|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Morreu sen conseguir os restos do cadáver torturado e esnaquizado do seu fillo. Un deses bos e xenerosos que deron a vida por nada. Mais María Teresa deixou un exemplo de vida imborrábel. Dende a súa loita denodada contra a farsa democrática que era a “democracia” venezolana de entre 1959 e 1999, na que a desaparición (asasinato) dos opoñentes políticos foi unha práctica habitual dos gobernos de Rómulo Betancourt, Raúl Leoni, Rafael Caldera, Carlos Andrés Pérez e Jaime Lusinchi. Sen culpábeis polas desaparicións, asasinatos e torturas. Un exército represor do seu propio pobo servía a tiranos con disfraces de “lexitimidade” e legalidade democrática. Eran os anos en que a Escola das Américas do Comando Sur de Estados Unidos con base en Panamá (hoxe en Georgia-EUA) adestraba no exercicio da tortura e o asasinato a maior parte dos oficiais e exércitos de Latinoamérica. María Teresa tomou parte activa na defensa da democracia contra o golpe de Estado de xullo de 1936 polos militares fascistas e forzas políticas e sociais reaccionarias. Os seus irmáns Juan, Luís (falecido na fronte de Madrid), Francisco e o seu pai foron todos membros do exército legal da República, mentres que María Teresa desenvolveu o seu labor no Ministerio de Guerra con Indalecio Prieto e con Ignacio Hidalgo de Cisneros, encargado das compras de armas para a República. Casa co aviador segoviano Braulio Tejero, e ambos os dous marchan ao exilio francés en 1939. Perseguida e buscada polas autoridades franquistas, o seu nome será radiado por todo o Estado español fascista como unha perseguida.
Este caso, grazas á intervención e loita de María Teresa e do deputado e xornalista José Vicente Rangel, será unha pugna entre a solicitude de xustiza por parte dunha muller valorosa contra un Estado corrupto asasino con máscara de democrático. Até o día da súa morte, por intermediación da súa filla Maite e a asociación polos dereitos humanos que preside, continuou esa guerra contra o esquecemento e a impunidade. A guerra converteuse nunha guerra de principios, pois eran e son os adversarios do actual goberno democrático venezolano, no que non existen as desaparicións nin as persecucións, os responsábeis e lexitimarios do sistema represor que gobernou Venezuela entre 1959 e 1999 co título de democrático. Resta pechar os ollos e pensar en María Teresa. As derradeiras veces que tiven a oportunidade de estar con ela xa non podía falar. Coas mans e ollos falaba. Sabía que eu viña dun lugar que ela deixara hai moitos anos e ao que xamais volveu. Sabía polas mans que compartía o mesmo ideario do seu fillo e sentía unha grande admiración polo seu internacionalismo e desprendemento. Tráxico destino é a morte. O único destino. Queda a pregunta que se facía Octavio Paz en El laberinto de la soledad “porque non sabemos se nacer sexa morrer, porque non sabemos se morrer sexa nacer”. María Teresa, dende este, o teu pequeno país, dicirche que venceremos. |
|||||||||||
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2007 |
|||||||||||
|