Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 19 de marzo de 2007

A primeira vítima de ETA e a manipulación mediática
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Txabi Etxebarrieta, clic para aumentar
Txabi Etxebarrieta.
 
O domingo 4 de marzo Manuel Campo Vidal escribe, unha vez máis, que se cadra a morte do exministro socialista Ernest Lluch tivese que ver coas pescudas e o artigo que fixera, atribuíndo a morte da nena Begoña Urroz Ibarrola, na estación de tren de Amara en Donostia, o 27 de xuño de 1960, a ETA. Campo Vidal non é o primeiro (nin o último) en atribuír esta morte a ETA. Tamén, hai poucos meses, o repetiu José de Cora de El Progreso de Lugo nun artigo titulado “Formas de silencio”.

Porén, o atentado foi reivindicado polo DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) e considerado como un grave erro polo falecemento desta menor de 22 meses. Así o ten dito o comandante Soutomaior e membros do DRIL como Rojas, ámbolos dous falecidos e sen posibilidade de contradicir esta enxurrada mediática que pretende atribuír a morte da menor a ETA polo seu efecto mediático.


A primeira manipulación dun morto nun atentado no Estado español

Das accións armadas do DRIL pouco se ten escrito. Moitos circunscríbeno ao secuestro do Santa María e pouco máis.

A primeira vítima dunha acción terrorista no Estado español foi a nena de 22 meses Begoña Urroz Ibarrola, morta o 27 de xuño de 1960, cando estoupou unha bomba na estación de Amara, en Donostia.

  A Coruña, cidade na que ninguén é forasteiro; clic para aumentar
A Coruña, cidade na que ninguén é forasteiro; clic para aumentar
A Coruña, cidade na que ninguén é forasteiro. (Fotos: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
ETA, que fora fundada o ano anterior, o 31 de xullo, nunca reivindicou o acto, Ernest Lluch no artigo El problema de mi querida tierra vasca publicado en El País, resucitou esta morte e arbitrariamente atribuíulla a ETA eludindo a responsabilidade do DRIL, único grupo armado que operaba no Estado español e que reivindicou o atentado moito tempo máis tarde considerándoo un erro. O DRIL xa daquela mantiña sedes operativas en Marrocos, Francia, Bélxica e a dirección en Venezuela.

Cando a morte de Begoña Urroz Ibarrola, a Oficina de Prensa Euzkadi do Goberno vasco no exilio recolle a noticia a través da axencia de noticias United Press International, que o atribúe ao Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación DRIL e non a ETA.

O verán de 1959 o DRIL coloca as primeiras bombas en Madrid. Unha na oficina do alcalde, outra, que ía ser colocada no local nacional de Falange, estóupalle a Martínez Donoso antes de ser colocada e falece. Coa detención do construtor da bomba, “Gustavo”, irmán do falecido, cae outro activista que colocara un explosivo no Pazo Municipal de Madrid e é condenado a morrer por garrote vil. O resto dos activistas foxen cara a Francia.

O xeneral Ungría da policía franquista marcha tras a pista dos fuxidos. La Sureté Nationale colabora cos franquistas. Agóchanse en Bélxica.

O verán seguinte, 1960, o DRIL volve atacar. Incendia o tren expreso Madrid-Barcelona. Planearon un atentado contra Franco, “Operación Covadonga”, que nunca se levou a cabo; este é o saldo de accións do DRIL antes do que sería a súa acción máis sonada, o primeiro secuestro dun barco, na historia da humanidade, con fins políticos: o Santa María.


ETA e o DRIL

Aínda que ETA non actuaría até 1968 con resultado mortal, xa a policía española ía detrás deles dende moitos anos atrás. Así o membro de ETA Julen Madariaga, salvou a súa vida o 26 de marzo de 1960, cando é cribado a tiros o coche do empresario Luís Batarrita en Bolueta ao confundíreno co de Madariaga.

Oito anos, 7 de xuño de 1968, tardaría ETA en matar e como acuñara Goio López Irasuegi: “Foi o primeiro en matar e o primeiro que morreu”, referíndose a Txabi Etxebarrieta, responsábel de ETA en Gipuzkoa e encargado de seguir ao comisario-torturador Melitón Manzanas, que sería asasinado despois.

Etxebarrieta viña co seu compañeiro Iñaki Sarasketa e nun control rutineiro foron detidos por un policía. Este pediulles a documentación do coche con matricula de Zaragoza, e decatouse inmediatamente de que os documentos eran falsos, intentando sacar a súa arma. Etxebarrieta adiantouse e disparou primeiro ao garda, José Pardines Arcay; este foi a primeira vítima de ETA.

Despois, Etxebarriata e Sarasketa marchan a Tolosa onde Eduardo Osa se presta para axudalos. Perderan dúas horas e a policía xa montara unha busca.

Etxebarrieta, Sarasketa e Osa serían detidos unhas horas despois nun control na estrada en Olarrain. Obrigados a baixar do coche, Osa é esposado e Etxebarrieta golpeado polos gardas civís. Sarasketa foxe disparando mentres Etxebarrieta xace no chan. Dous disparos contra Etxebarrieta rematarán coa súa vida o mesmo día, unhas horas despois, que matara a Pardines. “Txabi (Etxebarrieta) morreu dun dos disparos, feito a queimarroupa case encima do seu corpo, e cando estaba no chan semiinconsciente”(1).

As razóns para atribuírlle a morte de Begoña a ETA son simplemente propagandísticas e cunha intención de confundir á opinión pública. ETA nunca tivo ningunha razón para non reivindicar ningún atentado. A atribución a ETA deste atentado non é máis que un torpedo máis na liña de flotación do barco do Goberno socialista de Zapatero ante calquera posibilidade de diálogo coa organización separatista armada vasca.

Incluso a intencionalidade de atribuír a responsabilidade do asasinato de Lluch a este artigo seu, non é outra cousa máis que unha información intencionada dirixida contra a verdade e contra a intención do Goberno socialista de rematar coa violencia a través do diálogo.

Ernest Lluch foi ministro dun Goberno que se caracterizou por empregar, financiar, xustificar e ocultar o terrorismo de Estado a través do GAL. O GAL é a organización terrorista con máis mortos no veciño Estado francés, 27. Os principais membros desta organización terrorista nunca foron nin detidos nin coñecidos. Non é máis probábel que Lluch fora asasinado pola súa acción (ou omisión) dentro desta organización criminal que un día no Estado español foi financiada por xente do Goberno?

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
 
 

Nota:

(1) Lorenzo Espinosa, José María, Txabi Etxebarrieta armado de palabra y obra, Txalaparta, 1994.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta