|
Actualidade CIG-Comunicación-
A CIG Mocidade informa desta convocatoria polo 1 de Maio no que “a nosa festa ven marcada por máis recortes na Protección Social por parte do goberno ‘Socialista e Obreiro’ do PSOE, que non fai máis que consolidar a liña política en materia laboral que comezou xa nos 90 co goberno de Felipe González e que foi continuada polo goberno do PP con Aznar”. Ademais desde a CIG denuncian o papel de CCOO e UGT xa que “todo isto estivo e está avalado e apoiado polo sindicalismo españolista que dan unha vez máis as costas a clase traballadora”. Así mesmo a CIG Mocidade incide nas demandas e alternativas que a mocidade traballadora precisa: “A CIG non vende nin nos seus ideais nin a clase á que defendemos. Precisamos un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias para lexislar en materia laboral acorde coa nosa realidade social e laboral”. Desta volta o Concerto reivindicativo contra a Precariedade contará coas actuacións dos grupos Nao, Festicultores Troupe e Skárnio, que actuarán a partir das 18:30 horas no Parque de Castrelos. Desde a CIG fan un convite “a unha festa rachada até a noite”, e engaden que “tamén participaremos da manifestación que organiza a CIG e que sairá ás 12 horas desde o cruce da Dobrada e posteriormente do xantar de confraternidade que se celebrará no Parque de Castrelos para o que contaremos co SLG (Sindicato Labrego Galego)”. A continuación para achegar algo máis de información sobre os grupos que actuarán neste concerto, unhas pequenas entrevistas na que estes tres grupos falan de se mesmos, da súa música e do que para cada un deles significa o 1 de Maio. Zélia García: Quen conformades Nao e que conceptos musicais practica Nao? Nao: Nao (http://www.naoweb.eu/) é unha banda que inicialmente nace coa intención de facer rap metal, que nace na Estrada e que despois dun ano medio nos deu xa tempo a experimentar con outras músicas, respectando as esencias que nos identificaron nun principio, pero andamos agora probando con toques funkys e melódicos. Somos mozos que xa estamos en torno aos trinta anos. Xa traballamos todos, así que podemos investir moito máis na banda. As nosas letras son en galego, abstractas, que deixan liberdade á interpretación pero que tocan temas de tipo intimista e social. Zélia García: Que sentido ten para vos o 1 de Maio? Nao: Para nós é unha ocasión boa para amosar o noso compromiso coa clase obreira, por iso contamos cun vencello importante e sentímonos parte desa clase. Esta data debe facernos reflexionar sobre a loita, que debe continuar e nunca renderse ante as ameazas do poder. Zélia García: Quen sodes Festicultores? Festicultores: Os Festicultores (http://www.festicultores.com/) somos 8 irmáns dunha familia de emigrantes rumanos, os Fliparescu Connoscu, chegados a Galiza no 95 e comezamos co grupo despois dunha festa de varios días no Festíbulo de Conxo despois dunha aparición do todopoderoso Festimón, que nos convenceu para cultivar a semente da festicultura por todo o mundo. O grupo está formado todo por xente nova xa que non temos a ninguén que supere os 55 anos. Zélia García: Que música facedes? Festicultores: A nós gústanos chamarlle música balcánica volcánica. Zélia García: Que significa para vós o 1 de Maio? Festicultores: Un día no que todos os que temos a desgraza de traballar en condicións precarias, nos podamos reunir para reivindicar unha pequena suba salarial duns 3.000 euros. Zélia García: Quen sodes Skárnio? Skárnio: Alá polo ano 1996 comeza a rodar Skárnio como colectivo político-musical no barrio vigués do Calvario. Xente nova conformaba a banda nestas alturas. Case sen levar un ano como banda entramos no estudo para gravar unha canción para un CD recopilatorio titulado “Oito anos de seqüestros” editado polo periódico Gralha. En 1999 sairía o primeiro disco titulado “A filosofìa de acçom da guerrilha urbana”. Colaboran no disco xente de Skacha, Disturbio 77 e Nen@s da Revolta, entre outros/as. “A filosofìa de acçom da guerrilla urbana” lanza a Skárnio a tocar en toda Galiza, facendo xira de presentación, chegando a Portugal e visitando esporádicas veces o resto do Estado español. Despois deste disco a banda segue tocando ao vivo durante case tres anos mentres se fan algúns trocos na formación á vez que se participa en diversos CDs recopilatorios como poden ser: “guerrilha urbana”, “elkartasun eguna”, “Revolta sonora”… Pasada esta etapa, Skárnio acada un acordo co selo catalán “Propaganda pel fet” e edita un segundo disco titulado “Arredista”. Neste álbum a banda perfecciona tanto o deseño como a música conseguindo un bo nivel. A banda toma o arredismo como bandeira política e explicamos a través das letras e textos o noso punto de vista sobre o independentismo de pre-guerra, o desastre do Prestige, a difícil situación dos inmigrantes, etc. Participa no disco xente como Alex “Inadaptats”, Iñaki “Betagarri” ou a xente do grupo folque “Quempallou”, aportando o seu bo facer a este CD. Todos os temas son en galego e inclúen tamén unha versión en chave folque de Suso Vaamonde. Con “Arredista” non paran os trocos na formación e lanzámonos de xira na Galiza, Portugal (chegando a tocar no festival “Avante” de 2005 en Lisboa) e os Paisos Cataláns obtendo boas críticas e sendo convidados a participar en diversos festivais e festas como no 5ème FESTIVAL ANTIRACISTE & ANTIFASCISTE! en Genève (Switzerland) con grupos da tallase de The Busters e Sham 69. Actualmente estamos a gravar no estudo o que será o terceiro traballo: “O nosso caminho”, traballo este do que estamos seguros que non deixará a ninguén impasíbel e constituirá unha evolución na banda como a demostrada nos últimos 11 anos de existencia. Zélia García: Que música facedes? Skárnio: A base musical do grupo é sen lugar a dúbidas o ska. O primeiro disco caracterizábase por unha mestura de ska e raggamuffin con pinceladas de hip hop na voz, no segundo disco a banda céntrase no ska e as súas variantes mesturando ska clásico e ska acelerado con moi bo resultado, e no terceiro disco... ben, un pouco de paciencia! Zélia García: Que significa para vós o 1 de Maio? Skárnio: Unha xornada de loita da clase traballadora pola recuperación dos dereitos que como clase nos pertencen. |
|||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/04/2007 |
|||||||||||||||||||
|