Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 3 de marzo de 2007

As expropiacións-“explicacións” de la Voz de Galicia en Venezuela
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cabeza de Bolívar, clic para aumentar
Cabeza de Bolívar. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
A arte da intoxicación

Teresa, ourensá de máis de 60 anos, traballaba como limpadora na Irmandade Galega de Venezuela. Viñera de Ourense en 1956 e nunca máis volvera a Galiza. O seu home, morto de cancro de pulmón, era o electricista da Irmandade. Contábame Teresa do día que desembarcara do barco no peirao de La Guaira (a 13 quilómetros de Caracas). O camiño de subida do porto á cidade estaba sementado de “ranchitos” (chabolas) e ela, ao ver tanta pobreza pensara, “se aquí aínda están peor que en Ourense”.

Foron milleiros os que como Teresa chegaban a un país en circunstancias materiais inferiores ao que deixaban. Moitos devecían por volver á primeira, os que gañaban o pulso contra á volta, ficaban como Teresa e o seu home até a morte, sen volver nunca a Galiza.

O sábado 10 de febreiro o xornal de maior circulación de Galiza, dentro da súa campaña contra o goberno venezolano, publicaba unha noticia co título “Venezuela expropia casas y plantaciones propiedad de gallegos”, asinado por María Cedrón.

Comecei coa historia de Teresa, porque os “ranchos” (chabolas) que vía ao subir pola estrada Caracas-La Guaira eran froito de invasións dos éxodos masivos do campo á cidade de millóns de labregos en Venezuela, Brasil, Perú, Bolivia, Arxentina.

En 1958, coa caída do ditador Marcos Pérez Jiménez, o presidente da Xunta de Goberno Interina, Wolfgang Larrazabal, anuncia que aqueles venezolanos que ocupen terras en Caracas para construír un “rancho” recibirán unha axuda do Goberno. Esta medida populista non lle valeu a Larrazabal para gañar as eleccións ante Rómulo Betancourt, pero quedou para a historia como o presidente que fomentou as chamadas “invasións”.

  Panteón Nacional en Caracas, clic para aumentar
Panteón Nacional en Caracas. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Pero dende a conquista de América (Venezuela en 1498), en América todo foron invasións e desposesións. Os desposuídos foron os indíxenas e os invasores non foron precisamente aqueles que ocupan un lugar para montar un “rancho”, senón aqueles que ocupan un lugar de 100.000 hectáreas.

Todos os sistemas políticos modernos antepoñen o ben común ao privado. Aínda non lin en La Voz de Galicia que Barcelona (lugar no que tamén viven galegos afectados), debido ao movemento “okupa”, teña ao Goberno catalán como garante das ocupacións ou que a xustiza ante os litixios por esas ocupacións e o tempo que tarda en fallar sexa cómplice delas.

Tampouco lin en La Voz de Galicia unha campaña contra o goberno “comunista” do Partido Popular en Galiza que atesoura e amontoa centos de queixas ante o Valedor do Pobo polas expropiacións e pagamentos de terras (a prezo de galiña fraca) de milleiros de galegas e galegos que, despois de anos, polo “ben común” non cobraron as súas indemnizacións ou pagáronlles “daquela maneira”. Sería xusto que o xornal Últimas noticias de Caracas comezase unha campaña co seguinte titular: “Galiza expropia (e non paga) casas e plantacións propiedade de galegos”.

O máis probábel é que os venezolanos, despois de meses de intoxicación, cresen que un horrendo réxime talibán-galaico goberna Galiza que, ademais de expropiar, non paga como é debido (nunca se paga a prezo de mercado) e cando paga faino cando lle peta... tarde, mal e arrastras.

  Panteón dos Bolívar Ponte na Catedral de Caracas, clic para aumentar
Panteón dos Bolívar Ponte na Catedral de Caracas. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
“De momento se desconoce el número exacto de gallegos afectados”.

Poderiamos escribir noticias así como a redacción de La Voz de Galicia, emulando aos que predín o tempo: “parcialmente anubrado con posibilidades de choiva”. É dicir, non hai erro posíbel: sol e anubrado e pode que choiva ou non.

Cantos son os galegos afectados segundo a noticia de La Voz: descoñécese a cantidade pero... son “moitos”. Cantos son moitos? Moitos son máis que poucos. Cantos son poucos? Menos que moitos. Cales son as propiedades privadas expropiadas aos galegos? Aínda se descoñece, pero son. Se a un paisano ourensán, en Venezuela, que ten unha pensión, os inquilinos non lle pagan, como contamos na redacción de La Voz de Galicia esa situación? “Respaldo do presidente Chávez ás expropiacións de propietarios ourensáns de pensións por seren estranxeiros”. Se a un paisano ourensán, en Ourense, que ten unha pensión, os inquilinos non lle pagan, como contamos na redacción de La Voz de Galicia esa situación?

Adán Chávez, cando era director do INTI, Instituto Nacional de Tierras, máis dunha vez saíu na televisión pedindo aos invasores de terras que aqueles que as invadisen non serían obxecto do reparto legal destas dentro do proceso de reforma agraria. Cómpre dicir que un dos estados máis afectados pola invasión (que non é o mesmo que expropiación) é o estado Barinas, gobernado polo pai de Chávez.

Nós, humildes incrédulos, queremos que se publiquen as listas dos negocios expropiados polo presidente Chávez, como di La Voz de Galicia. En canto ás terras “expropiadas” ou “invadidas”, todos aqueles propietarios que teñan títulos lexítimos de propiedade poden incoar a respectiva demanda ante os tribunais venezolanos. Porque o Goberno venezolano, como ben di La Voz de Galicia, si pagou centos de milleiros de euros aos canarios cuxas terras foron expropiadas. Páganlle o mesmo aos paisanos galegos cando lles pasa a autoestrada pola leira? Esa pode ser unha boa pregunta para Alberto Núñez Feijoo no Parlamento galego.

Para rematar, unha nota de cor, desas que lles gustaría saber aos xornalistas de La Voz de Galicia que tan profundamente coñecen o tema venezolano (e moitos outros). Cando comezaron as invasións de terras en Venezuela ao abeiro do discurso acendido de Chávez e da sede dun pobo condenado á miseria ao longo de catro décadas de democracia, foi o mesmo goberno o que tranquilizou aos propietarios, que se valen en moitas ocasións de sicarios para matar os “invasores”, e aseguroulles que aqueles que demostrasen títulos lexítimos de propiedade (non valen etiquetas de Nocilla ou Norit nin cromos do Barça como algúns pretendían) non deberían temer pola perda das súas terras. Deu a casualidade de que moitos dos títulos de propiedade do estado Falcón estaban relacionados coa caza e morte de escravos fuxidos. A súa morte e captura eran recompensados con extensións de terras. Estes foron algúns dos títulos “lexítimos” que utilizaron terratenentes ante as expropiacións de terras para fins sociais.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta