|
Actualidade CIG-Comunicación-
Até o de agora todas as mobilizacións celebráranse en A Coruña, onde está a delegación provincial de Traballo, que é a Autoridade Laboral responsábel de intervir neste conflito. Porén só recibiron como resposta unha declaración de apoio sen consecuencias prácticas e a xustificación de que non poden adoptar medidas nin intervir no asunto. Á vista da situación, traballadoras e traballadores acordaron pasar ao seguinte escalón: a Xunta de Galiza e a Consellaría de Traballo da que demandan, segundo explica Mónica Díaz, vicepresidenta do Comité de Empresa e representante da CIG, “a súa intervención inmediata e que recoñezan que se trata dun despedimento colectivo, polo número de persoas afectadas, e non unha redución de chamadas como argumenta a empresa”. Con esa intervención posibilitaríase ademais que se determinara se efectivamente hai motivos que xustifiquen unha decisión empresarial tan drástica e que se indicara se o número de persoas despedidas sobran realmente, “se é que sobra alguén”, matiza Díaz. Un despedimento de 179 persoas é, segundo o Estatuto dos/as Traballadores/as, un despedimento colectivo. Nese caso, a empresa tería que ter presentado un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), abrir un período de consultas cos representantes dos traballadores/as e someter á aceptación da Autoridade Laboral, que sería, en última instancia, quen daría o visto bo, ou non, o procedemento. “Iso non se produciu porque a empresa non o solicitou nin fixo os trámites correspondentes, por iso demandamos que sexa a Administración quen o exixa”, explica Mónica Díaz. En todo caso, para os traballadores/as é obvio que o ERE non estaría xustificado, xa que o mesmo día que se efectivizaban os despedimentos, en León estaban contratando persoal para cubrir as vacantes que quedaban en A Coruña. A representante da CIG sinala como causas últimas dos despedimentos o proceso de deslocalización aberto e a busca de subvencións para abaratar as contratacións. “En Xaén veñen de abrir un centro de Atento que acaban de abrir con subvencións da Deputación, e que aparece na súa propia páxina web mesmo garantindo que aí non vai haber despedimentos. En León están facendo exactamente o mesmo traballo nun centro subvencionado directamente polo goberno Zapatero que xa o levaba como promesa electoral. O centro de A Coruña, como parece que non ten subvencions débelles resultar menos rendíbel. En todo caso, a maioría das chamadas ao 1004 aténdense desde Perú e Colombia e iso pódese comprobar simplemente con chamar”. Antes de rematar a concentración, representantes dos traballadores/as mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Desde a Consellaría manifestouse o apoio aos afectados explicando que, en todo caso, carecen de instrumentos de presión a Telefónica ou a Atento, xa que desde o 2004 a Administración galega non deu ningún tipo de subvención. Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña e representante dos traballadores/as, matizou ademais que o conselleiro explicou que desde Industria xa se dirixiron ao responsábel de Telefónica en Galiza para manifestar a súa disconformidade e a súa queixa por este proceder. Alén diso, Blanco comprometeuse a facer chegar por escrito este tema á empresa a nivel estatal e a respaldar as demandas dos traballadores/as. |
||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/04/2007 |
||||||||||||||||||
|