|
Actualidade CIG-Comunicación-
Este luns tivo lugar unha nova xornada de folga na provincia de Pontevedra que se desenvolveu sen incidentes, agás na ITV de O Porriño, na que un único traballador, delegado de UGT e integrante do Comité de Empresa, acudiu á traballar durante a folga escoltado pola Policía. Nesta nova xornada de folga un total de 950 vehículos víronse afectados polo paro, e non puideron realizar a ITV. A empresa non se reuniu cos representantes dos traballadores despois das catro primeiras xornadas de folga que tiveron lugar antes da Semana Santa, o que conlevou un novo calendario de mobilizacións in crescendo que comezou este luns 16 de abril. Desde o Comité de Empresa e desde a CIG fíxose un chamamento ás diferentes instancias da Administración autonómica, tanto por un lado a Consellaría de Traballo, como garante das Relacións Laborais e para criar un clima propicio á negociación, e á Consellaría de Industria, como autorizadora da concesión e responsábel da boa marcha do servizo que esta empresa ten que dar á cidadanía, para que interveñan e sexan parte activa neste conflito, para que o conxunto das reclamacións dos traballadores das ITV e os intereses da empresa se podan conxugar, e que deste xeito se poda desbloquear a postura intransixente e autoritaria que mantén a empresa. Os traballadores dos seis centros de ITV de Pontevedra (Peinador, O Porriño, Ponte Bora, Vilagarcía, Curro e Lalín) pararon este luns media xornada, entre as 08:30 e as 11:30, e entre as 14:30 e as 17:30. Para o mércores 18 a folga será de oito horas, de 08:30 a 12:30, e de 14:30 a 18:30. O venres os traballadores da ITV pararán todo o día de 08:30 a 20:30. A partir desta data non se traballará os sábados pola tarde, polo que a folga será de 13:00 a 19:00 horas. Manuel Simón, secretario comarcal da CIG Metal de Vigo, criticou a actitude da empresa no conflito xa que “ningunha das peticións dos traballadores suporá un incremento do custe salarial”. Pola súa banda, Xoán Xosé Bouzas, responsábel nacional de Acción Sindical da Federación do Metal da CIG, avalía “moi positivamente o seguimento por parte dos traballadores”, aínda que a empresa continúe “con unha actitude moi negativa para a solución deste conflito”. Os traballadores esixen un calendario de vacacións pactado entre a empresa e o Comité (xa que até o de agora era establecido pola dirección), o reparto equitativo e obxectivo dunha paga “extra e voluntaria” (que na actualidade é outorgada a criterio do xefe), e o peche das instalacións o sábado á tarde. A CIG iniciará esta semana asembleas informativas polos centros das ITV de Lugo, A Coruña e Ourense para explicar aos traballadores en que situación está o conflito en Pontevedra e darlles a oportunidade de unirse a el, xa que as reclamacións e demandas dos traballadores galegos son as mesmas en todo o país. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/04/2007 |
||||||
|