ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 11 de abril de 2007

Paro e manifestación en Compostela o xoves 12 de abril polo recorte horario de Música, Tecnoloxía e Plástica
CIG-Ensino anuncia mobilizacións contra a proposta de calendario presentada pola Consellaría de Educación

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Mobilizacións contra a proposta de calendario da Consellaría de Educación; clic para aumentar
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, afirma que a proposta de calendario escolar proposto pola Consellaría, alén de prexudicar ao profesorado, tamén repercutirá negativamente no alumnado que tiña, no mes de setembro, un acceso gradual ás aulas e que suavizaba, no mes de xuño, a súa carga horaria. (...) CIG-Ensino ten convocada, para o próximo xoves día 12 de abril, unha xornada de folga e unha manifestación con saída da praza de Cervantes, en Compostela, ás 11:30 horas, en demanda dunha ampliación da carga horaria das materias de Música, Tecnoloxía e Plástica. (Foto: ©galizacig.com 10/04/2007).
 
A CIG-Ensino considera que a proposta da Consellaría de Educación de manter o horario escolar durante os meses de xuño e setembro persegue unicamente un efecto propagandístico para desviar o debate dos problemas reais que padece o sistema educativo galego e non, como argumenta, a conciliación da vida laboral e familiar. Por iso anuncia a posta en marcha de mobilizacións en demanda de que se manteña a xornada continuada nos meses de xuño e setembro, como viña sendo até o de agora.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, afirma que a proposta de calendario escolar proposto pola Consellaría, alén de prexudicar ao profesorado, tamén repercutirá negativamente no alumnado que tiña, no mes de setembro, un acceso gradual ás aulas e que suavizaba, no mes de xuño, a súa carga horaria.

O secretario nacional de CIG-Ensino sinala ademais que a proposta da Consellaría afectará máis gravemente a uns 660 centros, fundamentalmente de zonas rurais, que son precisamente os que xa teñen peores condicións con respecto aos de zonas urbanas.


Conciliación da vida laboral e familiar

A Consellaría de Educación apela á conciliación da vida laboral e familiar para eliminar a xornada continuada durante eses meses e este foi, precisamente, o argumento que empregou para desbotar as propostas presentadas pola CIG-Ensino.

Fronte isto, CIG-Ensino entende que o que si favorece á conciliación é manter o servizo de comedor –servizo do que vén demandando a súa universalización desde hai anos- e que se garantan actividades extraescolares gratuítas e universais.

Porén, Louzao denuncia que “esta Consellaría non adoptou ningunha medida nese sentido. Ademais, ao non haber transporte escolar gratuíto, que tamén favorecería o acceso a estas actividades, introdúcese unha dificultade máis para poder desfrutar delas”.

Alén diso, CIG-Ensino estabelece unha clara diferencia entre o horario do profesorado, que é de 885 horas de docencia directa, máis as horas de permanencia no centro, que conxuntamente con outros cometidos completan o total de 37 horas semanais, e os horarios de apertura do centro.

Nese sentido, propón que se poñan en marcha programas como os que xa están funcionando en cidades como Pontevedra, Lugo ou mesmo Santiago, nos que as actividades no centro continúan con persoal específico: monitores, educadores sociais... para impartir as actividades extracurriculares. “Iso si que favorecería a conciliación da vida laboral e familiar”.

Por iso, diante da proposta da Consellaría CIG-Ensino entende que se trata exclusivamente de presentar unha medida propagandística e, de fondo, aforrar no transporte escolar que é, ao final, o que condiciona a xornada lectiva e non ao revés.

Louzao considera que a falta de diálogo da Consellaría evidencia “a falta de talante do PSOE” e xa anunciou a posta en marcha dunha batería de accións para presionar á Administración educativa para que mude a súa posición.


Accións

- Luns 16 de abril: entrega das máis de 6.000 sinaturas dos mestres que manifestaron o seu rexeitamento á proposta.

