|
Actualidade CIG-Comunicación-
A existencia dunha xornada lectiva continuada en horario matinal nos meses de setembro e xuño ten a finalidade de estabelecer un acceso gradual desde o período de vacacións ao período lectivo no mes de setembro, e de atenuar a incidencia do cansazo acumulado de todo o curso durante o mes de xuño, período que coincide coas avaliacións finais. Sempre se considerou que este tipo de xornada era o máis axeitado para o alumnado e así se veu recollendo ao longo dos anos. Por iso, CIG-Ensino manifesta o seu desacordo coa modificación que propón a Consellaría, ao entender que repercute negativamente na adaptación do alumnado. Por todo isto, amosa o seu total rexeitamento a esta medida involutiva que para nada repercute positivamente na calidade do ensino e que significa un retroceso respecto da situación actual. Con este mesmo motivo, o mércores, 18 de abril, ás 19:00 horas, están convocadas concentracións en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra e Vigo. A Consellaría publicou o luns 16 no DOG a orde que regula o calendario escolar para o curso 2007-2008 retirando a xornada continuada matinal nos meses de xuño e setembro. CIG-Ensino considera que “estamos ante unha provocación e imposición impropia dunha Consellaría gobernada polo PSOE que predica o diálogo e a negociación e que, porén, utiliza procedementos totalmente arrogantes e ostentosos” e esixe da conselleira que retire o novo modelo de xornada, “do contrario verémonos obrigados a convocar unha folga”. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/04/2007 |
||||||||||||
|