|
Actualidade CIG-Comunicación-
A manifestación percorreu as rúas compostelás desde a Alameda até a praza de Praterías, onde representantes dos Comités de Empresa deron lectura a un manifesto. Na marcha participaron representantes da CIG das distintas comarcas afectadas, nomeadamente Santiago e A Coruña, secretarios nacionais das federacións de Químicas, Metal e Servizos, secretarios confederais e o propio secretario xeral, Suso Seixo. Ademais, amosaron a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras os deputados do BNG, Ana Pontón e Fernando Blanco.
Diante das diferentes noticias que nestas datas están a aparecer nos medios de comunicación relativas ao trazado do Tren de Alta Velocidade (TAV) ao seu paso polos concellos de Vedra e Boqueixón e a afectación que o dito trazado puidera ter sobre a explotación mineira de Serrabal, os Comités de Empresa de Ramsa (empresa adxudicataria desta explotación) e de Ferroatlantica en Sabón e Cee queren manifestar o seguinte: 1º. Que a explotación da que estamos a falar, Mina de Serrabal, constitúe unha actividade mineira de grande importancia e riqueza para o noso país –sendo polo tanto circunstancial a empresa que teña nun ou outro momento esta concesión-; así, desta mina extráese, entre outros minerais, seixo de altísima calidade (silicio solar) que está a servir para desenvolver proxectos pioneiros en canto a I+D+i. Boa proba disto é que no ano 1999, cando esta explotación viviu un cambio de concesionaria, os antigos propietarios da explotación, unha empresa con capital noruegués, condicionaron a contratación de senllas fragatas a IZAR a garantirlles un mínimo de toneladas/ano deste mineral. 2º. Que hai máis de 4 anos que vimos falando coas diferentes Administracións a fin de expor a complexidade desta problemática e procurando unha alternativa ao trazado do Tren de Alta Velocidade (TAV) que hoxe por hoxe se confirma como oficial por parte do Ministerio de Fomento. 3º. Que a única opción que os/as traballadores/as contemplamos é a aprobación e establecemento dunha variante sobre o actual trazado que permita a plena viabilidade da explotación mineira como garantía da globalidade dos postos de traballo, xa que, de se manter o trazado actual, se verían totalmente afectados os filóns de seixo de maior calidade (silicio solar), o que significaría a imposibilidade, por desabastecemento da materia prima, de continuar avanzando nos proxectos de I+D+i que se están a desenvolver nas plantas de Ferroatlántica en Sabón e Cee e, polo tanto, pór en risco non xa os actuais postos de traballo, senón os postos de traballo que nun futuro proximo puideran xerarse derivados da implantación de empresas transformadoras tales como as de fabricación de placas solares. 4º. Que de nada nos serve a nós, os/as traballadores/as, que a indemnización pola posíbel expropiación de terreos da mina sexa maior ou menor. 5º. En canto ás mencións aos posíbeis retrasos na chegada das infraestruturas ferroviarias ao noso país por mor do establecemento desta variante, queremos facer as seguintes consideracións: a) En primeiro lugar, afirmar a existencia dun trazado alternativo, estudado xa no ano 2003 polo Ministerio de Fomento, trazado que contaría con todos os estudos técnicos e que ademais de non afectar a explotación mineira de Serrabal tampouco afectaría a ningún núcleo poboacional, ademais de producir un menor impacto medioambiental, tal e como se recolle no Diario Oficial da Cortes Xerais de xaneiro de 2003. b) En ningún caso se pode imputar calquera posíbel retraso aos/ás traballadores/as dado que xa dende o ano 2003 vimos pondo en coñecemento das diferentes Administracións esta problemática e demandando un cambio de trazado. c) A infraestrutura ferroviaria da que estamos a falar é unha comunicación por TAV entre Santiago e a Meseta. Infraestrutura que para a súa finalización definitiva é imprescindíbel que se rematen as obras do trazado Lubián-Ourense (duns 100 quilómetros), trazado este último que segundo todas as fontes oficiais non está previsto que se ultime ate, como moi pronto, o ano 2013. d) A propia Estación do TAV de Compostela, segundo recentes informacións aparecidas na prensa, non vai estar rematada ate como moi pronto o ano 2010. Polo que, tendo en conta as anteriores consideracións, resulta obvio que en ningún caso se produciría ningún retraso nesta infraestrutura ferroviaria, xa que de establecerse de inmediato o cambio de trazado, o tramo Vedra-Boqueixon estaría, sempre, ultimado antes do ano 2013. En definitiva, dende ambos os Comités de Empresa queremos chamar á cordura, á seriedade ás tres partes en litixio (Administración do Estado, Administración Autonómica e Empresa) para que por riba doutras cuestións prime a defensa destes postos de traballo tanto presentes como de futuro e apoiando un trazado para o TAV que faga, realmente, compatíbel esta infraestructura co pleno desenvolvemento da Mina de Serrabal e das industrias que dela dependen. |
||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/04/2007 |
||||||||||||||||||||||||
|