ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 18 de abril de 2007

Considera que algúns dos aspectos quédanse en simples declaracións de intencións
A Secretaría da Muller da CIG presenta a súa valoración da Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres en Galiza

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


A Secretaría da Muller da CIG vén de elaborar un informe no que se fai unha exhaustiva valoración a respecto dos distintos aspectos da Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres en Galiza.


LEI 2/2007, DE 28 DE MARZO, DO TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES EN GALIZA

Disposicións xerais

A lei ten por obxecto a integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas competencias autonómicas sobre emprego e relacións laborais, cuxo exercicio rexerase pola aplicación transversal do principio de igualdade.


Instrumentos para a consecución da igualdade no traballo

Discriminación directa e indirecta, acoso e acoso sexual

Atendendo ás suxestións realizadas -entre outras organizacións- pola CIG, inclúen as definicións contempladas na Direitiva europea 2006/54/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, que actualmente xa recolle a Lei Orgánica 3/2007 de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

En canto á Excepción de boa fe ocupacional, Os dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, Actuacións de sensibilización da cidadanía e, en particular, das persoas intervintes nas relacións de emprego, consideramos, unha vez máis, que son unha declaración de intencións non concretadas, e por tanto, que non poden gozar do caracter de artigo de lei.


A unidade administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de Traballo

• Creemos que este organismo ven a usurpar as competencias e funcións que o SGI ten sobre a materia, unha vez máis, dotando orzamentariamente á Secretaría de Traballo con persoal que debería de estar baixo o ámbito competencial do Servizo.

• Non obstante, valoramos positivamente a inclusión de datos desagregados por sexo nas estatísticas oficiais, os informes de impacto de xénero na normativa elaboradas polo Departamento, xunto coa revisión dos convenios colectivos desde unha perspectiva de xénero, as actividades de formación en igualdade dirixidas a empresas e organizacións sindicais , xunto co asesoramento en materia laboral ás empresas para a implantación, aplicación, control e mellora de plans de igualdade.


Os plans de igualdade das empresas

• Todo este capítulo parécenos un extracto de aspectos recollidos na Lei Orgánica 3/2007 de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes pero sen seres desenvolvidos de xeito práctico, e aplicados á realidade galega.

• A obrigatoriedade na creación de planes de igualdade nas empresas só afectará aos organismos autónomos e entidades públicas empresariais con participación en Galiza, apoiados económica e tecnicamente a través da convocatoria anual da Consellaría de Traballo, pero sendo voluntarios para as outras empresas (salvo cando se estableza nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa).

• Convocan axudas para as empresas que conten cun número máximo do 10% de mulleres no cadro de persoal e pretenden eliminar así a infrarrepresentación laboral feminina.


A responsabilidade social das empresas en materia de Igualdade

• O cumprimento da promoción da participación das mulleres nos consellos de administracións das empresas será de carácter voluntario, enviando unha recomendación privada no caso de que o informe emitido ao respeito información desagregada por sexos sobre a súa composición sexa negativo, por tanto non se asegura ningún tipo de responsabilidade.


A Marca Galega de Excelencia en Igualdade

• Mantense este distintivo a pesar de haber solicitado no seu día a súa retirada. É unha copia da formulada no estado español na Lei de garantía da igualdade entre mulleres e homes, e ven a premiar ás empresas por cumprir a lei, nunha subvención de ata o 5% das cotizacións sociais por accidente de traballo e enfermidades profesionais, así como na preferencia na adxudicación dos contratos da administración pública.

• Desde a Confederación Intersindical Galega consideramos inadecuado o contido desta Marca, xa que emprega de xeito demagóxico o cumprimento da igualdade entre os sexos para publicitar os seus productos e servizos, sendo premiada por elo.


Igualdade nas sociedades cooperativas galegas

• Seguemos a considerar incorrecto que a única referenza á igualdade referida ás sociedades cooperativas galegas contemple ás obrigas e dereitos para mulleres e homes con suxeición ao principio de igualdade.