- Mércores 18 de abril: concentracións nas sete cidades e en Burela contra a proposta.

- Remisión aos centros dun escrito para que os claustros que aínda non o fixeran, manifestan a súa oposición á proposta.

- Contactos coas equipas directivas para que se posicionen tamén en contra. (Desde a Consellaría afirmouse que a súa proposta contaba co apoio dos directores. Malia todo, CIG-Ensino ten constancia de que tamén desde este sector hai oposición á proposta).

- Posicionamentos públicos das Xuntas de Persoal, onde están representados os 32.000 docentes galegos/as.

- Trasladarlle ás outras organizacións sindicais a proposta de convocatoria de folga, se finalmente a Consellaría non cede.


Manifestación e xornada de folga o día 12 de abril

CIG-Ensino ten convocada, para o próximo xoves día 12 de abril, unha xornada de folga e unha manifestación con saída da praza de Cervantes, en Compostela, ás 11:30 horas, en demanda dunha ampliación da carga horaria das materias de Música, Tecnoloxía e Plástica.

CIG-Ensino lamenta a grande conflitividade que hai nestes intres coa Consellaría de Educación, que segundo Louzao, ten amosado un cambio de actitude que “lembra a tempos pasados co PP, con actitudes impositivas e prepotentes”.

Esta mobilización está condicionada a que a Consellaría presente os cambios anunciados e se comprobe o alcance que teñen. Ao parecer, a nova proposta toma como base a presentada pola Permanente do Consello Escolar de Galiza, pero non hai nada definitivo ao respecto.


Recorte de carga horaria

A aplicación da LOE en Galiza supón a modificación dos currículos en todos os niveis educativos. A proposta inicial da Consellaría supuña un recorte dun 40% da carga lectiva de Plástica, outro 40% de Música e un 43% de Tecnoloxía.

Pola súa banda a CIG-Ensino, para posibilitar unha formación integral que abranga todas as áreas do saber nos niveis educativos obrigatorios propón pasar de 3 a 4 hora Música, de 3 a 5 Plástica e de 4 a 6 Tecnoloxía.

Esas horas restaríanse de Relixión (1hora), de Educación para a Cidadanía (1 hora), de Proxecto Interdisciplinar (1 hora) e da segunda lingua estranxeira (2 horas), que pasaría a ser obrigatoria en 1º e 2º da ESO e optativa en 3º e 4º.

 
 
Informacións relacionadas
31/03/2007 A CIG-Ensino valora positivamente esta decisión
A Consellaría de Educación vai reconsiderar a proposta de cargas lectivas da ESO
28/03/2007 CIG-Ensino lamenta esta posición inamovíbel a pesar de avalar a demanda máis de 5.000 sinaturas do profesorado en catro días
A Consellaría de Educación mantén a proposta de eliminar o horario en xornada matinal en xuño e setembro
24/03/2007 Protestan así pola redución de carga horaria nos ámbitos artístico e tecnolóxico, fundamentais na formación básica do alumnado
O profesorado de Plástica decide non participar nunhas xornadas da Consellaría de Educación
22/03/2007 A Consellaría retira a proposta de calendario ante a presión sindical
Preto de mil profesores/as secundan a mobilización convocada pola CIG-Ensino
21/03/2007 O mércores 21 de marzo, ás 11:30 horas, con saída da Praza da Quintana
Manifestación do profesorado de Tecnoloxía, Música e Plástica en Compostela
15/03/2007 Relixión incrementa o mínimo exixido fixado polo MEC, tendo maior carga docente que tecnoloxía, música e educación plástica e visual
CIG-Ensino demanda da Consellaría que reconsidere a súa proposta de currículo da ESO
06/03/2007 Denunciou que non se estea fomentando a participación do profesorado na elaboración dos currículos
CIG-Ensino lamenta a cerrazón da Consellaría a aceptar propostas de distribución horaria das materias da ESO
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta