|
Actualidade
A Coruña, 13 de abril de 2007
Hai convocada unha folga para o 16 de abril
O Comité de Atento pide á Xunta que obrigue a empresa a readmitir os despedidos
| |
 |
| O 12 de abril, o Comité de Empresa de
Atento reuniuse co conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar
Cancela, e un asesor xurídico do departamento autonómico. (Foto: ©Xoán Crespo/Xunta de Galicia). |
| |
O Comité de Empresa de Atento mantivo
o 12 de abril unha xuntanza con representantes da Consellaría de Traballo onde os informou das irregularidades
dos despedimentos, “insistindo na fraude dos mesmos polo despedimento colectivo encuberto que supoñen”.
Os representantes dos traballadores/as piden á Consellaría “unha intervención inmediata e
contundente que obrigue a Atento a modificar o procedemento de despedimento, o que implicaría a readmisión”.
O Comité de Empresa de Atento reuniuse
co conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, e un
asesor xurídico do departamento autonómico. Segundo informan os representantes dos traballadores/as,
a Consellaría comprometeuse a levar a cabo todas as accións legais que estean dentro das súas
competencias, e comunicoulles que xa se dirixiu formalmente a Telefónica e a Atento coa intención
de solucionar o conflicto e que manterá informados os empregados das novidades. “Os membros da Consellaría
manifestaron o seu total apoio aos traballadores de Atento nesta situación”, informan os representantes
do persoal.
Coincidindo coa folga estatal de 24 horas
do 16 de abril, haberá unha concentración dos traballadores da empresa ás
11:30 horas diante do edificio central da Xunta
de Galicia en Santiago de Compostela, para reclamar, unha vez máis, a readmisión dos compañeiros
despedidos. Partirán catro autobuses desde o Palacio da Ópera de A Coruña, ás 10:00
horas.
Por último, confirmouse unha próxima
reunión co conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, o 16 de abril ás 13:30
horas.
|