|
Actualidade
Santiago, 20 de abril de 2007
Celebrarase unha asemblea para fixar un novo
calendario de mobilizacións
Os traballadores das auxiliares da minaría do carbón levan a Compostela as súas demandas
| |
 |
 |
 |
| Os traballadores demandan os mesmos dereitos
e o mesmo futuro que se lle garante a todos os das empresas principais das Minas de Carbón do Estado español
e de Galiza (Endesa e Limeisa), salientando que a maior parte deles levan traballando desde o principio da explotación. (Fotos: ©galizacig.com 19/04/2007). |
 |
 |
 |
| Acompañados con bucinas e petardos cortaron
o tráfico na rotonda dando voltas arredor da mesma. Con eles levaban sacos de carbón que baleiraron
na estrada e na entrada do propio edificio da Xunta. |
 |
 |
| Descarga
o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 3'07'',
espazo en disco: 8.197.094 bytes [7,81 Mb]). |
| |
Os traballadores das auxiliares do carbón
concentráronse na mañá do xoves día 19 de abril diante das dependencias da Xunta de
Galiza, en Santiago de Compostela, para demandar que se recoñeza o seu dereito a seren recolocados ou prexubilados
unha vez remate a actividade das minas.
Os traballadores, acompañados polos secretarios
nacionais das federacións de Químicas e Metal da CIG, Abelardo Landeira e Miguel Malvido, os secretarios
comarcais de A Coruña e Ferrol, Paulo Carril e Xesús López Pintos, e diversos cadros sindicais
da central, comezaron a concentración ás 10:30 da mañá en San Caetano, onde os agardaba
unha ampla presenza policial rodeando o edificio administrativo da Xunta de Galiza.
Acompañados con bucinas e petardos cortaron
o tráfico na rotonda dando voltas arredor da mesma. Con eles levaban sacos de carbón que baleiraron
na estrada e na entrada do propio edificio da Xunta.
A concentración rematou sen incidentes
e Paulo Carril, antes de finalizar, emprazou aos traballadores a unha próxima asemblea para elaborar un
novo calendario de mobilizacións.
Igualdade de dereitos e garantías
de futuro
Os traballadores demandan os mesmos dereitos e
o mesmo futuro que se lle garante a todos os traballadores das empresas principais das Minas de Carbón do
Estado español e de Galiza (Endesa e Limeisa), salientando que a maior parte deles levan traballando desde
o principio da explotación “para que FENOSA (grupo ao que pertence Limeisa), se teña enriquecido
e aproveitado dos millonarios beneficios obtidos da explotación do carbón en Meirama e da produción
de enerxía na Central Térmica de Meirama”.
Esas reclaramacións resúmense, en
síntese, en poder acceder a unha xubilación e que se elabore un plano de recolocacións para
o resto do persoal do grupo Fenosa e un plano de emprego e reindustrialización das zonas afectadas.
Ademais, inciden en que non se pode esquecer que
as dúas minas de carbón galegas producen, en termos equivalentes, o 19% do carbón do Estado
español e que a produción de enerxía a través das centrais térmicas de Cerceda
e As Pontes “fixeron e fan un gran favor para o desenvolvemento do Estado español”.
A CIG, xunto cos traballadores, demanda que FENOSA
e o Ministerio de Industria –primeiro encargado de levar adiante o Plan Miner II, que contén as alternativas
para o peche das minas-, asuman a súa responsabilidade diante das graves consecuencias laborais que estes
peches representan para os concellos afectados, principalmente Cerceda e Ordes.
As mobilizacións continuarán mentres
non teñan constancia de compromisos efectivos de cara a garantir o cumprimento destas demandas, malia o
avance que supón que o Congreso dos deputados teña acordado, a instancias do BNG, recoñecer
os dereitos dos traballadores galegos das auxiliares á prexubilación e máis á recolocación.
|