Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 30 de marzo de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
Unha folga de 58 días e a dignidade intacta

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Coa persistencia na loita, e dous meses despois, as traballadoras de ISS de Compostela decidiron levantar a folga, asumindo en asemblea como bo un acordo coa empresa que mellora significativamente as súas condicións laborais. A súa volta ao traballo fano cheas de razón, coa dignidade intacta e se cadra coa cabeza un pouco máis alta.



  Traballadoras servizo limpeza Concello de Santiago, clic para aumentar
Durante 58 días un pequeno grupo de empregadas, co apoio da central sindical nacionalista CIG, levou adiante unha folga, na que mantiveron un alto nivel mobilizador, con accións a diario nas que denunciaban a súa situación e reclamaban os seus lexítimos intereses como traballadoras.
 
Esta semana que conclúe as traballadoras de ISS Facility Services, empresa concesionaria do servizo de limpeza do Concello de Santiago de Compostela, decidiron dar por rematada a folga que levaban realizando desde había case dous meses, en demanda dunhas melloras substantivas nas súas condicións laborais. Condicións laborais que estaban lonxe de parecérense ás que ten o o persoal do Concello que desempeña funcións similares.

Esta é unha das marabillosas virtualidades da vaga de privatizacións de servizos públicos das últimas décadas, vaga privatizadora á que o Concello da capital de Galiza non é nin moito menos alleo. Aínda que, iso si, na linguaxe do politicamente correcto estas privatizacións coñécense co nome de ‘externalización de servizos’, o que serve de coartada a estas políticas neoliberais que tanto abenzoan a dereita conservadora como a socialdemocracia reconvertida ao social-liberalismo.

Durante 58 días un pequeno grupo de empregadas, co apoio da central sindical nacionalista CIG, levou adiante unha folga, na que mantiveron un alto nivel mobilizador, con accións a diario nas que denunciaban a súa situación e reclamaban os seus lexítimos intereses como traballadoras.

Se cadra, tanto a dirección da empresa ISS como os altos responsábeis gobernativos do Concello de Santiago non foron quen de calibrar a capacidade de resistencia e de loita destas traballadoras, polo que parecía que agardaban que o conflito laboral se fose desinflando a medida que no ánimo das devanditas traballadores pesase de máis tanto o cansazo ou a desmoralización como o propio afogo na súa minguada economía doméstica. Pero nada máis lonxe da realidade. As traballadoras en folga deron unha lección de dignidade, e durante algo máis de oito semanas secundaron o seu propio chamamento e fixeron da folga o mellor instrumento para avanzar nas súas conquistas laborais.

De feito, a dirección da empresa, cando comprobou a teimosía no accionar mobilizador das traballadoras, así como o innegábel respaldo que recibían dun sindicato coa sona de combatividade como a que posúe a CIG, axiña comprendeu que debía sentar a negociar coas traballadoras, oír as súas demandas e tentar asumilas convenientemente. Entrementres, non se pode deixar de facer notar a actitude do propio alcalde da cidade, o ‘socialista’ Sánchez Bugallo, quen pretendía non se dar por enteirado coma se realmente non fose con el, e co concello que representa, o conflito laboral en que estaban envoltas as traballadores da empresa concesionaria do servizo de limpeza do Concello de Santiago.

Por se isto fose pouco, a actitude do rexedor compostelán aínda foi a peor, cando o conflito xa estaba en vías de solución, xa que a dirección da empresa asumía na práctica as reivindicacións das traballadoras e só faltaba o compromiso das responsábeis do Concello para poder poñer o remate á longuísima folga levada adiante polas traballadores de ISS en Compostela.

Aí foi cando as propias traballadoras tomaron consciencia da importancia de lle meter presión ao alcalde santiagués, facendo e mesmo improvisando mobilizacións en todo canto lugar ía aparecendo Sánchez Bugallo, chegando mesmo a montarlle un ruidoso ‘comité de benvida’ no aeroporto de Lavacolla o día en que este tomaba terra despois dunha viaxe duns días por terras da Arxentina.

Coa persistencia e a perseveranza na loita, e dous meses despois, as traballadoras de ISS de Compostela decidiron levantar a folga, asumindo en asemblea como bo un acordo coa empresa que mellora significativamente as súas condicións laborais. A súa volta ao traballo fano cheas de razón, coa dignidade intacta e se cadra coa cabeza un pouco máis alta. Foi unha desas loitas que, aínda pequena, a clase traballadora leva adiante no noso país para orgullo propio e exemplo de todos e todas nós.


Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta