|
Actualidade CIG-Comunicación-
Por parte da Axencia estivo presente o seu director xeral, Artemi Rallo, xunto co resto do equipo de dirección da mesma. Por parte da CIG asistiu o secretario nacional da Federación, Clodomiro Montero, a representante do sindicato na negociación do convenio de Telemárketing, Ayda Mallo, e a representante da Sección Sindical da CIG na empresa Atento, Mónica Díaz. Durante a reunión informouse aos responsables da Axencia da situación creada no sector polas graves repercusións sobre o nivel de emprego no Estado e nomeadamente en Galiza, onde se teñen producido despedimentos colectivos en empresas como Jazztel ou máis recentemente en Atento-A Coruña. Os responsables da Axencia amosaron a súa sensibilidade coa situación laboral motivada pola deslocalización do sector de Telemárketing, malia non estar dispostos a revisar as decisións tomadas ata o de agora, entendendo que as actuacións deste ente público, dependente do Ministerio de Xustiza, foron realizadas dentro da máis estrita legalidade. Tamén informaron que as denuncias presentadas pola CIG contra Jazztel, cando se produciu a deslocalización de servizos dende A Coruña cara Arxentina, deron lugar á apertura dun expediente informativo e dunha investigación por parte da Axencia que a día de hoxe aínda continúa aberta. Dende a CIG valorouse moi positivamente esta xuntanza e estase estudando a posibilidade de presentar alegacións ás autorizacións para as transferencias internacionais de datos da clientela de Telefónica e Telefónica Móviles, a países como Perú ou Colombia, que están considerados como países non seguros na protección de datos por parte da Unión Europea. Tamén se está contemplando outro tipo de medidas legais que se poidan interpoñer neste tema, das que dará cumprida información no caso de ser levadas adiante. |
||||
| Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2007 |
||||
|