Promoción da igualdade no eido da negociación colectiva e das relacións colectivas de traballo

A Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva está adscrita organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais, e entre os seus cometidos valoramos como positivo o servizo de asesoramento, control e promoción da igualdade por razón de xénero que prestará na negociación colectiva galega, xa que revisará a totalidade de convenios colectivos sobre a existencia de cláusulas discriminatorias, e ademais, impugnarán aqueles convenios que conteñan este tipo de cláusulas.


Composición equilibrada da representación legal de traballadores/as de Galiza

A pesares de parecernos unha medida non vinculante (fomentará), recollemos con satisfacción as propostas ou recomendacións formuladas en canto ao fomento da composición equilibrada da representación legal de traballadores e traballadoras de Galiza, ou á composición equilibrada da participación institucional dos sindicatos e das asociacións empresariais.


Integración da igualdade na política de emprego

• Valoramos negativamente a definición da muller como un colectivo.

• Non obstante, valoramos positivamente a inclusión da muller como eixo prioritario da acción no ámbito da formación continua, así como ás mulleres con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións de desvantaxe social, ou as actuacións especiais en materia de formación continua, máis precisamos unha maior concreción á hora de desenvolvela, así como no xeito no que se van compensar os períodos de abandono temporal ou de reducción de xornada a causa da conciliación.

• A introducción do módulo de igualdade xa estaba contemplada ate o de agora nas actividades formativas, por tanto non supón ningún avance.

• Si o supón e así o valoramos, o módulo sobre corresponsabilidade familiar e doméstica.

• Creemos que os centros privados non deben ser subvencionados no caso de promover a conciliación, senón que deben estar suxeitos obrigatoriamente de igual xeito ca os centros públicos.

• Valoramos positivamente a revisión e mellora da lista de cualificacións profesionais, incorporando a perspectiva de xénero.

• Aínda que a divulgación da conta satélite pode contribuír a visibilizar o valor económico do traballo doméstico e comunitario exercido polas mulleres, entendemos que pode supor un impulso da permanencia e do regreso da muller á esfera privada, polo que consideramos que é preciso incidir na inexistencia de corresponsabilidade no fogar con respeito aos homes.

• O Plan Galego de Emprego feminino debe ser elaborado pola Consellaría de Traballo e polo Servizo Galego de Igualdade coa colaboración dos sindicatos, tendo en conta a singularidade da muller galega.


Integración da igualdade na política preventiva de riscos laborais

• Neste apartado, aínda que recolle a valoración da influencia da violencia de xénero e da carga global do traballo doméstico, comunitario e laboral das mulleres, non se acolle ao artigo 25 da LPRL (Traballadores e traballadoras especialmente sensíbeis a determinados riscos), nin se inclúe como tal ao acoso sexual ou a dobre presenza.

• Consideramos preciso dotar de medidas vinculantes á política de prevención, independentemente de que haxa un departamento competente en materia de traballo implicado na formación, información e sensibilización das empresas, xa que na actualidade é de obrigado cumprimento por parte do empresario/a formar e informar aos traballadores e traballadoras dos riscos aos que están expostos/as.

• Debería concretar máis polo miúdo que tipo de accións de vixianza e control vanse levar a cabo, e non cinguilas só aos sectores laborais feminizados, xa que deberían ter en conta en todos os casos ás diferenzas segundo o sexo das persoas (por exemplo, probas xinecolóxicas, etc).


Promoción autonómica das medidas municipais de conciliación

• Unha das medidas de conciliación propostas na lei é a creación de bancos municipais de tempo, a través dos cales facilitaranse ás persoas empadroadas no concello á conciliación da vida persoal, familiar e laboral mediante a realización de labores domésticos concretos, en especial aqueles que exixan desprazamentos, como a realización da compra diaria ou de xestións de índole administrativa, e mais de labores de coidado ou mera compaña de menores de idade ou persoas dependentes.

• Os bancos municipais do tempo naceron como experiencias destinadas a promover –sobre todo no rural- intercambios que melloren a calidade de vida de toda a comunidade, sendo dirixidos a toda a poboación.

