ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 27 de abril de 2007

A manifestación central será en Vigo
Roldas de prensa en Vigo e Pontevedra para presentar os actos convocados para o 1 de Maio

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Presentación 1º de Maio en Vigo, clic para aumentar
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, presentou este xoves os actos que a CIG organiza desde esta comarca para o 1 de maio. Nesta rolda de prensa tamén estiveron presentes Beatriz Caamaño (á esquerda), responsábel de Finanzas e Persoal, e Chelo Lago, responsábel comarcal de Formación. (Fotos: ©galizacig.com 26/04/2007).
Presentación 1º de Maio en Pontevedra, clic para aumentar
Na rolda de prensa de Pontevedra estiveron presentes Delmiro Durán, responsábel de Acción Sindical, e Rosa Abuín, responsábel de Organización da Comarca de Pontevedra.
 
As comarcas de Vigo e Pontevedra presentaron este xoves en rolda de prensa as mobilizacións e actos convocados polo 1 de maio nestas dúas comarcas. En Vigo, ademais desta manifestación central, tamén organizaron un xantar de confraternidade, e un concerto contra a precariedade da CIG Mocidade.


Rolda de prensa en Vigo

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, presentou este xoves os actos que a CIG organiza desde esta comarca para o 1 de maio. En primeiro lugar presentou a manifestación, convocada pola CIG, que sairá ás 12 da mañá do cruce da Doblada con Urzaiz, e que percorrerá Urzaiz, Colón e Policarpo Sanz, até rematar na Porta do Sol.

Os lemas que este ano centran a campaña do 1 de maio son “Contra os recortes sociais” e “Galiza nación, autodeterminación”. Nesta manifestación participará Suso Seixo, secretario xeral da CIG.

Abraldes nesta rolda de prensa lembrou que “o 1 de Maio é o momento para facer un resumo e balanzo do ano sindical”. Neste sentido, recordou que neste ano se asinou a reforma laboral na que se abaratou o despedimento. Cuestións como a temporalidade, “na actualidade 8,4 de cada 10 contratos son eventuais”, continúa a ser outro dos índices que conforman a precariedade laboral no noso país.

Outra das reformas que se deron na lexislación laboral foi a da reforma das pensións, “na que se instaura unha discriminación no tema da xubilación anticipada, entre outros temas”.

A actuación das mutuas tamén foi outras das cuestións centrais da crítica, xa que “nun mundo no que a sanidade e un dereito público e universal, non se entende como no mundo do traballo se da outra realidade distinta, no que se producen altas indebidas, acortamento dos procesos de convalecencia, e mesmo casos que promoven as mutuas de xente que non está coa alta médica pero lles cortan a prestación económica”.

E todos estes problemas actuais, “teñen unha relación directa coa nosa falta de capacidade de goberno e decisión como pobo” sinalaba Abraldes, “por iso o segundo lema de Galiza nación, autodeterminación, coa reclamación histórica do sindicalismo nacionalista dun marco galego de relacións laborais”.

Nesta rolda de prensa tamén estiveron presentes Beatriz Caamaño, responsábel de Finanzas e Persoal, e Chelo Lago, responsábel comarcal de Formación.

Aproveitaron tamén esta rolda de prensa para informar doutros actos, ademais da manifestación, que terán lugar esa data. O primeiro deles é un xantar de confraternidade, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, que se realizará no Parque de Castrelos baixo unha carpa, e con produtos agroecolóxicos.

A terceira actividade programada para esta data é un concerto, organizado pola CIG Mocidade, que comezará ás 18:30 no Parque de Castrelos. Os grupos que actuarán serán Nao (rap metal), Festicultores (música balcánica) e Skárnio (ska).

Desde a CIG estase a realizar unha intensa actividade de propaganda e difusión de todos estes actos, coa pegada de carteis e faixas ao longo da comarca de Vigo, así como con megafonía, para facer un chamamento a todos os traballadores e traballadoras para que asistan masivamente a estes actos.


Rolda de prensa en Pontevedra

Na rolda de prensa de Pontevedra estiveron presentes Delmiro Durán, responsábel de Acción Sindical, e Rosa Abuín, responsábel de Organización da Comarca de Pontevedra.

Nesta rolda de prensa explicaron tamén os temas centrais deste 1 de Maio en Pontevedra, así como explicaron porque a CIG fai esta convocatoria en solitario, e non con CCOO e UGT, “xa nin tan sequera pensamos niso, despois de ver durante este ano como continuaban a asinar acordos como os de Madrid, de contención salarial e dando ás costas aos traballadores/as, non podemos pensar neste contexto na unidade sindical”, criticaba Delmiro Durán.

A convocatoria de manifestación do 1 de Maio sairá en Pontevedra da Praza da Ferreiría ás 12:30.

 
 
Informacións relacionadas
26/04/2007 “Galiza nación, autodeterminación” será o outro lema de cabeza das manifestacións
A CIG reclamará o 1º de Maio, en todas as cidades do país, “Non ao recorte das prestacións sociais”
18/04/2007 Falouse tamén de mutuas e violencia de xénero
Asemblea comarcal de delegados e delegadas en Vigo para preparar o 1 de Maio
16/04/2007 Os datos de Facenda indican que a pobreza real afecta hoxe a máis do 15% da poboación
1º de Maio: Contra os recortes no sistema de protección social
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta