|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os delegados e delegadas do sindicato participaron o 26 de abril nunha xuntanza preparatoria da manifestación de Viveiro. Na mesma informouse das novidades que aportan a nivel laboral as recentemente aprobadas Lei orgánica 3/2007 de 22 de marzo para A Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, e Lei 2/2007 de 28 de marzo, do Traballo en Igualdade das Mulleres en Galiza. A denuncia do recorte das prestacións sociais eríxese en lema das manifestacións que levará a cabo a CIG neste Primeiro de Maio en todo o País, como resposta á nova reforma da seguridade social e das pensións que se está a debater no Congreso dos Deputados e que é froito das mesas de dialogo social nas que participan o goberno do Estado e os sindicatos estatais UGT e CCOO. Esta reforma afondará no camiño emprendido nas do 1999 e 2001 e repercutirá moi negativamente na clase traballadora e nomeadamente nos sectores máis desfavorecidos como son os traballadores e traballadoras con contratos parciais ou temporais e as mulleres. Entre as medidas que recolle esta reforma destácase o aumento dos anos de cotización necesarios para ter dereito a unha pensión de xubilación. “Dificúltase o acceso a unha xubilación parcial mediante contrato de relevo, fomenta o atraso da xubilación máis alá dos 65 anos; non se contempla, a pesar da xurisprudencia do Tribunal Constitucional, a correspondencia entre día traballado e día cotizado para facer efectivos os 15 anos de cotización (o que significa que os traballadores/as a media xornada terán que ter traballado como mínimo 20 anos para ter dereito a unha pensión)”, explica Xorxe Caldeiro, secretario comarcal. “Todo isto prodúcese nun momento no que a caixa da Tesourería da Seguridade Social presenta superávit, no que o número de cotizantes rexistra un record histórico, e por tanto o perigo de creba do sistema público de pensións é so unha escusa empregada polos axentes económicos para potenciar o lucrativo e apetitoso negocio dos sistemas privados de pensións no que son partícipes os propios sindicatos asinantes da reforma”. Para a CIG a garantía dun sistema público de protección social é fundamental en calquera sistema democrático que persiga a xustiza social e iso só se consegue cun sistema productivo sólido, que xere emprego, salarios dignos, combatendo a fraude á Seguridade Social (economía somerxida, salarios que se pagan fora de nómina) e “non con estas reformas do sistema público de pensións, que non está para nada en perigo”, apunta Caldeiro. “A reivindicación do dereito de autodeterminación para o noso pobo, parte do ideario político sindical que caracteriza o noso sindicato e da convicción de que o carácter nacional de Galiza e a loita pola xustiza social teñen que estar presentes en toda actividade da CIG”. A convocatoria en solitario deste 1º de Maio, unha vez máis, “é debida á diferente concepción da realidade do noso País con respecto aos sindicatos estatais e a que actuamos na práctica diaria seguindo modelos sindicais totalmente contrapostos. UGT e CCOO representan o pactismo (como nos demostran nos pactos de moderación salarial, reforma laboral, recorte das pensións...) fronte o modelo mobilizador, participativo e asembleario da CIG”, conclúe o secretario comarcal de A Mariña. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2007 |
|||||||||
|