ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 26 de abril de 2007

“Galiza nación, autodeterminación” será o outro lema de cabeza das manifestacións
A CIG reclamará o 1º de Maio, en todas as cidades do país, “Non ao recorte das prestacións sociais”

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  1º de Maio: Non aos recortes da protección social, clic para aumentar
Para a CIG a garantía dun sistema público de protección social é fundamental en calquera sistema democrático que persiga a xustiza social e iso só se consegue, segundo explica Suso Seixo, “cun sistema produtivo sólido, que xere emprego, salarios dignos, combatendo a fraude á Seguridade Social, que se segue a mover en niveis moi altos (economía somerxida, salarios que se pagan fora de nómina) e non con estas reformas do sistema público de pensións, que non está para nada en perigo”. (Na foto, Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas, e Suso Seixo, secretario xeral da CIG. ©galizacig.com 25/04/2007).
 
As manifestacións convocadas pola CIG nas sete cidades, Viveiro, Vilagarcía e Ribeira, para conmemorar o 1º de Maio estarán encabezadas por dous lemas principais: “Non ao recorte das prestacións sociais”, en denuncia da política que se está a seguir de esganar o sistema público de protección social e o outro “Galiza nación, autodeterminación”, que xa formaba parte das pancartas da celebración do 10 de Marzo deste ano.

Canto á denuncia do recorte das prestacións sociais, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica que está de novo a debate, no Congreso dos Deputados en Madrid, outra reforma do sistema público de pensións saída, en grande parte, das mesas de diálogo social. Unhas mesas constituídas desde o ano 2005, nas que están participando as centrais sindicais CCOO e UGT e “nas que non se nos deu opción a participar aos demais, independentemente de que quixeramos ou non”, matiza Seixo.

Nesta nova reforma do ano 2007 dáse continuidade ás xa aprobadas en 1996 e no ano 2001 e inclúe propostas que, para a CIG, serán moi prexudiciais para a clase traballadora. Entre os aspectos máis relevantes, o secretario xeral da CIG explica que un deles é a exixencia de ter como mínimo 15 anos de cotización para ter dereito a unha pensión de xubilación, cando até o de agora se tiñan en conta, para facer este cálculo, as pagas extraordinarias, co cal con 12 anos e medio cotizados, aproximadamente, xa era dabondo para obtela.

Máis grave aínda é a situación na que quedan os contratos a tempo parcial, que se teñen incrementando nos últimos tempos, e que afectan fundamentalmente ás mulleres. Na proposta a debate non se establece unha correspondencia entre día traballado e día cotizado, o que obrigará a acumular os períodos de traballo para facer efectivos os 15 anos de cotización. “Iso implica que no caso de contratos a media xornada como mínimo haberá que ter traballados 20 anos para ter dereito a unha pensión” sostén Seixo.

Isto vai en contra da xurisprudencia do Tribunal Constitucional, favorábel a que houbera unha correspondencia entre día traballado e día cotizado, independentemente de que se traballara ou non a xornada completa.

Dificúltase ademais o acceso a unha xubilación parcial mediante un contrato de relevo, unha fórmula que se viña utilizando moito ultimamente por parte das empresas e que permitía que, con 60 anos de idade e con 15 anos cotizados, o traballador puidera acollerse a unha xubilación a tempo parcial liberándose así do 75% da xornada, sempre que a empresa contratara a outra persoa para ese mesmo posto de traballo.

Coa reforma, exixirase ter cotizados como mínimo 30 anos, ter 61 anos cumpridos e unha antigüidade mínima na empresa de 6 anos. Alén diso, foméntase o atraso da xubilación máis alá dos 65 anos.


  1º de Maio: Non aos recortes da protección social, clic para aumentar
Para a CIG a garantía dun sistema público de protección social é fundamental en calquera sistema democrático que persiga a xustiza social e iso só se consegue, segundo explica Suso Seixo, “cun sistema produtivo sólido, que xere emprego, salarios dignos, combatendo a fraude á Seguridade Social, que se segue a mover en niveis moi altos (economía somerxida, salarios que se pagan fora de nómina) e non con estas reformas do sistema público de pensións, que non está para nada en perigo”.
 
O sistema privado de pensións, o máis favorecido

“Estas propostas, que redundan nas reformas anteriores do 96 e 2001, provocan que se dificulte o acceso ás pensións; que se reduzan as contías do que serán as pensións futuras; que se fomente o atraso na idade de xubilación e que saian favorecidos os sistemas privados de pensións. Pódese comprobar que estas medidas sempre van acompañadas de chamamentos á necesidade de fomentar o sistema privado de pensións, como un sistema paralelo ao público ao que, loxicamente, só poden recorrer aquelas persoas que teñan maiores rendas”, afirma Suso Seixo.

A xustificación para este tipo de reformas é sempre a mesma: o avellentamento da poboación e, polo tanto, o perigo da creba do sistema público de pensións. Para facer esta afirmación baséanse en informes realizados por técnicos, case todos eles vinculados á grande banca, que xa agoiraban nos anos 90 que o sistema ía crebar no ano 2000. Porén, curiosamente o sistema non só non crebou senón que mesmo leva 9 anos producindo un importante superávit.

A esta argumentación vén de sumarse a Oficina Económica do presidente do goberno, á fronte do que está un técnico que provén tamén da banca. Esta oficina presentou un informe no que se anuncia a posíbel creba do sistema para o ano 2015 e que propón, como alternativas, seguir afondando na reforma da Seguridade Social pola vía de prolongar a idade de xubilación; computar toda a vida laboral, algo que xa se viña anunciando pero que nunca se atreveron a facer, porque saben que iso produce, automaticamente, unha redución importante na contía das pensións futuras.