• Mais este proxecto está pensado para posibilitar o fomento dos contactos interpersoais, e por tanto o nacemento de vínculos de amizade e colaboración, distando, por tanto da concepción na que aparecen la lei de igualdade no traballo.

• A este respecto, consideramos que a política de conciliación non pode sustentarse no voluntariado. Os Bancos Municipais de Tempo tal e como aparecen na lei só prevén a contratación de persoal en casos excepcionais. Consideramos que a inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida familiar e laboral, non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da vecindade.

• Aínda que contempla a contratación de persoal municipal ou contratado para o banco, esta contratación ten un carácter excepcional, e por tanto precario, e aínda por riba, as substitucións exerceranse dun xeito clientelista, por recomendación expresa da persoa coidadora á persoa que substitúa (cobrando só esta última polo traballo desempeñado).

• Consideramos que a base de datos de persoas demandantes vai estar tamén feminizada, por tanto contribuirase a manter unha vez máis as estereotipas, e a gratuidade do traballo desempeñado por mulleres. En definitiva, desde a Confederación Intersindical Galega consideramos impresentábel sustentar a política de conciliación e de inserción laboral das mulleres no voluntariado.


Os planes de programación do tempo da cidade

• Neste ponto temos que dicer que apoiamos e demandamos unha nova planificación horaria das cidades, vilas, aldeas e pobos, de xeito que a conciliación da vida familiar e laboral fose máis doada, mais non coincidimos na responsabilidade negociadora dos concellos e outros organismos para aplicala, tendo en conta, por outra banda, que existen diferentes horarios na administración e nos comercios.

• En caso de existir, consideramos que deben ser especificadas as axudas aos suxeitos privados e as subvencións para a elaboración dos planes aos concellos.


A participación das mulleres no departamento da Administración autonómica competente en materia de Traballo

• Créase un Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do emprego e das relacións laborais, que ven a duplicar, unha vez máis, organismos de participación, de carácter similar á Mesa Autonómica (pendente de transformación por parte de Vicepresidencia), o Consello Galego de Servizos Sociais, etc coa conseguinte duplicidade de custes e inoperatividade.


Modificación da Lei 7/2004 do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes

Estando dacordo coas modificacións prantexadas, propoñemos facer extensivo o carácter da Lei a todas as traballadoras/es do País e non só ás persoas que traballen na administración, aspecto que xa criticamos no seu día cando se aprobou a Lei.

Vexamos agora en que consisten estas modificacións:

• Composición dos tribunais examinadores: será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna.

• Accións positivas nas actividades formativas: reservaranse un 50% das prazas para mulleres que reúnan os requisitos esixidos na convocatoria.

• Complementarse as prestacións por risco durante o embarazo ou por maternidade ate o 100% da Base Reguladora ao persoal ao servizo da Administración, aínda que a traballadora non reunise as esixencias para acceder ao subsidio económico de risco durante a preñez, e garantirase durante as 6 semanas posteriores ao parto, aínda que a traballadora non reunise as condicións para acceder ao subsidio económico por maternidade.

• Permiso retribuído para asistir e acompañar a tratamentos de fecundación asistida e para acompañar a exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, polo tempo indispensábel, aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo. Se fose necesario un desprazamento, o permiso sería de 2 días.

• Crédito de horas substitutivo do permiso de lactación, para o persoal funcionario, eventual, interino, estatutario ou laboral ao servizo da Xunta de Galiza, que poderá ser aproveitado como crédito de horas para utilizar libremente durante o primeiro ano de vida da crianza.

• Salas de repouso: a administración facilitará un lugar apropiado para que as traballadoras preñadas descansen tombadas e aos e ás traballadoras lactantes poidan aleitar ás crianzas (no caso de lactación natural e artificial).

• Vacacións: as traballadoras xestantes terán dereito a elixir o período vacacional, podendo elixilo dentro do ano seguinte ao devengo do dereito ás vacacións se o seu aproveitamento se realiza despois do uso da licenza por maternidade. Recoñécese a preferencia de elección ás mulleres e homes con fillos/as menores de 12 anos ou maiores dependentes ao seu coidado.

