|
Actualidade CIG-Comunicación-
O motivo da ruptura é a posición adoptada pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Pontevedra (APEC) de negarse a iniciar calquera tipo de conversas mentres non se asine o convenio estatal para o sector que se está a negociar en Madrid. Esta postura patronal ven significar, na práctica, o non acatamento da Sentenza do Tribunal Supremo do 1 de xuño de 2005, emitida a raíz dunha demanda da CIG contra determinados artigos do Convenio Xeral que pretendía restrinxir os contidos da Negociación Colectiva en ámbitos inferiores ao Marco Estatal. Para a Federación da Construción e Madeira da CIG é “moi grave esta postura empresarial que significa non ter en conta para nada as necesidades e reivindicacións dos 35.000 traballadores/as da Construción de Pontevedra, o maior colectivo laboral da provincia”. Ademais, engaden que “dada a precariedade laboral do sector o retraso do convenio significa que miles de traballadores/as eventuais poden quedarse sen cobrar os atrasos que se deriven dos incrementos que se pacten”. Esta postura “denota unha falta de compromiso empresarial coa realidade do país e unha falta de autonomía absoluta fronte aos ditados da gran patronal, o que contradí as súas propias declaracións a prol dunha maior autonomía e capacidade de toma de decisións en Galiza, actuando neste terreo como subordinados ante as decisións adoptados por outros”, salientaron desde a CIG Construción. Neste sentido, afirman desde a CIG Construción que “tamén é verdade que os grandes pactos estatais están a favorecer unha continuada merma dos dereitos dos traballadores/as e unha escandalosa contención dos salarios”. Ante esta situación –é a primeira vez na Historia deste Convenio Colectivo que se produce unha ruptura tan fulminante– a CIG vai intensificar a súa campaña de información cara a iniciar de inmediato mobilizacións en todo o sector da Construción que se concretarían na convocatoria de folga no sector, no caso de que a patronal non atenda de inmediato as reivindicacións presentadas pola CIG, que desde o sector se consideran fundamentais: “centramos as nosas demandas en incrementos salariais do 7%, con adaptacións segundo ás distintas categorías, modificación da xornada laboral, facilidades de xubilación anticipada, novas licenzas e determinadas medidas destinadas a evitar os abusos que se están a cometer en materia de contratación e de dereitos dos traballadores/as”. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/04/2007 |
||||
|