|
Actualidade CIG-Comunicación-
Suso Seixo, que asistiu á xuntanza en representación da CIG xunto ao secretario comarcal de Compostela, Anxo Noceda, congratulouse de que por fin se celebrara esta xuntanza, logo de vir solicitando unha cita co presidente da Xunta desde xullo do ano pasado. Para a CIG foi especialmente satisfactorio o cambio de posicionamento de Touriño, con respecto as súas últimas declaracións, nas que aseguraba que non admitiría ningún retraso da obra e nas que exixía a Fomento o cumprimento dos prazos previstos. Desta volta, o titular do Executivo admitiu a necesidade de valorar un posíbel cambio de trazado. Para iso, comprometeuse a solicitar do Ministerio de Fomento un informe no que se avaliaran os posíbeis atrasos das obras por mor dunha modificación da liña do TAV ao seu paso por Serrabal; os posíbeis atrasos por mor da modificación, xa pactada co Ministerio, da liña ao seu paso por Lalín –debido a que pasaría sobre dous castros- e comparar estes prazos cos previstos para o remate da obra. En función diso, se son tempos razoábeis, Touriño comprometeuse a valorar, desde o Goberno galego, a posibilidade de mudar o trazado. Pola súa banda, Suso Seixo, malia estar gratamente sorprendido con esta resposta advertiu que “agardamos que isto non obedeza a unha estratexia motivada por estar en campaña electoral, para quitarse o problema de enriba. Agardamos que non sexa así e, de feito, a sensación que sacamos foi que realmente había unha preocupación por buscarlle unha saída ao tema. Por iso, insistimos tamén en que calquera informe que se recabe de Fomento para tomar unha decisión non debe superar o prazo previsto de entre 15 ou 20 días, para celebrar, xa cos datos nas mans, unha nova xuntanza na que se valoraría ese informe e se adoptaría unha postura definitiva”. O secretario xeral da CIG engadiu, na súa valoración da xuntanza que “nós estaremos enriba do tema para garantir que o prazo en que Fomento envíe o informe non vaia máis alá diso, porque non queremos que se utilice despois o tempo como xustificación para logo non favorecer un cambio de trazado”.
Na reunión, os representantes sindicais explicaron que, sendo conscientes de que este é un tema delicado, as circunstancias exixían tratalo ao máximo nivel, tanto polo que supón o TAV para Galiza -unha infraestrutura importante para o desenvolvemento do país-, como polas posíbeis repercusións que tería –agora e no futuro- para a explotación da mina de Serrabal e para os postos de traballo da mesma e das empresas que transforman esa materia prima. Neste sentido, lembráronelle ao presidente da Xunta que xa se abriron liñas de investigación que están permitindo que se produza silicio solar e que se vai a iniciar a explotación industrial do mesmo. Tamén lle transmitiron ao titular do Executivo a necesidade de que se lle buscase unha saída, de forma que “non puidera ser utilizado por parte de ninguén, nomeadamente polo PP, que é o culpábel do actual trazado”. Alén diso, manifestaron as súas discrepancias coas declaracións realizadas por Touriño quen, até o de agora, sempre se posicionou contra calquera variante porque, segundo el, impediría o remate das obras no prazo previsto. Neste sentido explicaron que non se podía falar só do tramo Santiago-Ourense, senón que había que tomar como referencia o traxecto total. Así, lembraron que as previsións para o conxunto da obra, no mellor dos casos, son que estea rematado para o 2013, co cal o cambio de trazado na mina de Serrabal no afectaría a ese prazo. A maiores lembraron que o xoves 26 de abril fíxose público que habería unha modificación do trazado ao paso do TAV por Lalín tras aparecer dous castros e que xa se pactara con Fomento o cambio de trazado, sen ter en conta, neste caso os atrasos que provocaría. Deste xeito, “se é admisíbel o retraso que iso vai xerar, para non afectar aos castros sería igualmente admisíbel que se aceptara o camnbio de trazado á altura desta mina. Cambios que ademais se sumarían no tempo e que non se superporían”, sostén Seixo. Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, que tamén asistiou á xuntanza, reiterou o seu apoio ao mantemento dos postos de traballo e a que se opte por un cambio de trazado, convencido tamén de que no traxecto total do TAV este cambio non vai supor un atraso substancial dos prazos previstos e que é importante que se manteñan os postos de traballo e favorecer a explotación do silicio solar e a súa transformación. |
|||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2007 |
|||||||||||||||||||||||||||
|