|
Actualidade CIG-Comunicación-
Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, presentou o material editado polo 1 de Maio, así como o contido e temas centrais que serán protagonistas desta data; por un lado o recorte das prestacións sociais e por outra banda a cuestión da autodeterminación. Así, Abraldes explicaba que o 1 de Maio “configura un resumo do ano sindical no que podemos facer balanzo do acontecido”. Abraldes destacou deste ano sindical o último acordo asinado por Goberno, patronal e CCOO e UGT “no que se consagra o despido libre a baixo prezo”, así como fixo fincapé na temporalidade (na actualidade de cada 10 contratos 8,4 son eventuais), que malia ás subvencións directas do Goberno central -millóns e millóns de euros- nada mudaron. Abraldes tamén sinalou outros dos numerosos recortes sociais que a clase traballadora recebeu neste último ano como o recorte nas prestacións pola xubilación parcial (fronte a iso están os incentivos por continuar a traballar despois dos 65 anos), ou outro dos pasos que se deron na liña de empobrecemento na vida dos traballadores/as polo acordo asinado en Madrid para o incremento salarial na negociación colectiva, que tan só e dun 2% e un máximo dun 2,8% en función da produtividade da empresa; ademais hai que engadir nestes marcadores tamén a propia trampa que supón o IPC, e que a CIG xa veu denunciando desde hai tempo. Ante os preto de 200 delegados e delegadas presentes Abraldes incidiu na necesidade da organización da clase traballadora fronte a estes ataques, así como as eleccións sindicais para acadar unha boa representación sindical para ter forza e maior incidencia na negociación colectiva. A todos estes temas Abraldes engadiu finalmente a cuestión de que “Galiza non ten capacidade de decisión propia, lexislan en Madrid en contra dos intereses do pobo galego acordos e limitacións sindicais e laborais que nos prexudican, e limitan a nosa capacidade para decidir o noso futuro”. Fronte a esta realidade, o secretario comarcal de Vigo apostaba polo traballo, coherencia, organización e mobilización da clase traballadora, nun proceso dinámico de loita e autodeterminación, reivindicando un marco galego de relacións laborais. Respecto á mobilización do 1 de Maio, informouse da saída da manifestación ás 12 da mañá do cruce da Doblada con Urzáiz, que rematará na Porta do Sol. Ao remate da mobilización haberá un xantar de confraternización no Parque de Castrelos, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, para o que se venderán un total de 200 bonos, que estarán á venda no local sindical a partir desta semana. A CIG Mocidade, pola súa banda, dentro destes actos do 1 de maio, organizará un concerto no mesmo espazo, no Parque de Castrelos, a partir das 18:30 horas, no que actuarán os grupos Nao (hardcore metal), Festicultores (música balcánica) e Skarnio (ska). Quique Landesa, avogado da asesoría xurídica da CIG, informou sobre as modificacións que se deron nos últimos meses sobre a regulamentación da Incapacidade Temporal, que pasou de poder durar 30 meses até os 18 actuais. Na actualidade, un dos maiores problemas, segundo explicaba Landesa era que organismo tiña a capacidade de determinar quen prorrogaba este tipo de incapacidade, xa que agora non é xa o Sergas senón que ten que ser o INSS quen fixe esta posíbel prorroga de seis meses máis despois dos 12 primeiros. Esta modificación introduciuse na provincia de Pontevedra desde o mes de decembro do 2006. Neste sentido, Landesa visibilizou o protagonismo que adquiriron as mutuas nos últimos anos, xa que “hai un marco normativo que as acolle, e as propias mutuas tratan de arrogarse aquelas competencias que non teñen”. O avogado da CIG destacou unha sentenza do Tribunal Supremo do 5 de outubro de 2006 que sitúa ás mutuas como entidades colaboradoras que non teñen capacidade de xestión nestes conflitos. Aínda así, a realidade é que as mutuas continúan a exercer unha forte presión contra os traballadores/as, e, por exemplo, isto reflíctese nos problemas que está a xerar cando nun accidente de traballo as mutuas despois queren convertelo nunha incapacidade temporal derivada de enfermidade común; casos como este teñen colapsado aos xulgados do Social de Vigo e a propia Asesoría Xurídica da CIG, xa que nestes casos se inicia un proceso chamado de determinación de continxencias. Para Landesa é preciso “xerar medidas de presión máis alá da resposta xudicial que é moi dispar, presión sindical contra estas mutuas e as Administracións que lle dan folgos na súa actividade”. Na segunda parte desta Asemblea interveu Raquel Pazos, secretaria comarcal da Muller. Presentou a unha representante da Rede Veciñal de Mulleres contra os malos tratos de Vigo que explicou as razóns e orixes da violencia de xénero na sociedade, analizando o papel que a muller ocupa neste escenario. Salientou a importancia de traballar coas mulleres, explicando o labor desta organización “que traballa pola xustiza social e a igualdade real”, desde a problemática da violencia de xénero. Esta organización realiza un traballo en rede de seguimento e acompañamento das mulleres que viven situacións de maltrato, así como forma persoal para desenvolver habilidades e recursos para tratar a prevención, detección e intervención da violencia de xénero. Así mesmo lembrou que os últimos xoves de cada mes a Rede Veciñal de Mulleres contra os malos tratos de Vigo organiza unha concentración ás 20:30 na rúa Príncipe para denunciar as continuas situacións de violencia de xénero que viven moitas mulleres. Por último interveu Yolanda Cobo, traballadora do Centro de Información ás Mulleres de Nigrán que expuxo o traballo que desde estes centros se realiza, así como as novidades que introduciu a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, tanto de medidas no ámbito da educación, no sanitario, ou aquelas outras medidas de tipo laboral para as mulleres que viven estas situacións de violencia de xénero. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/04/2007 |
||||
|