Este Gabinete anunciou tamén outra medida especialmente preocupante: non revalorizar as pensións en función da inflación, senón por debaixo, o que suporá unha perda importante do poder adquisitivo dos pensionistas. Alén diso, ábrese xa a posibilidade de mudar o actual sistema de reparto. Un sistema solidario en función do cal os actuais pensionistas cobran en función do que aportan os activos.

Esta alternativa implicaría ir a un sistema de capitalización, tomando como modelo o que xa se fixo en outros países, con lamentábeis consecuencias. “En función do que aportas así capitalizarías, e así cobrarías. Suporía recorrer abertamente á bolsa, á renda variábel, con todas as incertezas que iso xera. Algo que non fixo nin o propio PP”, sostén Seixo.


Pacto cos “axentes sociais”

Esta proposta da Oficina Técnica do Goberno, xa anunciaron que intentarían pactala co que eles denominan axentes sociais, ou sexa, as organizacións de empresarios e as organizacións sindicais. “Pactan sempre coas mesmas e vailles sempre moi ben, así que posibelmente estean convencidos de que o van conseguir”.

A CIG considera que este non pode ser o camiño a seguir e manifesta a súa preocupación á vista de que o PSOE diríxese cara esta vía. “É curioso que en toda a política que está seguindo o Partido Popular, unha política de oposición irracional a todo, curiosamente no caso das reformas que houbo da Seguridade Social e do sistema público de pensións non só non se criticou ao Goberno senón que se lle deu parabéns, o cal é bastante significativo” subliña o secretario xeral da CIG.

Para a CIG a garantía dun sistema público de protección social é fundamental en calquera sistema democrático que persiga a xustiza social e iso só se consegue, segundo explica Suso Seixo, “cun sistema produtivo sólido, que xere emprego, salarios dignos, combatendo a fraude á Seguridade Social, que se segue a mover en niveis moi altos (economía somerxida, salarios que se pagan fora de nómina) e non con estas reformas do sistema público de pensións, que non está para nada en perigo”.


“Galiza nación, autodeterminación”

A este respecto, Suso Seixo explicou que para a CIG “trátase dunha reivindicación histórica, básica co que ten que ver co noso modelo sindical e non se comprendería unha organización sindical das características da CIG se non fose en base a concibir que estamos nun país que é Galiza, que é unha nación dentro do Estado español e, polo tanto, entre os dereitos democráticos que ten, como teñen todas as nacións nos sistemas democráticos do mundo, é o dereito á autodeterminación”.

Seixo explica que esta é a razón pola que a CIG mantén, desde a súa constitución, a reivindicación deste dereito formal. Un dereito polo que traballa todos os días de cara a conseguir que se faga efectivo: “pola vía de crear organizacións propias e fortalecer as organizacións do campo do nacionalismo en todos os ámbitos e reivindicar cada vez máis cotas de soberanía política para o noso país, que lle permitan definir as súas propias políticas sen interferencias alleas”, matiza.


Convocatoria en solitario

A CIG fai este ano, unha vez máis, unha convocatoria propia, como central sindical, para o 1º de Maio. Esta decisión tense adoptado xa hai anos partindo da concepción da central como un proxecto distinto a CCOO e UGT. Un proxecto sindical que prioriza o seu compromiso co país, como organización nacionalista e de clase.

Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas sinala que a CIG é un proxecto cunha práctica sindical que non ten nada que ver con esa práctica pactista de CCOO e UGT. “Iso foi o que nos levou no seu día a decidir, no Consello Confederal, que para datas destas características, a central sindical débese presentar á sociedade e nomeadamente á clase traballadora galega como é, e non diluír ou agochar o que reivindicamos e o que somos”, subliña.

Isto non implica, segundo explica Oubiña, que haxa unha ruptura, de partida, da unidade sindical. “A CIG interpreta a unidade sindical como un concepto dinámico que permite que naqueles conflitos nos que hai concepcións semellantes pódese traballar para defender de forma conxunta os intereses dos traballadores e das traballadoras”.

Alén diso, a CIG entende que a dinámica sindical dos últimos tempos respecto das políticas sociais -políticas do PSOE neste intre que anteriormente foron do PP- están sendo avaladas e consensuadas con CCOO e UGT. “Se estamos a falar dun novo cambio na Seguridade Social, da necesidade de manter unha importante protección social, non sería entendíbel nin explicábel que fósemos acompañados por quen está axudando a que se materialicen estes recortes. CCOO e UGT son tan culpábeis como o Goberno, e polo tanto o PSOE”.


Actos da CIG no 1º de Maio
Comarca Hora Saída dende
Vigo 12:00 Cruce da Doblada con Urzaiz
A Coruña 12:00 Praza de Vigo
Compostela 12:30 Praza Roxa
Ferrol 12:00 Avenida de Esteiro (fronte local CIG)
Pontevedra 12:30 Praza da Ferrería
Ourense 12:00 Pavillón dos Remedios
Lugo 12:30 Ronda da Muralla (Edificio Sindical)
A Mariña 12:00 Praza de Lugo en Viveiro
Ribeira 12:00 Praza do peixe, fronte ao local da CIG

 
 
Informacións relacionadas
18/04/2007 Falouse tamén de mutuas e violencia de xénero
Asemblea comarcal de delegados e delegadas en Vigo para preparar o 1 de Maio
16/04/2007 Os datos de Facenda indican que a pobreza real afecta hoxe a máis do 15% da poboación
1º de Maio: Contra os recortes no sistema de protección social
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta