|
Actualidade CIG-Comunicación-
A incidencia que está a ter na cidadanía é moi importante: nos paros dos primeiros días, que eran de 4 horas diarias, deixáronse de revisar 900 coches; na xornada de folga de luns que tivo un paro de 6 outros 900 vehículos víronse afectados na provincia, e este mércores estímase que nestas 8 horas de folga se deixaron de revisar uns 1.200. Polo tanto, estamos a falar duns 3.000 vehículos que non pasaron a ITV nestas seis xornadas. Por parte da empresa continúa a manterse unha postura intransixente a hora de abordar as demandas destes traballadores, o que conleva a imposibilidade de avances na negociación para resolver este conflito. A principios desta semana mantívose un encontro entre os representantes dos diferentes comités e delegados de persoal das catro provincias galegas para pór en común esta situación. Nesta xuntanza acordouse que os compañeiros de A Coruña, Lugo e Ourense manterían asembleas informativas nos centros de traballo destas provincias, para despois manter outro encontro coa finalidade de poñer en común os resultados acadados.
No centro de traballo da ITV de O Porriño os traballadores denunciaron tamén o papel que está a xogar nesta mobilización o delegado de UGT, José Luís Pérez, que continuou na xornada deste mércores amosando o seu interese en traballar nas horas da folga, manifestando deste xeito o seu desprezo, anti-sindicalismo e falta de solidariedade e de conciencia neste conflito.
A folga continua este venres, que será de toda a xornada, desde as 8:30 horas as 20:30 horas. Nesta xornada aparte das concentracións diante dos 6 centros de traballo de Supervisión e Control, o colectivo de traballadores fará unha concentración en algún lugar por determinar co fin de levar as súas demandas a rúa. Este mesmo venres pola tarde terá lugar unha asemblea de traballadores, para que en caso de que non se teña avanzado nada ou que a empresa continúe na mesma postura, acordar as novas xornadas de folga e as mobilizacións precisas. Ademais tal e como se tiña acordado na convocatoria anterior, continúanse a manter tamén os paros para os sábados 21 e 28 de abril en xornada de 13 á 19 horas.
Zélia García: En primeiro lugar poderíasnos contar cando e como comeza o conflito nas ITV de Pontevedra? Rodrigo González: Cando comezamos como Comité pedímoslle á xente que nos presentara por escrito as cousas que crían que debían mudar na empresa, e os temas máis votados son os que estamos a reivindicar: os sábados pola tarde, as vacacións e a paga voluntaria gratificatoria que llo dan a uns si e a outros non. Levamos dous anos e medio achegándolle as nosas demandas á empresa, e desde a empresa nunca se atendeu as nosas reclamacións. Chegou un momento no que lle plantexamos á xente ir a unha folga, facendo paros parciais en principio e aumentando a intensidade dos actos ao longo dos días sempre que non houbera negociación. Zélia García: A ITV é un servizo público que depende da Consellaría de Industria pero que empresa leva a concesión deste servizo? Rodrigo González: A empresa chámase Supervisión y Control SA, é unha empresa privada que traballa para a Xunta de Galiza a través dunha concesión administrativa, neste caso desde 1987. Por iso, entendemos tamén que a Consellaría de Industria debería intervir no conflito pois xa que esta empresa oferta un servizo polo que cobra, e que é obrigatorio (todo o mundo con vehículo ten que pasar por aquí antes ou despois) e debería presionar á empresa para que se sentara a negociar con nós. De feito, desde A Coruña, Lugo e Ourense enviaron un escrito solicitando unha xuntanza de todos os centros de traballo da ITV de Galiza e non lles contestaron, ademais eles tamén se están a pensar unirse a estes paros xa que temos as mesmas reivindicacións e deficitarias condicións. Zélia García: Outra das cuestións que están enriba da mesa neste conflito é o lucrativo do negocio das Inspeccións dos Vehículos. Rodrigo González: Si, estamos falando de millóns de euros ao cabo do ano, é unha empresa que factura moitísimo diñeiro. A media do que gasta aquí cada persoa que ven co seu vehículo é de 35-36 euros (o que máis paga son 46,50 e o que menos 33,75 falando só das revisións periódicas sen contar xa as matriculacións e as reformas que fagan, que hai que pagar a maiores). Ademais entendemos que os puntos que reivindicamos ningún deles implica perda de diñeiro por parte da empresa. Zélia García: Houbo avances ou movementos na posíbel negociación desde que comezaron os paros? Rodrigo González: Non, de momento non houbo ningún contacto. O outro día mandaron unha carta para que lles explicaramos exactamente que puntos eran os que reivindicabamos, que xa o saben de sobra desde hai dous anos e medio, e continuamos así. O último contacto que tivemos coa empresa foi na Delegación de Traballo con Pedro Borrajo, que veu como interlocutor da empresa e dixo que non asumían ningunha das nosas demandas; isto foi o día antes de comezar os paros. Zélia García: Este venres é o primeiro día que tedes unha folga durante todo o día, como enfrontades a vosa sétima xornada de folga? Rodrigo González: Con optimismo, agardamos que se resolva este conflito, e por iso continuaremos a loitar até termos unha solución, incrementando a intensidade dos actos e facendo tamén outro tipo de mobilizacións, máis alá de estar diante dos centros de traballo, iremos onde sexa preciso para continuar a defender os nosos dereitos. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/04/2007 |
|||||||||
|