|
Actualidade CIG-Comunicación-
Despois do éxito da folga xeral do 29 de marzo coa mobilización nacional en Compostela fronte á Consellaría de Sanidade, o persoal deste organismo da sanidade pública continúa na loita. As súas demandas continúan a ser: acadar tanto mellores retribucións salariais na carreira, xa que ás ofrecidas pola Administración até o de agora son tremendamente discriminatorias, como unha outra proposta do Sergas que non esixa para estas categorías moitísimos máis anos de percorrido profesional que a que esixe para médicos ou enfermeiras. Outras das demandas é que se solucione o conflito que pode criar promoción interna e carreira profesional, e tamén que ningún colectivo dos que traballan no Sergas quede discriminado na carreira profesional, xa que o Sergas quere excluír ao persoal funcionario e ao persoal laboral que está a traballar nos centros sanitarios. Na xornada deste 13 de abril estaba convocada unha folga de tres horas en cada quenda, visibilizando un paro de 12 da mañá a 18 da tarde, e con concentracións e mobilizacións en todo o país ao longo desta xornada, como foi no caso da comarca de Vigo.
Á unha da tarde saía do Hospital Xeral de Vigo unha manifestación baixo a faixa de cabeceira “Carreira xusta para tod@s xa!”, asinada polos cinco sindicatos (CIG, CCOO, UGT, CSI-CSIF, UGT, SAE) que percorrería ás rúas de Vigo até a Delegación Provincial de Vigo do Sergas, situada en García Barbón. Máis de 1.000 persoas concentráronse diante deste edificio, cortando o tráfico, e pouco despois pasaron unha boa parte ao interior do edificio, realizando unha ocupación deste espazo mentres o director provincial recibía a unha delegación do Comité de Folga. Entre berros de “Non, non, non á discriminación”, “A nosa carreira querémola enteira”, ou “Carreira profesional para todo o persoal” continuaron no hall da Delegación Provincial, e estes gritos e consignas acompañaron a varios centos destes traballadores e traballadoras da Sanidade até o sexto andar, que tamén ocuparon, onde estaba situado o despacho do delegado provincial. Alí esperaron á saída da xuntanza mantida, da que informou Antonio Iglesias, secretario comarcal da CIG Saúde de Vigo, que o delegado provincial se comprometeu en enviar un fax á Recursos Humanos e á Dirección Xeral do Sergas para facer un chamamento á convocatoria da Mesa Negociadora e retomar as propostas dunha carreira profesional para todo este persoal. Con chifres e outros ritmos os traballadores e traballadoras alí presentes abandonaron o edificio berrando “Esta carreira ímola gañar”, e coa vontade de continuar coas mobilizacións e as campañas de denuncia a vindeira semana de non mudar esta situación. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/04/2007 |
||||||||||||
|