recoñece máis no espello do neofascismo. Sinceramente, non deberían pasar.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/03/2007 |
||||
|