• Flexibilización de xornada por motivos familiares: fillos/as ou menores acollidos de ate 12 anos, familiares dependentes, oída a representación legal do persoal e a dirección do centro, e tamén para o persoal en proceso de nulidade, separación ou divorcio.

• Permiso retribuído de paternidade: 14 días naturais ou 20 se o parto é múltiple, a favor dos proxenitores homes empregados ao seu servizo, sexa cal sexa a situación laboral do outro ou da outra proxenitora, que se computarán desde o nacemento da filla/fillo acumulábel a calquera outro dereito que este recoñecido ou que se recoñeza na normativa aplicábel, en cuxo caso o permiso de paternidade computarase desde a finalización do outro dereito ao que se acumule.

• Permiso por adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente, 7 días (10 por acollida ou adopción múltiple) a favor do pai/nai ao servizo da Administración pública galega. O permiso será de 14 e 20 días respeitivamente cando a persoa adoptante e acolledora fose única. Consideramos unha discriminación a distinción entre nai ou pai biolóxico e nai ou pai adoptivo ou acolledor, debendo ter en calquera dos casos un permiso de igual duración.

• Matrimonio ou unións de feito de mulleres: a que non sexa nai biolóxica terá dereito ao permiso de paternidade. Por outra banda, esta poderá aproveitar a parte da licenza por maternidade que se lle podería transferir ao pai.

• Permiso por enfermidade grave: terá unha duración máxima de 30 días e poderá empregarse de xeito separado ou acumularse.

• Acoso sexual: a declaración de principios será publicada no taboleiro de anuncios de cada centro de traballo e unidade administrativa, na que se identificarán a persoa asesora confidencial.

• Salario íntegro de 3 meses para as vítimas de violencia de xénero que opten pola suspensión do contrato de traballo ou pola situación de excedencia.


Modificación da Lei 4/1998, do 26 de maio da función pública galega

Adoecen dos mesmos erros cas modificacións anteriormente mencionadas, con algunhas modificacións:

• Composición do Consello Galego da Función Pública: o 40% dos postos reservaranse para o sexo menos representado.

• Excedencia por razón de violencia sobre a muller funcionaria: será unha das situacións nas que se atopen as funcionarias segundo o artigo 49.

• Comisión de servizos de carácter forzoso quedarán excluídas as traballadoras preñadas e o persoal en redución de xornada por fillo/a menor de 9 meses ou por coidado de familiares (menores de 6 anos, persoas con discapacidade, etc).

• Vacacións: as traballadoras que se atopen en situación de descanso por maternidade poderán fixar un período alternativo de vacacións no caso de que coincida co permiso.

• Permiso de paternidade: 14 días naturais ou 20 se o parto é múltiple, que se computarán desde o nacemento da filla/fillo acumulábel a calquera outro dereito que este recoñecido ou que se recoñeza na normativa aplicábel, en cuxo caso o permiso de paternidade computarase desde a finalización do outro dereito ao que se acumule.

• Permiso por adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente, 7 días (10 por acollida ou adopción múltiple) a favor do pai/nai ao servizo da Administración pública galega. O permiso será de 14 e 20 días respectivamente cando a persoa adoptante e acolledora fose única.

• Matrimonio ou unións de feito de mulleres: a que non sexa nai biolóxica terá dereito ao permiso de paternidade. Por outra banda, esta poderá aproveitar a parte da licenza por maternidade que se lle podería transferir ao pai.


A Coruña, 16 de abril de 2007.

Elvira Patiño Ogea, secretaria confederal da Muller, Servizos Sociais e Medio Ambiente da Confederación Intersindical Galega.

 
Descarga en pdf / doc
 
pdfLei 2/2007, de 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia
docLei 2/2007, de 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia

 
Volver a Actualidade

Volver ao princνpio


Ir α pαxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta