|
Actualidade / Artigo Ciberdereitos? Que ciberdereitos? Clodomiro Montero Martínez-
O apercibimento por escrito é unha sanción leve na maior parte dos convenios, sen embargo comeza a ser habitual que as empresas trasladen as súas ordes, esixencias e reproches ao persoal por correo electrónico, o que en caso de abuso pode traducirse nunha sensación de persecución que pode afectar a saúde psicolóxica das persoas que son destinatarias dos mesmos. Non falamos de casos illados, nin de algo excepcional. Fai pouco unha Sección Sindical da CIG denunciaba que algúns traballadores e traballadoras recibiran máis de 800 correos electrónicos nun só mes, exhortando a cumprir os obxectivos marcados pola dirección e reprochando os incumprimentos individualmente con copia ao resto do persoal. A raíz da sentenza do Tribunal Constitucional de novembro de 2005, que avala o uso sindical do correo electrónico interno das empresas, cada día un maior número de convenios e acordos de empresa recollen no seu articulado “Ciberdereitos”, cos que se garante o dereito dos traballadores e traballadoras a recibir información sindical a través desta nova ferramenta de traballo. É necesario lembrar que a propia sentenza establece unha serie de restricións para o uso sindical do correo electrónico: non pode perturbar a actividade principal da empresa, non pode prexudicar o uso específico empresarial para o que foi deseñado e non pode supoñer custes adicionais. Estas restricións véñense interpretando como que se poden enviar correos utilizando medios do sindicato e espazados para evitar colapsos nos servidores da empresa. Pero como calquera nova ferramenta que se implanta nunha empresa, o correo pode ser usado de xeito pernicioso ante a falta dunha regulamentación que defina o seu uso tamén por parte das direccións. Certamente casos como o exemplo do principio son expoñentes dun sistema de traballo anómalo, pero non é menos certo que coma ante a implantación de calquera nova ferramenta ou maquinaria nunha empresa, debemos incidir para que non se converta nun instrumento contra o seu persoal. Se cando se implanta unha nova máquina hai que regular os tempos de traballo, tamén debemos tentar regular o uso laboral do correo electrónico. Outra cuestión relativa ao correo electrónico, que daría para outro artigo, é o control por parte das empresas do uso que os empregados e empregadas dan ao correo electrónico vulnerando o dereito a intimidade. En todo caso, temos un camiño aberto no que debemos incidir na negociación colectiva en todos os ámbitos, para evitar que unha vez máis as novas tecnoloxías revertan no beneficio exclusivo das empresas.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2007 |
||||
|