|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os profesores e profesoras concentrados en todo o país amosaron seu rexeitamento á eliminación da xornada lectiva continuada en horario matinal nos meses de xuño e setembro. Para rematar as concentracións deuse lectura a un manifesto e convocouse a todo o profesorado a unha folga. A CIG-Ensino e o STEG, en rolda de prensa, anunciaron ás 11:30 horas do xoves 19 de abril a convocatoria de folga do profesorado afectado pola supresión da xornada matinal continua para o vindeiro xoves 3 de maio, e manifestación en Santiago de Compostela, con saída ás 11:30 desde a praza do Toural até a Consellaría de Educación. Para os sindicatos convocantes, “a folga é o último recurso que deixa á Consellaría de Educación cando se pecha a calquera tipo de negociación e nos dá como resposta a publicación no DOG do Calendario Escolar, dando mostras dunha actitude autoritaria e despótica que esixe unha contestación contundente e masiva do profesorado. Estamos diante dunha proposta propagandística que en nada beneficia a calidade de ensino, nin ao alumnado nin ao profesorado. Preténdese suprimir unha modalidade de xornada que viña funcionando desde sempre con toda normalidade por razóns pedagóxicas que aconsellan a progresiva entrada na actividade escolar en setembro e a atenuación do cansazo e tensión de remate de curso. Nin sequera desde o punto de vista da conciliación familiar supón ningún avance social, xa que esta non debe facerse a conta do horario lectivo do alumnado e profesorado, senón que facilitando e asumindo a Consellería outro tipo de actividades extraescolares e servicios ao cal poida acceder todo o alumnado e reducindo a xornada laboral de todos os traballadores e traballadoras para que poidan estar cos seus fillos e fillas. Por todo isto agardamos que todo o profesorado afectado por esta medida secunde a folga e a mobilización convocadas”.
|
||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/04/2007 |
||||||||||||||||||
|